A promesa do "Trivial en todas as comarcas", máis cerca de cumprirse

Imaxe do 'Trivial da Terra' Dominio Público Praza Pública

O pasado mes de decembro Xesús Freire, en conversa con Praza a respecto da aplicación Trivial da Terra de Melide, baseada no popular xogo de preguntas e respostas e centrado en Melide e a súa comarca, anunciaba o seu obxectivo de estendelo a todas as comarcas galegas. Freire levaba xa un tempo presentando a súa proposta en distintas entidades municipais e comarcais e destacaba a "boa resposta" acadada. Seis meses máis tarde o proxecto está xa máis maduro e o equipo, formado por un programador, un deseñador gráfico, unha deseñadora web, un lingüísta e o propio Xesús Freire como coordinador, anuncia que xa se iniciou o proceso para dotar a aplicación de versións adaptadas a todas as comarcas.

"Pensei que xa que os destinatarios principais da aplicación ían ser os membros da comunidade educativa podía promover a creación de preguntas por eles mesmos e isto deu lugar a un proxecto complementario a esta app"

O obxectivo é facer unha aplicación independente para cada comarca de Galicia, cun mínimo de 1000 preguntas coas súas respostas (distribuídas nos campos temáticos de arte, historia, cultura e sociedade, medio e personaxes célebres). "Pero presentábase o problema de como conseguir esas preguntas" -explica Freire- "Contratar especialistas para levalo a cabo encarecería moito o proxecto para o que a día de hoxe non teño financiamento, xa que habería que engadir este custo ao deseño da aplicación ou a contratación dos servidores onde aloxar aplicación". "Pensei que xa que os destinatarios principais da aplicación ían ser os membros da comunidade educativa podía promover a creación de preguntas por eles mesmos e isto deu lugar a un proxecto complementario a esta app", comenta.

Trátase da web Trivial da Terra a través da que o alumnado e calquera persoa, asociación, institución pode facer a súa achega a través dos formularios habilitados (un para cada comarca). Poderase ademais obter información sobre como se vai desenvolvendo o proxecto nas diferentes comarcas, xa que hai paneis personalizados para cada unha das 53 que forman o territorio galego. A intención e que unha vez que se consiguen, a través deste web, un mínimo de 1000 preguntas coas súas correspondentes respostas para cada comarca  se cree unha aplicación.

O xogo está destinado moi especialmente a rapaces e adolescentes, aos centros de ensino, "sobre todo para que accedan de maneira lúdica a contidos e temas polos que non se interesarían doutro xeito", conta Freire

Ademais, con este procedemento, incídese nun dos grandes obxectivos desta aplicación: o seu carácter formativo, de normalización lingüística e de incremento do coñecemento que os e as escolares teñen sobre a súa propia comarca. O xogo está destinado moi especialmente a rapaces e adolescentes, aos centros de ensino, "sobre todo para que accedan de maneira lúdica a contidos e temas polos que non se interesarían doutro xeito", conta Freire. Tamén se busca "promover o uso do galego no campo da novas tecnoloxías" e "desterrar prexuizos sobre o uso das novas tecnoloxías entre a mocidade", ademais de dar a posibilidade de que as persoas que están fóra da súa comarca participen nesta comunidade e recuperen o contacto coas súas orixes.

Para a súa promoción pénsase na organización, entre outras actividades, dun campionato de trivial para colexios e institutos, nos que participará o alumnado a partir de sexto de primaria

De igual xeito, para a súa promoción pénsase na organización, entre outras actividades, dun campionato de trivial para colexios e institutos, nos que participará o alumnado a partir de sexto de primaria. Serán campionatos eliminatorios que continuarán ate que quede un equipo de cada comarca. Este equipo deberá ser retado nunha fase final que terá lugar na vila cabaceira de comarca todos os anos durante o Día das Letras Galegas, segundo propón o equipo do Trivial da Terra. Xesús Freire destaca que, se ben na primeira fase (de recolla de preguntas e respostas), as necesidades de financiamento son mínimas, si que se necesitará unha achega económica para desevolver a segunda fase (de promoción). 

O equipo tamén prepara unha serie de premios e gratificacións para aquelas persoas que colaboren na promoción do proxecto. Por exemplo, "o mellor colaborador ou colaboradora do ano", sempre que faga máis de 500 achegas, recibirá un teléfono móbil primux Zeta 2. Tamén haberá agasallos para quen faga a pregunta 5000, 10000, 15000, 20000 e sucesivas: unha cea para dúas persoas en restaurantes galegos caracterizados pola súa cociña crativa e innovadora. Tamén se sortearán outros premios entre os novos seguidores da páxina de Facebook da aplicación.

Entre as novas funcionalidades que presenta esta aplicación para Android, destaca a posibilidade de xogar en liña con calquera persoa que estea xogando na app da mesma comarca que estamos xogando nós e cos mesmos filtros (antes soamente se podía xogar offline). Tamén se poden intorducir filtros por tema e por nivel de dificultade, e mellórase tamén a presentación de estatísticas sobre o nivel de acerto dun usuario.

 

A orixe do proxecto

En 2010 Xesús Freire traballaba no SNL do Concello de Santiso, que funciona en coordinación cos sevizos de Melide e Toques e dos centros de ensino da comarca, "unha coordinación moi positiva, porque moitas veces bótase en falta o traballo conxunto entre estes servizos", destaca. Xurdiu a idea de desenvolver un Trivial con preguntas ligadas á comarca, pensando na difusión lingüística e tamén en incrementar o coñecemento de rapaces e rapazas sobre a súa comarca. Nun comezo pensouse nun xogo de mesa, en formato tradicional, pois as aplicacións para dispositivos electrónicos aínda non tiñan o carácter masivo que si teñen na actualidade. O adiamento nos prazos fixo que o xogo acabase sendo adaptado a unha aplicación móbil para Android.

Imaxe do 'Trivial da Terra' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.