"Hai xente que pon carteis de 'prohibido'. Nós non, nós sempre abrimos as portas a todas as actividades que se fagan no monte, sempre que sexan con respecto e mantendo a súa riqueza. Canta máis xente haxa no monte, máis respecto terán por el". Falamos con Alberto Covelo, presidente da Comunidade de Montes de Vincios, entre Vigo e Gondomar, na Serra do Galiñeiro, unha serra ameazada dende hai anos por varios proxectos eólicos e tamén mineiros. Canto máis grande era a ameaza, maior o interese dos comuneiros por destacar as riquezas sociais, culturais e económicas do seu monte, unha idea de monte coidado e xerador de riqueza, "un monte multifuncional", en palabras de Alberto Covelo.
"Eses proxectos volverán poñerse en marcha cando os ventos económicos sexan favorables, e todo acabará nun proceso xudicial no que o xuíz terá que equilibrar dous intereses públicos: o noso monte, que é público e que beneficia á comunidade, e a concesión eólica, que tamén terá un interese público, porque é fomentado pola administración" -explica- "nós entendiamos que para gañar esta batalla final tiñamos que ir adiantando traballo. Fomos editando libros e dossieres sobre esa riqueza, para que cando veñan estes proxectos teñan que recollelo nas súas declaracións de impacto ambiental, e para que o xuíz tamén o teña en conta".
E dos libros, á idea de recoller toda esta información nunha web, coa filosofía de partida de que unicamente coñecendo un lugar podes chegar a amalo e, polo tanto, a respectalo e protexelo. "Cando se coñecen os plans para instalar un parque eólico na zona, eles querían ter ferramentas que fixeran ver a todo o mundo todas as riquezas que había que protexer", destaca a arquitecta Joana Covelo, responsable de Cartografías Sensibles. "Pero en lugar de facer unha web sobre os prexuízos que causan os eólicos, a idea era facer unha defensa do monte en positivo, que conte as cousas boas que ten ese monte, para que namores del. Se ti tes esta información, se ti es consciente das riquezas que hai no monte, no momento en que teñamos a ameaza eólica enriba, loitarás contra ela, non fará falla que eu te convenza, non fará falla que eu che conte nada máis", subliña.
"En lugar de facer unha web sobre os prexuízos que causan os eólicos, a idea era facer unha defensa do monte en positivo, que conte as cousas boas que ten ese monte, para que namores del"
Cartografías sensibles aproveita as posibilidades multimedia e de xeolocalización para construír un catálogo virtual con información sobre 200 lugares da parroquia, patrimonio natural, material e inmaterial, acompañados de 368 fotografías, 22 vídeos, 180 minutos de entrevistas, 329 quilómetros de rutas de sendeirismo e información sobre as 38 hectáreas de proxectos impulsados pola Comunidade de Montes de Vincios. Un traballo, ademais, colaborativo, construído entre todos os veciños e veciñas da parroquia, ademais de botar man de todos os testemuños e fontes documentais dispoñibles e que permitiu recuperar e difundir documentos valiosísimos e mesmo filmación da parroquia dos anos vinte e trinta que poucos veciños coñecían.
Joana Covelo destaca que "isto só foi posible pola colaboración dos veciños, porque todos se volcaron. Nós puxemos a estrutura da web, pero foron eles os que entre todos construíron o proxecto. O relato dun veciño levábanos a outro veciño, e con todos mantivemos conversas; pasabamos a tarde con eles e todo isto está recollido no proxecto". Ela, que é veciña da parroquia, coñecía ben algúns dos elementos que se recollen na web, pero outros foron un descubrimento tamén para ela, "coma a existencia de covas na parroquia e as posibilidades da espeleoloxía". Destaca, así mesmo, que "a filosofía foi a que tratar toda a información por igual: para nós valía o mesmo o testemuño dun canteiro e o dun historiador. E este trato por igual tamén lle gustou á xente".
O valor do monte
Alberto Covelo destaca unha e outra vez a riqueza que ten o monte se se sabe traballar nel, promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer
"Nos anos 50 a economía maioritaria en Vincios era os homes nas canteiras e as mulleres nas plantacións de eucaliptos. Dicía un compañeiro que había que meter Vincios no século XXI. Non sei se o logramos ou se o lograremos algún día, pero si que temos unha ferramenta moi importante", destaca Alberto Covelo, que no seu relato destaca unha e outra vez a riqueza que ten o monte se se sabe traballar nel, promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer. "Somos a única comunidade que temos alugadas unhas hectáreas para o aproveitamento de frondosas, neste caso castiñeiro. Tamén somos a única que temos cedidas hectáreas para o Bantegal, unha figura interesantísimo. E todo iso quérenolo quitar para darllo a non se sabe quen".
Neste momento, ademais, ofrecen de balde unha importante extensión de monte para unha persoa ou familia que a queira traballar. "Temos unha plantación de cogomelos de 70.000 metros cadrados e outra de castiñeiros de 30.000. Se hai unha persoa nova interesada en xestionar estas dúas parcelas, nós cedémosllas de maneira gratuíta. Non se vai facer rica, pero poderá saír adiante", destaca.
Exportar o modelo
"Non sei se todas as comunidades apostarían por este tipo de proxectos, pero se cadra aquelas que teñen unha ameaza enriba e que senten que deben poñer en valor o que teñen, si que deberían seguir esta metodoloxía"
A metodoloxía empregada en Vincios se cadra podería ser aproveitada por outras comunidades de montes e parroquias en toda Galicia. Neste senso Joana Covelo sinala que "non sei se todas as comunidades apostarían por este tipo de proxectos, pero se cadra aquelas que teñen unha ameaza enriba e que senten que deben poñer en valor o que teñen, si que deberían seguir esta metodoloxía". E cita, por exemplo, á Serra da Groba, ameazada por varios proxectos eólicos, igual que o Galiñeiro.
Vincios non é o únco exemplo. O Monte é noso_Sachando procomún é un proxecto colaborativo e horizontal que procura facilitar a visibilidade dos montes comunais e das comunidades que as xestionan, así como a reapropiación destes montes por parte dos veciños e veciñas por ser estes garantes na sustentabilidade dos territorios. Outros dos obxectivos do grupo O Monte é noso é motivar os comuneiros a que sexan partícipes da multifuncionalidade don montes e da súa revalorización.
Os grupos que participan no proxecto desenvolven un mapa interactivo dos montes comunais galegos e un dispositivo de coñecemento colectivo nunha web aberta, colaborativa e libre. Dará lugar a unha ferramenta de xeovisibilización de contidos (mapa interactivo) para que, dun xeito moi sinxelo e lúdico, todos (comuneiros ou interesados) poidan utilizala e contribuir na construción participativa do coñecemento colectivo que rodea aos montes, organizando a información nun mapa en diferentes “capas” ou temáticas segundo o interese das propias persoas usuarias que o utilicen.