No salón de actos do agora denominado Edificio CINC da Cidade da Cultura non hai fiestras. Por iso o sol que este venres locía radiante en Compostela non tocou nin de lonxe o acto de lanzamento oficial do dominio .gal, a marca galega na rede que xa é unha realidade tras oito anos de traballo e que lles outorgará denominación de orixe a case un cento de sitios web dende o vindeiro Día Nacional de Galicia. O pequeno patio de butacas ficou cativo para a asistencia que tivo o evento, no que os discursos destilaron un optimismo que, se cadra, tería máis predicamento nun acto aberto á cidadanía que no encorsetado e interior recinto deseñado por Peter Eisenman. Sexa como for, o certo é o país xa dispón dun recurso para "sermos máis normais e máis iguais a outros pobos", en verbas do presidente da Asociación Puntogal, Manuel González.
Queda atrás case unha década de traballo que comezou, lembra González, "en 2006, co apoio decidido do Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño" e que continuou xa en tempos do actual Executivo, que tamén apoiou economicamente, ata completar todos os requisitos impostos pola ICANN, o organismo internacional que xestiona os dominios na rede. Dende o 25 de xullo "cada vez que un usuario abra un enderezo .gal" saberá que "existe un país que se chama Galicia" que agora conta cun "carné de identidade" de seu no ámbito tecnolóxico. Esta, di González, debera ser unha inxección para autoestima do pobo galego e un estímulo para a "cohesión social e a conciencia de pertenza a unha comunidade".
A Asociación Puntogal destaca que "cada vez que un usuario abra un enderezo .gal saberá que existe un país que se chama Galicia"
Para a asociación impulsora deste éxito, avalado por máis dun cento de entidades e case 13.000 sinaturas, o .gal é unha mostra do que Galicia é quen de lograr "cando somos quen de xuntarnos" e de "actuar con transparencia e respecto". Na véspera do Día das Letras o Penélope de Díaz Castro pairou sobre o auditorio para, por unha vez, tentar que Galicia dea un paso adiante sen "recuar" despois, ilustrou o catedrático de Dereito da USC Xosé Antonio Gómez Segade, para quen a deste venres foi unha xornada "moi feliz". "Voemos alto para non chimparnos no baleiro", animou, para glosar o valor de dispoñer dun dominio propio en internet para as "culturas, as linguas e as nacións pequenas como o noso país galego".
Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegura ver un "fito histórico" na consecución do dominio, mostra de que a galega non está "no cemiterio das culturas". A xuízo de Feijóo o .gal será "altamente proveitoso" non só no plano emotivo ou identitario, senón tamén no empresarial, tanto para a identificación dos produtos elaborados en Galicia como no "mercado dos dominios, en crecemento malia á crise". Galicia "xa era universal en moitos ámbitos" e agora tamén en Internet, onde xa está izada "a bandeira de Galicia" sen que isto implique caer, asegura, "no minifundio tecnolóxico".
As datas do lanzamento
Ademais de para presentar o dominio en sociedade o acto do Gaiás serviu tamén para poñerlle datas ás xa coñecidas fases de lanzamento do .gal. A primeira fase, o programa Pioneiros, culminará o devandito 25 de xullo, data na que se porán en marcha ata 90 sitios de entidades que terán que realizar a súa solicitude entre o 1 e o 30 de xuño e entre as que estarán institucións públicas -1.000 euros por dominio-, empresas -3.000 euros- e entidades sen ánimo de lucro -400 euros-. A continuación chegarán as fases Abrente e Carreira, a desenvolver entre setembro e novembro. A primeira servirá para "protexer dominios de interese público" e nela "entidades públicas e privadas poderán exercer o dereito pferente de solicitar o seu dominio". Á fase carreira poderá acceder "o público en xeral para os enderezos que non teñan dereitos preferentes" e nela "poderase poxar por direccións especialmente atractivas". En decembro será a quenda para a fase aberta, "na que todo o público poderá acceder ao dominio sen restricións".
O público xeral poderá acceder sen restricións ao dominio dende decembro
Requisitos como ter "un contido mínimo en lingua galega", "contidos relacionados coa cultura galega" ou "servizos en liña especificamente dirixidos á comunidade galega e que favorezan o seu desenvolvemento" guiarán o proceso no que todos os fondos recadados, explica a asociación, serán destinados "ao fomento da presenza do galego na rede e nas novas tecnoloxías". "A utilización do .gal vai ser un elemento de visibilidade para os produtores, empresarios e comerciantes de produtos" pero tamén para o sector tecnolóxico e o idioma propio, asegura González.