A partir do 25 de xullo poderedes entrar en praza.gal. E en avogacia.gal, deputacionlugo.gal, celta.gal, 25dexullo.gal ou ascatedrais.gal, até un total de 93 webs de entidades sociais, empresas e administracións públicas, seleccionadas pola Asociación Puntogal no seu Programa de Pioneiros. A Asociación revelou este martes, nun acto celebrado no Museo do Pobo Galego, as candidaturas escollidas entre as 134 presentadas. Os nomes pioneiros poderán activarse dende o vindeiro venres.
Para Manuel González, estas entidades, ademais de contribuír "ao desenvolvemento das industrias TIC en Galicia", axudan a "elevar a nosa autoestima"
No acto, o presidente da Asociación puntoGAL, Manuel González, destacou que “os participantes neste programa son pioneiros de algo tan importante como que neste medio revolucionario que condiciona as nosas vidas Galicia teña un carné de identidade, que a lingua galega teña visibilidade”, de xeito que estas entidades, ademais de contribuír "ao desenvolvemento das industrias TIC en Galicia", axudan a "elevar a nosa autoestima, como en calquera pais normal, facendo exhibición da nosa identidade como galegos". González agradeceu o "compromiso" e o apoio económico amosado, pois os responsables das candidaturas escollidas tiveron que desembolsar entre 400 euros (entidades sen ánimo de lucro), 1.000 euros (administracións públicas) e 3.000 euros (empresas privadas).
Edita de Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ETSE) na Universidade de Vigo, é a primeira directora xeral da Asociación Puntogal
O acto no Museo do Pobo serviu tamén para que puntoGAL anunciase o nomeamento da súa primeira directora xeral, Edita de Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ETSE) na Universidade de Vigo, e profesora titular do departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións dende 1998. Ourensá, forma parte da directiva de Coditel (Conferencia de Directores de Enxeñería de Telecomunicación), do Coetg/Aetg (Colexio Oficial/Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacion de Galicia) e foi cofundadora da sección española do WIE (Women in Engineering). De Lorenzo deu as grazas a todos os que contribuíron ao lanzamento do novo identificador, especialmente aos que farán visible o dominio activándoo a partir do 25 de xullo. Ademais, explicou con detalle as novas fases que se abren a partir de agora
Os 93 dominios seleccionados
Hai tamén un grupo de empresas que dende o primeiro momento apostaron polo .gal, como Dinahosting, R, Galaxia, Xerais, Gadis ou Rei Zentolo. Tamén o Celta e o Deportivo
Entre os primeiros dominios .gal atopamos un bo número de administracións públicas; ademais dos varios dominios concedidos á Xunta (25dexullo.gal, cultura.gal ou goberno.gal), destacan o da Deputación de Lugo (deputacionlugo.gal) e varios concellos, como Carballo, Teo, Ribadeo, Ponteceso, Ordes, Pontevedra, Castrelo de Miño, Vilar de Santos ou Cambre. Hai tamén varias entidades sociais, como Adega, CIG, CC.OO., CTNL, A Mesa, AGAL, Prolingua ou a Real Academia Galega; asociacións profesionais (aetg.gal ou xornalistas.gal); as tres universidades e tamén varios entes relacionados coas novas tecnoloxías (Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Cluster TIC de Galicia, Agasol ou a Fundación Centro Supercomputación de Galicia).
Hai tamén un grupo de empresas que dende o primeiro momento apostaron polo .gal, como Dinahosting, R, Galaxia, Xerais, Gadis ou Rei Zentolo. Tamén o Celta e o Deportivo. E varios medios de comunicación: ademais de Praza, Galicia Confidencial, Radiofusión, Sermos Galiza, A Voz de Vilalba, Código Cero, La Voz de Galicia ou El Correo Gallego. Debullando a lista, descubrimos tamén algunha curiosidade, como que o Partido Popular rexistrase a web Feijoo.gal. Ou que Ribadeo escollese o dominio ascatedrais.gal. Ou que unha cooperativa coma a do Val, en Narón, decidise apostar de inicio polo dominio galego (oval.gal)
Dos 93 pioneiros seleccionados, seis están incluídos nunha lista da ICANN (o organismo que goberna as direccións da Internet) de millóns de enderezos de todos os novos dominios que non se poderán activar agora. Polo tanto, r.gal, cultur.gal, xunta.gal, crtvg.gal, ccoo.gal e socialistas.gal están xa rexistrados a nome desas organizacións, pero tecnicamente non poderán entrar en funcionamento o 25 de xullo. O motivo é que ICANN estableceu que 9,8 millóns de enderezos de novos dominios necesitan salvagardas especiais para evitar confusións entre a Internet e as intranets. Esta lista -chamada por ICANN confusión de nomes ou name collision- afecta a todos os novos identificadores, non só ao .gal. Estes nomes entrarán en funcionamento en canto a ICANN determine o procedemento para activalos.
Novas fases, novos dominios
Completada a fase de Pioneiros, a seguinte, bautizada como Abrente, comezará o 15 de setembro, durará até novembro e busca "protexer" dominios de interese público
Completada a fase de Pioneiros, a seguinte, bautizada como Abrente, comezará o 15 de setembro, durará até novembro e busca "protexer" dominios de interese público. No Abrente as entidades públicas e privadas poderán exercer o seu dereito preferente de solicitar o seu dominio actual. Búscase así protexer os intereses de colectivos como propietarios de marcas, administracións públicas ou marcas internacionais protexidas de acordo as normas da ICANN. A asociación destaca neste senso que "unha das finalidades do puntoGAL é que as empresas e institucións poidan presentar as súas marcas, produtos e servizos dunha maneira máis próxima aos galegos". Paralelamente ao Abrente, haberá unha fase de Carreira para o público en xeral para os enderezos que non teñan dereitos preferentes. Durante a Carreira poderase poxar por enderezos especialmente atractivos.
A partir de decembro comezará a quenda para a fase aberta, "na que todo o público poderá acceder ao dominio sen restricións", como sucede con calquera dos dominios que levan tempo na rede. As características concretas de cada fase serán publicadas no portal www.dominio.gal "con suficiente antelación". Ademais, a través desta páxina indicarase a fórmula para consultar e resolver dúbidas.
Os sitios web co .gal deben ter un contido mínimo significativo en lingua galega, aínda que se mostre tamén noutros idiomas
Dominio.gal tamén explica que páxinas webs poderán empregar o dominio .gal. Os sitios web co .gal deben ter un contido mínimo significativo en lingua galega, aínda que se mostre tamén noutros idiomas. En caso de que non mostre contido en galego, deberán ser contidos relacionados coa cultura galega ou servizos en liña especificamente dirixidos á comunidade galega e que favorezan o seu desenvolvemento. Así o obriga a candidatura do .gal aprobada por ICANN.