0 Gardados para despois

A caza de contidos ilícitos nas redes sociais, ou como matar moscas a canonazos

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O asasinato de Isabel Carrasco, presidenta da Deputación de León, segue ocupando as portadas dos medios, non só pola investigación que se segue sobre as presuntas autoras do mesmo, senón pola polémica xerada polas propostas lanzadas dende distintas instancias para que se aproben e se apliquen regulacións específicas para controlar os contidos difundidos polas redes sociais e que poidan ser constitutivos de delito. Ás poucas horas do asasinato de Carrasco, no medio dese enxame de voces que son Twitter ou Facebook, algunhas mensaxes empregaron o humor negro para tratar o tema, ou empregaron a morte desta dirixente política para referirse a outros líderes.

Non era a primeira vez nin será a derradeira, pero desta vez algunha destas mensaxes tiveron consecuencias inmediatas. Sobre todo en Galicia, onde dúas concelleiras socialistas, Beatriz Martínez (Meis) e Susana Camiño (Vilagarcía), foron forzadas polo seu partido a dimitir despois de ter escrito, “Quien siembra vientos, recoge tempestades” no caso de Camiño, e "Cuando las barbas de tu vecino veas cortar... pon las tuyas a remojar... tiembla Louzán q la gente anda muy desesperada y los sinverguenzas q se enriquecen con dinero publico terminan pagando... parece esto Sinaloa" no de Martínez. Ambas as dúas pediron desculpas, pero Beatriz Martínez sinalou a súa estrañeza pola polémica provocada polas súas palabras: "foi un simple comentario tonto. Comentarios deste tipo hai 300 millóns en Facebook", afirmou en Faro de Vigo. "Estou alucinando. Isto parece Corea do Norte. Paréceme que mesmo vai en contra da liberdade de expresión", engadiu.

O Ministerio do Interior anunciou que a policía estaba "rastrexando" as redes sociais na procura de mensaxes referidas ao asasinato de Carrasco que poderían implicar delitos de inxurias

Ao mesmo tempo, o Ministerio do Interior anunciaba que a policía estaba "rastrexando" as redes sociais na procura de mensaxes referidas ao asasinato de Carrasco que poderían implicar delitos de inxurias e o ministro Fernández Díaz apuntaba a necesidade de "axeitar o ordenamento xurídico" para perseguir os internautas. E, ademais, o deputado do PSOE José Martínez Olmos, portavoz do seu partido no Congreso en temas de Sanidade, pedía publicamente "regular" as redes sociais "porque non todo vale", unha regulación "que inclúa dende un observatorio, un código de conduta, até os motivos para actuar e a maneira de facelo dende os poderes públicos para castigar aquelas condutas que xa o están cando doutros medios se trata.

Deixando de lado a consideración das redes sociais como medio de comunicación ou como simple espazo público de expresión (poderíase argumentar que as conversas que as poboan non deberían ter unha consideración distinta ás que se escoitan nun bar ou pola rúa), é realmente necesario que exista unha regulación específica para elas, ou todo o que nelas se comparte está xa suxeito ao control da lei? Os expertos en dereito de Internet amósanse sorprendidos polas peticións de novas normas para unhas mensaxes ás que xa se está aplicando o Código Penal.

Outros internautas ían máis aló e alertaban sobre a oportunidade desta polémica, que chega en plena tramitación do Código Penal ou da Lei de Seguridade Cidadá, para a que se estaría creando un clima axeitado para o seu endurecemento

O avogado David Bravo, por exemplo, escribía en Twitter "Tras salir de un juicio por injurias en Twitter me entero de que proponen regularlo. Regulado ya está, lo que se propone es controlarlo". Pola súa banda, David Maeztu sinalaba "con regular las redes sociales, habida cuenta de que ya están reguladas, quieren decir que sólo se pueda escribir lo que ellos quieran". E o tamén avogado Javier de la Cueva ironizaba sobre outras regulacións específicas que se poderían pedir para "os teléfonos" ou "as conversas de bar". "Ya hay regulación en las redes sociales: se llama Código Penal", escribía tamén a Revista Mongolia, e o propio Maeztu lembraba estes días unha análise que fixera hai xa tempo sobre os 13 delitos que todo tuiteiro debe coñecer, dende as inxurias ás ameazas, pasando polas calumnias ou os ataques á Coroa, todos aplicables a calquera contido difundido a través das redes sociais e que, de feito, xa están aplicando con dureza, como se comprobou na recente Operación Araña.

Outros internautas ían máis aló e alertaban sobre a oportunidade desta polémica, que chega en plena tramitación do Código Penal ou da Lei de Seguridade Cidadá, para a que se estaría creando un clima axeitado para o seu endurecemento. Cómpre lembrar que na reforma do Código Penal propúxose unha nova redacción para o artigo 559, que pasaría a impor penas de prisión de tres meses a un ano a quen, “a través de calquera medio”, difundan mensaxes que “inciten á comisión dalgún dos delictos de alteración da orden pública”. Dende distintos ámbitos alértase de que esta nova redacción podería levar á persecución daquelas persoas que difundisen a convocatoria dun acto ou manifestación no que, finalmente, se producisen actos de violencia.

David Maeztu: "O réxime sancionador está bastante ben definido para as condutas realmente graves e non creo que dende o punto de vista da definición das condutas deba chegarse a unha regulación máis específica"

Falamos con David Maeztu, que lembra que "xa está en tramitación un Código Penal e en estudo unha reforma da Lei de Enxuizamento Criminal (Código Procesal Penal), así que en teoría é un bo momento para tramitar reformas" e salienta que "o certo é que o réxime sancionador está bastante ben definido para as condutas realmente graves e non creo que dende o punto de vista da definición das condutas deba chegarse a unha regulación máis específica". De igual xeito, Javier de la Cueva é máis crítico aínda, e nin sequera considera "serias" as propostas e cre que se tratan dunha cortina de fume: "máis ben parecen sondaxes de opinión enviados dende certos cargos políticos. É mellor que esteamos todos preocupados e falando da regulación das redes sociais que falando do paro, do asasinato dun membro dun partido por outro membro do mesmo partido, ou do financiamento ilegal do partido do goberno".

Javier de la Cueva: "É mellor que esteamos todos preocupados e falando da regulación das redes sociais que falando do paro, do asasinato dun membro dun partido por outro membro do mesmo partido, ou do financiamento ilegal do partido do goberno"

Ambos os dous rexeitan tamén a proposta lanzada polo deputado socialista Martínez Olmos para a creación dun "Observatorio" e dun "Código de Conduta" para as redes sociais. "Pareceríame unha idiotez" -di De la Cueva- "Primeiro terían que poñer un Observatorio ou un Código de Conduta no Diario de Sesións das Cortes". De igual xeito, Maeztu di que "non lle vexo ningún sentido, é como facer un observatorio para ver o que di a xente nos bares; e un código de conduta non vincula porque non se pode obrigar a ninguén a aceptalo, e ademais xa temos lexislación que penaliza os danos a terceiros".

En relación con estas propostas de regulación dos contidos, De la Cueva opina que "estase actuando cunha sistematicidade propia de totalitarios que non admiten crítica ningunha ao seu traballo. Son actitudes despóticas". De igual xeito, Maeztu cre que "estase sendo demasiado tremendista con ese ánimo exemplarizante e ás veces resulta demasiado impostado. Pode ser que non se entende o medio ou simplemente que se quere chamar a atención para poñer de manifesto que non todo vale". Porén, tamén engade que "hai tamén unha idea de moitos usuarios de que internet non ten lei, e non é así. Hai regras que hai que respectar". 

 

Que delitos se poden perseguir e de que xeito

Polo feito de ser un medio de difusión pública de contidos, os delictos que se cometan nas redes sociais teñen unha caracterización diferente

Outro asunto que xerou polémica estes días foi o anuncio do Ministerio do Interior de que dera a orde de rastrexar as redes sociais na procura de mensaxes delituosas. Os expertos, como Isabel Elbal nunha análise publicada en El Diario, sinalan que para investigar o delito de inxurias e de calumnias con publicidade necesítase que o ofendido ou o seu representante legal presente previamente unha querela; é dicir, non é lícito investigar de oficio este tipo de condutas, consideradas como un delito privado. David Maeztu engade unha excepción, non aplicable neste caso, e referida "só á ofensa se dirixa contra funcionario público, autoridade ou axente sobre feitos relativos ao seu cargo". De igual xeito, Elbal lembra que no ordenamento xurídico español está prohibida a investigación prospectiva, "consistente en ir de cazaría ou pescar, a ver que se atopa, sen concretar o feito criminal que se pretende atopar" e considera que se trata dunha "reminiscencia do pasado franquista, supostamente superado, pois nese réxime ditatorial perseguíase a perigosidade social".

Si serían perseguibles de oficio as ameazas, pero David Maeztu lembra que "en xeneral será moi difícil condenar por ameazas, posto que a xurisprudencia esixe que sexan realmente cribles e serias. Aínda que é lóxico que se investigue para determinar se se cumpren os requisitos ou non". As redes sociais, como medio de comunicación social, están reguladas como é obvio polo Código Penal, e precisamente polo feito de ser un medio de difusión pública de contidos os delitos que alí se cometan teñen unha caracterización diferente. Ás veces máis graves, como no caso das calumnias e inxurias "con publicidade", para as que as penas previstas (até 24 meses na calumnias e até 14 meses nas inxurias) duplican as que se aplicarían se a mesma calumnia ou inxuria se pronuncia nun ámbito privado, de viva voz. É tamén o caso do enaltecemento do terrorismo ou do delito de Ultraxes a España (artigo 543 do Código Penal), "ofensas a España ou ás súas Comunidades Autónomas" que se se realizan "con publicidade", poden ser penadas até con 12 meses.

Pero ás veces, o feito de que unha acción ilícita se realice a través das redes sociais matiza e limita o seu dano e pena. É o caso das ameazas (perseguida con penas de até cinco anos), pero nas que os xuíces están interpretando que no caso de que se fagan a través das redes sociais, por unha persoa que non ten relación directa coa vítima e que pode vivir a centos de quilómetros, non teñen a mesma consideración que unha ameaza directa, próxima xeograficamente ou realizada por unha persoa que pode incidir realmente na vida do ameazado.

"Se se considera que un usuario cometeu un delito, a policía debe enviarlle unha petición a Twitter ou Facebook, para que lle comunique a súa identidade real, e non están obrigados a facelo, mentres non haxa unha orde xudicial"

De igual maneira, á hora de actuar contra un usuario, hai que ter en conta que a policía debe dirixirse en primeiro lugar cunha orde xudicial á empresa poveedora de servizos para que identifique esa persoa. O artigo 212 do Código Penal establece que nos delitos de inxurias e calumnias feitos con publicidade, " será responsable civil a persoa física ou xurídica propietaria do medio informativo a través do cal se propagou a calumnia e a inxuria". É dicir, se se considera que un usuario cometeu un delito, a policía debe enviarlle unha petición a Twitter ou Facebook, por exemplo, para que lle comunique a súa identidade real, e non están obrigados a facelo, mentres non haxa unha orde xudicial, e non pode habela se non se trata de delitos graves (con penas de máis de cinco anos). Isabel Elbal explica que "habería que sentar no banco dos acusados a Twitter para que responda civilmente polos presuntos delitos pescados nesta prospectiva investigación e non cremos que o ministro do Interior teña esa intención, polo menos non de cara a facer o ridículo a nivel internacional".

"O habitual para localizar o responsable do contido é renunciar aos procedementos xudiciais e empregar enxeñaría social, é dicir, investigar o que esa persoa publica no seu perfil para chegar até ela"

David Maeztu lembra neste senso que "é posible chegar até unha dirección IP, pero non identificar o titular dese IP. Iso resérvase para os delitos graves e tras a anulación da Directiva de Conservación de Datos polo TJUE é complicado considerar que se admitise polos tribunais unha ampliación dos supostos para delitos menores en internet". Con estas dificultades, engaden os expertos, o habitual para localizar o responsable do contido é renunciar aos procedementos xudiciais e empregar enxeñaría social, é dicir, investigar o que esa persoa publica no seu perfil para chegar até ela.

Ao igual que sucede con outras situacións ligadas aos novos medios de comunicación social e persoal, as autoridades enfróntanse decote a problemas novos con armas vellas, doutro tempo, e non axeitadas para este novo contexto, como perseguindo moscas a canonazos. Outras veces, semella que Internet é só a excusa, o chibo expiatorio. As redes como perigo, como ameaza, funcionan como argumento para crear un determinado clima social. "Un feito luctuoso, cuxa etioloxía é de carácter eminentemente privado, non pode nin debe servir de escusa para un recorte de liberdades impropio do que debería ser un Estado democrático e de Dereito", conclúe Isabel Elbal.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.