0 Gardados para despois

Puntogal: 8 anos de traballo silandeiro

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Todo camiño, por longo que sexa, comeza cun pequeno paso. Galicia está ás portas de acadar un obxectivo polo que leva pelexando case unha década: contar cun dominio de seu, o .gal, un dominio de primeiro nivel para a lingua e a cultura galegas. Un éxito de toda a sociedade, como adoitan destacar dende a Asociación Puntogal, que terá beneficios inmediatos non só simbólicos senón tamén tanxibles. Un longo camiño que se completará nos vindeiros días e que comezou oficialmente un 10 de xuño de 2006 coa posta en marcha da Asociación Puntogal. 

Con todo, o obxectivo levaba sobre a mesa algún tempo máis, cando menos dende que o 16 de setembro de 2005 a ICAAN aprobaba o dominio .cat. Era a primeira vez que unha comunidade cultural e lingüística acadaba esta posibilidade para rexistrar as súas páxinas web. O esforzo catalán, asentado na potencia económica deste territorio, e nun masivo apoio social, demostrou que era posible, que o puntogal non era unha quimera. O propio director da Fundació Puntcat, Jordi Iparraguirre, destacaba hai dous anos entrevistado por Praza que o feito de que o .cat funcionara ben e non dera ningún problema abrira o camiño para outros dominios culturais: "mesmo a ICAAN comezou a falar ultimamente da necesidade de priorizar este tipo de dominios culturais, porque son pequenos e funcionan ben". 

O éxito catalán non chegara de súpeto. Foi o resultado, ao igual que agora o éxito do puntogal, de case unha década de traballo que comezara en 1996 coa creación da Associació en Defensa del Domini .ct. Finalmente, optouse por outra estratexia, a do dominio para comunidades culturais ou lingüísticas. En 2001 creouse a Associació puntCAT, que iniciou unha campaña de recollida de apoios entre a sociedade catalá, e tres anos máis tarde presentouse na ICAAN a candidatura oficial, co aval de 68 mil persoas, empresas e entidades, algo que nunca fixera ningunha outra candidatura. 

O éxito catalán non chegara de súpeto. Foi o resultado, ao igual que agora o éxito do puntogal, de case unha década de traballo

A clave para acadar o obxectivo era reunir un gran consenso social e político ao seu redor. Era imprescindible contar co apoio de empresas, entidades culturais, das administracións (o 7 de febreiro de 2007 a Xunta comunicou o seu apoio oficial á candidatura) e da sociedade, que debía visibilizar que a reivindicación era masiva: o 3 de febreiro de 2009 Puntogal superaba as 10.000 sinaturas de apoio. Camilo Regueiro, vicepresidente da Asociación Puntogal, destacaba hai dous anos en Praza a actividade desenvolvida pola asociación neste senso: "Esforzámonos moito en facerlles ver a colectivos de todo tipo en Galicia que termos un dominio era moi importante para todos os sectores da sociedade galega, para a visibilidade de Galicia, para a lingua e a cultura, para as empresas, para o desenvolvemento das novas tecnoloxías. E era moi importante contar co apoio de toda a sociedade, que non houbese unha parte da sociedade que estivese en contra do proceso. A ICANN esixe que cando unha comunidade pide un dominio, esa petición teña o apoio completo desa comunidade. E iso conseguiuse: cóntase co apoio de todas as entidades do país, houbo un apoio total por parte do anterior goberno da Xunta e tamén do novo goberno da Xunta. A iniciativa conta tamén co apoio dos tres grupos políticos representados no parlamento".

Tamén hai pouco máis dun mes, nunha intervención no Consello da Cultura Galega, o presidente da Asociación Puntogal, Manuel González, salientaba a especial preocupación que dende a entidade se tivera para que a reivindicación non se "politizase", ou que non fose identificada dese xeito por ninguén.

O presidente da Asociación Puntogal, Manuel González, salientaba a especial preocupación que dende a entidade se tivera para que a reivindicación non se "politizase", ou que non fose identificada dese xeito por ninguén

Con todo ese traballo previo feito, só quedaba agardar que a ICANN abrise a convocatoria para o estudo e aprobación de novos dominios. O 29 de maio de 2012 presentouse oficialmente a candidatura galega para contar cun dominio de primeiro nivel. O 15 de xuño de 2013, a ICANN informaba de que o dominio .gal superara positivamente o proceso de avaliación. Xa se vía o final do camiño, só faltaban uns poucos pasos, procedementos administrativos e técnicos, e agardar polos arelados e-mails da ICANN que ían confirmando a boa marcha do proceso e sinalaban os derradeiros requerimentos. Finalmente, o 11 de novembro de 2013 a ICANN asinaba o contrato de creación do dominio .gal. O pasado 12 de abril a asociación recibía a delegación do dominio. O .gal xa estaba aquí.

 

Beneficios de todo tipo

Despois de sete anos de actividade o puntcat suma máis de 65 mil dominios rexistrados, e en 2012 foi o segundo dominio que máis creceu en todo o mundo

"O puntogal vai existir e vai funcionar ben" dicía hai case dous anos Jordi Iparraguirre, director da Fundació Puntcat. Dicíao, sobre todo, baseándose no éxito acadado polo dominio catalán. Despois de sete anos de actividade suma máis de 65 mil dominios rexistrados, e en 2012 foi o segundo dominio que máis creceu en todo o mundo. Un éxito cuantitativo que tamén ten a súa demostración cualitativa: por exemplo a elevada taxa de renovación dos dominios (do 80%, fronte ao 70% dos .com) ou a taxa de densidade de información (o número de documentos indexados por Google en relación co número de páxinas), que sitúa o .cat moi por riba de calquera outro dominio en canto á súa utilización real (só o .museum se achega un pouco).

Hai unhas semanas Manuel González enumeraba algúns dos beneficios inmediatos que para a sociedade galega no seu conxunto tería o comezo do dominio .gal. Algúns de tipo simbólico ("A nosa autoestima", "Un dominio que nos identifique será un factor de cohesión, que incrementará o sentimento de pertenza a unha comunidade"), para a normalización lingüística ("na sociedade do século XXI unha lingua que non teña visibilidade na rede é unha anormalidade democrática. Ímonos sentir máis respectados e normalizados"), para o desenvolvemento da Internet galega ("vai facilitar o labor dos buscadores de contidos á hora de realizar procuras en galego ou sobre Galicia") e mesmo de retorno económico directo ("fundamental dende o punto de vista empresarial, para os produtores, cultivadores ou comercializadores de produtos nos que a identificación con Galicia supoña un plus de calidade").

 

E agora que?

No primeiro período as administracións públicas e organismos vinculados a estas "terán prioridade para rexistrar os seus dominios" .gal

Un acto público para oficializar a consecución do obxectivo será o punto de partida das dúas fases de lanzamento do dominio: Abrente (sunrise) e Carreira (landrush). No primeiro período as administracións públicas e organismos vinculados a estas "terán prioridade para rexistrar os seus dominios" .gal. A continuación será a quenda das "entidades que teñan unha traxectoria probada de promoción da lingua ou da cultura galega", das marcas rexistradas, dos "nomes ou intereses protexidos" e das páxinas escritas en galego ou con versión no idioma propio de Galicia. O período de Carreira, explican, "facilitará o acceso ao rexistro a rexistrantes sen dereitos ou intereses protexidos". Xusto antes do lanzamento a asociación promoverá o denominado Programa Pioneiros, co que "busca a promoción do novo dominio de primeiro nivel, facilitando a posta en funcionamento dunha serie limitada de dominios para entidades de certa relevancia lingüística, cultural e social".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.