A 'smart city' da Coruña: A cidade do futuro ou fume tecnolóxico?

Carlos Negreira, na presentación do proxecto de 'Smart City' © Concello da Coruña

O proxecto Coruña Smart City é unha das iniciativas estrela do goberno do popular Carlos Negreira. Cun orzamento que rolda os 12 millóns de euros, naceu en 2012 co obxectivo de construír unha plataforma tecnolóxica que, de forma transversal, servise de base ás distintas actividades e servizos desenvolvidos pola administración e a iniciativa privada na cidade.

O concepto de cidade intelixente foi posto en marcha en varias cidade españolas, como Rivas Vaciamadrid, Málaga, Santander ou Barcelona, e dende un inicio o alcalde Negreira acompañou o proxecto con definicións grandilocuentes, como por exemplo que “con este proxecto extraordinario Coruña quere estar nese grupo de catro ou cinco operadores a nivel mundial que desenvolven solucións urbanas” ou que reforzaría "o papel de Coruña como referente tecnolóxico do noroeste peninsular”. Ademais, o Goberno municipal prometeu que a iniciativa crearía dous mil empregos na cidade.

Hai unhas semanas o vicesecretario xeral dos socialistas coruñeses, Pedro Armas, denunciaba que "até agora a Smart City non foi máis ca un xoguete custoso en mans dun alcalde pretencioso"

Porén, as forzas da oposición municipal teñen realizado numerosas críticas a este ambicioso proxecto, moitas dirixidas ao seu lento desenvolvemento e á ausencia de resultados concretos. Hai unhas semanas o vicesecretario xeral dos socialistas coruñeses, Pedro Armas, denunciaba que "até agora a Smart City non foi máis ca un xoguete custoso en mans dun alcalde pretencioso" e engadía que as súas "bases" se estaban sentando "a ritmo de Negreira, é dicir, a ritmo lento". 

Armas sinalaba que Smart City é "un concepto do ámbito empresarial, un concepto de marketing, non de economía produtiva, e que a tecnoloxía non é importante por si mesma, senón polo uso que se fai dela" e que "a cidade non é intelixente se non atrae a instalación de empresas e non xera emprego cualificado". O responsable do PSdeG-PSOE concluía que "cidade intelixente é aquela na que se xestionan os recursos de acordo coas prioridades sociais, adaptándose obviamente aos tiempos, equipándose coa tecnoloxía necesaria, non coa tecnoloxía que pretenden colocar no mercado empresas que encandilan os dirixentes locais".

"Cidade intelixente é aquela na que se xestionan os recursos de acordo coas prioridades sociais, equipándose coa tecnoloxía necesaria, non coa tecnoloxía que pretenden colocar no mercado empresas que encandilan os dirixentes locais"

De igual xeito, o voceiro de Esquerda Unida-Os Verdes, César Santiso situaba hai un ano Smart Cities, xunto co plan de mobilidade ou o proxecto Coruña Futura, como un exemplo de que "o goberno local é unha máquina de malgastar cartos en informes e plans que sabe que non poderá desenvolver nesta lexislatura e mentres a xente pasa fame”. E, máis recentemente, o proxecto viuse contaminado por unha ligazón coa trama da Pokémon, pois no sumario do caso figuraba unha xuntanza entre o alcalde Carlos Negreira, o concelleiro coruñés Martín Fernández Prado, o compostelá Ángel Espadas, con directivos de Aguagest e Agualogy, cun "interese empresarial presuntamente relacionado coas Smart Cities", segundo denunciou o BNG, e en concreto polo contrato da plataforma tecnolóxica, valorado en cinco millóns de euros.

 

Doce millóns de euros, escasos resultados

A "lentitude" á que se refería Armas ten que ver co incumprimento dos prazos fixados nun inicio para o desenvolvemento do proxecto. En xullo de 2012 licitouse o deseño da referida plataforma técnica e da oficina técnica, cun custe total de 4,97 millóns de euros. O concurso adxudícase finalmente a unha unión temporal de empresas composta por Indra, Ilux, Altia e R, que ofrece unha rebaixa de case un millón de euros, deixando o custe final en 3,2 millóns de euros. Na programación prevíase que os restantes sete millóns de euros, destinados a pagar as actuacións e proxectos específicos, deberían estar investidos antes do 31 de decembro de 2013 e xustificados nos dous anos posteriores. 

Este luns coñecemos un deles, unha aplicación informática de párking inteligente, que ofrecerá información en tempo real sobre as prazas de aparcamento que hai libres nos estacionamientos subterráneos, e que custará outros 185 mil euros

Porén, até unhas poucas semanas antes de que se cumprise ese primeiro prazo, rexistráronse escasos avances. Só en novembro do pasado licitáronse os primeiros: un de información de eventos culturais e outro de xestión intelixente do rego en dez parques e xardíns da cidade, cun custe de 250 mil euros. E o Goberno municipal promete que nos primeiros meses de 2014 se irán licitando 13 novos proxectos, cun custe total de sete millóns de euros. Este luns coñecemos un deles, unha aplicación informática de párking inteligente, que ofrecerá información en tempo real sobre as prazas de aparcamento que hai libres nos estacionamientos subterráneos, e que custará outros 185 mil euros.

Pouco se sabe dos dous mil empregos prometidos, aínda que recentemente o alcalde Carlos Negreira recoñeceu que a metade deles correspondían ás empresas que se fixeron co concurso para desenvolver a plataforma tecnolóxica (Indra, Illux, Altia e R). Para o PSdeG-PSOE, Negreira "vende fume tecnolóxico" e os socialistas subliñan que "a un goberno municipal que presume de transparencia e que presume de Smart City, vanlle esixir transparencia na Smart City. Vanlle pedir contas no desenvolvemento deste proxecto millonario".

Carlos Negreira, na presentación do proxecto de 'Smart City' © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.