O catedrático de Matemática aplicada Juan Viaño será o novo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) logo dunha axustada vitoria fronte ao seu rival, o catedrático Antonio López, ao obter o 50,53% do voto ponderado, fronte ao 49,47% do outro candidato.
A participación tan só alcanzou o 14,45% do censo e Viaño obtivo o 50,53% do voto ponderado
Foi unha xornada electoral marcada por unha escasa participación, que alcanzou tan só o 14,45% do censo. Agora, será o equipo liderado por Juan Viaño o encargado de afrontar os numerosos problemas que afectan a USC, que sofre os rigores da crise económica e que precisa axiña negociar un novo plan de financiamento universitario.
Tan só 4.530 integrantes dos catro sectores da comunidade universitaria que compoñen o censo emitiron o seu voto de entre as 31.352 persoas que estaban chamadas a exercer o seu dereito. Antonio López, único rival de Viaño a suceder a Juan Casares Long, obtivo o 49.47% do voto ponderado. Dos 4.530 votos emitidos, uns 4.377 foron válidos, 153 nulos e 454 en branco.
Por sectores, Juan Viaño acadou a maioría dos votos do sector do alumnado (63%) e do das restantes categorías do PDI (57,70%). Pola súa banda, Antonio López foi o máis votado entre o colectivo do profesorado doutor con vinculación permanente (54,26%) e no do Persoal de Administración e Servizos (67,78%).
Dos sectores que compoñen o censo, a maior participación rexistrouse no profesorado doutor con vinculación permanente, cun 86.94%. Seguiulle o persoal de administración e servizos, co 73,70%, as restantes categorías de persoal docente e investigador (19,37) e do alumnado (1º, 2º, 3º Ciclo e posgraos propios), con só un 6.67%.
"Temos que poñernos a traballar"
Juan Viaño recoñeceu en varias declaracións que esperaba xa un resultado "axustado" e dixo estar "satisfeito" polo apoio para "afrontar o futuro" da USC. Iso si, recoñeceu a dureza dos retos que deberá afrontar e a necesidade de "ilusionar" á universidade. Ademais, asumiu que será a loita por un maior financiamento público e conseguir máis ingresos un dos principais obxectivos inmediatos.
Un maior e mellor financiamento e o aumento de ingresos son os principais obxectivos do novo equipo reitor
Pola súa banda, o catedrático Antonio López declarouse "satisfeito" polo traballo feito e lembrou que a súa candidatura obtivo un importante apoio do sector de PDI permanente e PAS. Ademais, púxose a disposición do novo reitor para colaborar en todo o necesario para mellorar a USC.
O novo reitor da USC, Juan Viaño, é natural de Boqueixón, onde naceu en 1955. Catedrático do departamento de Matemática Aplicada da Universidade desde 1988, é tamén diplomado avanzado na universidade Pierre et Marie Curie - Paris VIN (1981) e doutor pola universidade compostelá e pola propia Pierre et Marie Curie - París VIN (1983).
Na actualidade, as súas principais liñas de traballo versan sobre a modelización matemática e análise numérica de problemas de estruturas finas e de problemas de contacto en elasto-visco-plasticidade, e sobre a modelización matemática en problemas de biomecánica. En materia de xestión universitaria, ocupou a dirección do departamento de Matemática Aplicada entre 1986 e 1992, foi decano da facultade de Matemáticas entre 2001 e 2009; e vicerreitor de Profesorado e Organización académica entre 2009 e 2010, entre outros.
Celebrada a votación, a proclamación provisional do reitor electo producirase o 26 de abril, abríndose entre o día 28 de abril e o 5 de maio un período para a presentación de recursos ante a Comisión Electoral Central. A proclamación definitiva producirase entre o 6 e o 8 de maio.