O Goberno galego elabora anualmente dende 2010 a través da súa Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) un plan de acción en materia de software libre como mostra do seu "compromiso firme de promoción e difusión" dos programas de código aberto. O último dispoñible, o de 2013, foi presentado en abril do pasado ano e enmarcado no "fomento do uso do software libre e de fontes abertas" tanto no sector empresarial como na propia Administración como "aposta estratéxica" da Xunta. Mentres a Xunta reiteraba estas e outras intencións semellantes, a través do mesmo organismo teimou en esixir que os seus novos ordenadores trouxesen instalados un dos emblemas do software privativo, o sistema operativo Windows.
Apenas un mes despois de presentar o plan de 2013, no mes de maio, a Amtega iniciaba o proceso para adquirir cinco lotes de material tecnolóxico por case 900.000 euros, cofinanciados ata nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O máis cuantioso deses lotes, que absorbía practicamente a metade dos cartos de toda a operación, ascendía a máis de 420.000 euros para a compra de "581 ordenadores de posto de traballo" para persoal da Xunta con cadansúa pantalla. Entre as "características técnicas mínimas" a Xunta esixía que cada equipo trouxese consigo unha "licenza para poder instalar Microsoft Windows 7 Professional na máquina física ou nunha virtual nesa mesma máquina física".
A Xunta asegura que pula pola "migración" dos postos de traballo públicos a software libre, pero segue mercando licenzas de Windows
Neste escenario a Xunta non só obviaba o seu propio obxectivo de ir, progresivamente, "migrando a software libre" os equipos que utilizan os seus traballadores e traballadoras, senón que ademais impedía que as empresas que optasen a ser contratistas lle ofrecesen unha alternativa máis eficiente, máis barata ou máis adaptada ás necesidades da Administración que o sistema operativo de Microsoft, que xa se dispón a lanzar a versión 9 do seu produto estrela. Con estas condicións de partida ata seis empresas optaron a facerse co voluminoso contrato público.
Tras un proceso de valoración de ofertas que se estendeu durante todo o pasado verán, a comezos de decembro a Administración autonómica decidíase pola oferta que presentara QUED Systems, unha empresa vinculada á coruñesa Altia que se ofreceu a facer o subministro 313.740 euros que, unha vez sumado o correspondente IVE, chegan a 379.625,40 euros para o erario. O contrato foi formalizado o 31 de decembro e, dende ese día, a compañía dispuña de ata tres meses para entregar os novos ordenadores da Xunta con cadansúa licenza de Windows. Mentres, oficialmente, o Goberno galego gábase dun "incremento do software libre nos equipos dos empregados públicos", especificando que no ano 2009 menos da metade tiñan algún programa de código aberto no seu ordenador e que en 2012 este indicador chegaba ata o 94%.