"Toda a sociedade coñece a Bill Gates ou Steve Jobs. Pero quen coñece a Marissa Mayer? É a presidenta de Yahoo"

Susana Ladra, vicedecana da Facultade de Informática da Coruña © UDC

Nacida en 1984 Susana Ladra, vicedecana de Organización Académica da Facultade de Informática da Coruña (UDC), acumula unha longa lista de méritos, recoñecementos e responsabilidades. É tamén profesora contratada doutora na súa facultade. Recentemente foi recoñecida pola Xunta, co gallo do Día Internacional da Muller, xunto con outras seis profesionais destacadas nos seus respectivos eidos. Previamente recibira tamén o Premio Ada Byronun galardón que entrega o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) para destacar salientar e facer visible a participación feminina no ámbito da tecnoloxía.

Durante a súa etapa de estudante recibiu o primeiro Premio Nacional de Fin de Carreira de Enxeñaría Informática entregado polo Ministerio de Educación, o Premio Extraordinario de Doutoramento da UDC o premio á mellor tese de doutoramento no campo da Recuperación da Información, outorgado pola Sociedade Española de Recuperación da Información. Nos últimos anos, Susana Ladra vén desenvolvendo unha intensa actividade investigadora en distintas áreas, como recuperación de información, compresión, análise de algoritmos e estruturas de datos. Participou tamén en proxectos de investigación competitivos e realizou estadías no CSIC, na Universidade de Chile, na Universidade de Helsinki e na Universidade de Waterloo (Canadá).

A presenza das mulleres nas carreiras científicas e técnicas segue sendo baixa, e moito máis en informática. A que cres que se debe?

No curso académico actual, a porcentaxe de mulleres que entraron en primeiro curso do Grao en Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña é do 13,8%. A porcentaxe é moi baixa, e o máis preocupante é que segue unha tendencia decrecente. Cando eu estudei a carreira esta porcentaxe situábase entre un 25 e un 30%. Está claro polo tanto que este é un ámbito onde as mulleres somos unha minoría, e isto é un problema: estamos perdendo potencialmente o talento das mulleres que son afastadas, por un motivo ou por outro, deste campo, e estas mulleres están a perder oportunidades nun sector en auxe na sociedade na que vivimos.

"Estamos perdendo potencialmente o talento das mulleres que son afastadas, por un motivo ou por outro, deste campo, e estas mulleres están a perder oportunidades nun sector en auxe na sociedade na que vivimos"

O propio Ministerio de Economía e Competitividade recoñece o papel protagonista das Tecnoloxías da Información no desenvolvemento das economías e sociedades modernas, xerando un valor bruto de máis dun 20% do PIB. Na miña opinión, estas porcentaxes tan baixas de mulleres en informática débense a diversos factores, e especialmente ao descoñecemento da carreira e da profesión da sociedade en xeral e os estereotipos de xénero que seguen a prevalecer na elección da carreira universitaria.

Ademais, existe unha imaxe preconcibida dos informáticos que non se asemella nada á realidade. En contra do estereotipo de persoa friki, asocial e que está pechada na súa habitación cun ordenador, os enxeñeiros en informática deben ter grandes habilidades sociais, xa que adoitan traballar en equipo, e moitas das veces en proxectos multidisciplinares. Teñen que traballar moi directamente con clientes, entendendo as súas necesidades. Existe un descoñecemento xeneralizado do que significa e achega a enxeñaría informática na nosa sociedade, fomentado en parte polo estado no que se encontra na actualidade a nosa profesión. E non quero entrar aquí no debate sobre a lei de servizos profesionais e a enxeñaría en informática porque daría para outra entrevista extensa...
 
Que proporías como solución ou como estímulo para unha maior incorporación?

"En contra do estereotipo de persoa friki, asocial e que está pechada na súa habitación cun ordenador, os enxeñeiros en informática deben ter grandes habilidades sociais, xa que adoitan traballar en equipo"

Levamos anos intentando buscar solucións para incorporar máis rapazas cada ano as nosas aulas, pero parece que non somos capaces. Como sociedade cremos que os estereotipos de xénero xa están superados, pero aínda hai quen pensa que a informática é cousa de homes. Unha estudante da nosa facultade comentounos que o seu orientador do instituto intentou disuadila de que estudase a carreira con ese argumento. É de agradecer que ela non lle fixese caso.

Con respecto a isto, creo que faltan referentes femininos que sirvan de modelos a futuras estudantes, e en xeral, a toda a sociedade. Toda a sociedade coñece nomes de homes de éxito no mundo da informática: Bill Gates, Steve Jobs, Mark Zuckerberg e un largo etcétera. Pero quen coñece a Marissa Mayer? É a presidenta de Yahoo. Ou quen sabe que HP ou Microsoft España están presididas tamén por mulleres? É necesario que as mozas coñezan que existen mulleres liderando empresas do sector.

Na Facultade de Informática, e dentro da nosa capacidade, intentamos non perpetuar os estereotipos que antes comentaba, e nas xornadas de orientación universitaria e nas visitas que fan os estudantes de instituto á facultade sempre participamos mulleres, de forma que vexan que a carreira non é unha carreira de homes. E ademais tentamos transmitir o papel das tecnoloxías da información na sociedade e a posibilidade de traballar en calquera ámbito. Problema é que esta información xa chega tarde, no alumnado de secundaria xa observamos que existen diferenzas en canto ao interese pola carreira por parte de estudantes.

"Toda a sociedade coñece nomes de homes de éxito no mundo da informática: Bill Gates, Steve Jobs, Mark Zuckerberg... Pero quen coñece a Marissa Mayer? É a presidenta de Yahoo. Ou quen sabe que HP ou Microsoft España están presididas tamén por mulleres?"

É necesario polo tanto transmitir estas ideas ás rapazas moito mais novas, e en iso tamén intentamos colaborar. O próximo día 24 de abril é o International Girls in ICT Day, día internacional das rapazas nas TIC, e celebraranse máis de 2700 eventos en 121 países. Nos participaremos no organizado polo CESGA en Santiago, polo que animo a todas as rapazas a que participen no evento e descubran as posibilidades que ofrece o sector TIC.
 
Que che levou a ti a interesarte por este campo? Como llo venderías a calquera rapaz ou rapaza que poida estar dubidando se estudar Informática?

Como eu non podía ser menos, dentro do descoñecemento xeral da profesión, eu entrei cunha idea da carreira diferente á realidade. Eu entrei na carreira atraída polas ciencias da computación, pola algoritmia, non tanto polo seu aspecto de enxeñaría, que é o que máis descoñece a sociedade. E é precisamente este aspecto, no que se aprende a planificar, deseñar, desenvolver e manter sistemas complexos o que agora mesmo valoro máis da miña formación. Tratar con clientes, analizar os requisitos que debe ter o sistema, estimar os recursos necesarios para o seu desenvolvemento,…

Con respecto a como se pode vender a Enxeñaría Informática, vouche dicir o que eu digo a todos os estudantes que veñen a visitar a Facultade de Informática da UDC, e que mesmo está escrito na información sobre o noso estudo na web. Eu creo que a Enxeñaría Informática é un traballo apaixonante, que ofrece oportunidades de traballo en contextos moi diversos e fomenta a innovación en todas as ramas da ciencia. É parte de todo o que nos rodea, e despois de estudar a carreira podes encontrar traballo alí onde máis te motive, xa sexa na investigación computación, ou en empresas dedicadas á biomedicina, á aeronáutica… Ademais, é un campo moi estimulante, xa que é case imposible predicir como será o futuro.

E, por suposto, o argumento que pode ter un maior impacto neste momento de crise e paro no que nos encontramos é a alta empregabilidade dos enxeñeiros en informática, cun 91,77% traballando, atopando o primeiro emprego nunha media de 2,46 meses desde que se empeza a buscar traballo. O número de ofertas de traballo no campo da informática segue crecendo: segundo as estimacións será o campo con maior potencial de xeración de novos postos de traballo, cun número moito maior que os demandantes de emprego neste sector. Sen esquecer a posibilidade de establecerse por conta propia, que é moito máis doado que en outros campos. Teño moitos compañeiros que crearon a súa propia empresa con éxito nestes momentos no que moitas outras empresas doutros sectores están pechando.

"Galicia está a superar na boa dirección con respecto ao desenvolvemento TIC, superando as tradicionais barreiras xeográficas que supoñen estar nunca rexión ata agora periférica"

Como valoras o desenvolvemento da TIC en Galicia? Estamos aproveitando todas as oportunidades que se abren neste campo como deberíamos?

Segundo a miña opinión, Galicia está a superar na boa dirección con respecto ao desenvolvemento TIC, superando as tradicionais barreiras xeográficas que supoñen estar nunca rexión ata agora periférica. Creo que as autoridades son conscientes da necesidade de potenciar esta Sociedade da Información. Está habendo investimento en modernización, e parece que estamos a converxer coa Unión Europea no emprego das tecnoloxías da información e das comunicacións. Por suposto quedan moitos sitios onde mellorar e potenciar o seu uso, pero creo que imos na boa dirección.
 
Somos conscientes e aproveitamos todas as posibilidades que abre o Big Data?

Eu creo que si somos conscientes, e dende todos os ámbitos está xurdindo interese polo Big Data: gobernos, empresas,  investigadores, … Sabemos que existe información moi valiosa oculta en grandes volumes de datos que se obteñen de moi diversas fontes, por exemplo transaccións diarias en bancos, supermercados, compras online, interaccións en redes sociais, acceso a páxinas web, sensores, e un moi largo etcétera. Por exemplo, unha rede de supermercados analiza os patróns de comportamento dos seus compradores para mellorar as súas vendas, ou un banco pode analizar e determinar comportamentos anómalos para detectar fraudes. Os gobernos intentan analizar os comportamentos das persoas para detectar posibles criminais. Analizando os casos pasados, podemos intentar predicir o futuro, e, xeralmente, cantos máis casos poidamos analizar, mellor será a predición.

"Existe información moi valiosa oculta en grandes volumes de datos que se obteñen de moi diversas fontes, por exemplo transaccións diarias en bancos, supermercados, compras online, interaccións en redes sociais, acceso a páxinas web"

O problema e que non sempre se sabe como extraer esa información dos datos, ou non ten os medios técnicos para facelo (sobre todo dependendo do big que sexan os datos) ou directamente os datos non teñen a calidade suficiente para poder obter coñecemento deles. É un campo de investigación en crecemento, con moita interese por parte dos organismos tanto públicos como privados, polo que eu auguro avances significativos nestes próximos anos.
 
Fixeches varias estadías no estranxeiro. Tras a experiencia, e en termos comparados, como valoras a formación e a investigación que se realiza nas nosas facultades? 

"Teño compañeiros que, vistas as escasas posibilidades que existen aquí, están marchando a eses países para poder seguir traballando no seu. Na actualidade, España sufre un importante problema de financiamento para investigación"

A verdade e que puiden coñecer de primeira man realidades tan distintas como as que se encontran na Universidade de Chile, Universidade de Helsinki (Finlandia) e Universidade de Waterloo (Canadá). Todas elas importantísimas universidades onde estudaron ou traballaron gañadores de Premios Nobel, e por tanto, todas teñen unha formación académica de alto nivel, pero que viven en moi diferentes realidades. Por exemplo, a formación académica en Finlandia é unha das mellores, ademais de ser gratuíta tamén no ensino superior. En Chile, pola outra banda, vivíronse intensas mobilizacións de estudantes, unha de elas coincidiu cando eu estaba alí, que reclamaban un cambio do sistema educativo superior cun maior gasto público en educación superior que evite que os estudantes teñan que pagar unha porcentaxe moi ampla do custo da súa educación, que acabe cos préstamos universitarios abusivos que tiñan que solicitar. Ademais, existen universidades de gran prestixio, como a Universidade de Chile, pero moitísimas universidades pequenas e privadas cunha calidade discutida, igual que os seus fins supostamente sen ánimo de lucro pero controladas por grupos empresariais.

En todo caso, toda elas gozan dunha mellor saúde, comparada coa universidade española, en canto ás posibilidades para os investigadores novos. Teño compañeiros que, vistas as escasas posibilidades que existen aquí, están marchando a eses países para poder seguir traballando no seu. Na actualidade, España sufre un importante problema de financiamento para investigación.O mellor do sector TIC ao que pertencemos é que a nosa investigación pode ser aplicada en moi diversos sectores, polo que actualmente explotamos a nosa investigación en convenios con empresas ou outras entidades, potenciando a transferencia da investigación á sociedade. 

Susana Ladra, vicedecana da Facultade de Informática da Coruña © UDC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.