0 Gardados para despois

Galicia perdeu 450 camas hospitalarias públicas en cinco anos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"O recurso cama xa non é tan imprescindible coma antes" nin "determina o grao de eficacia do sistema". No inicio do verán que agora remata o Servizo Galego de Saúde enfrontábase ao maior peche de camas da súa historia e a Consellería de Sanidade xustificábao deste xeito mentres, ademais, copiaba unha resposta do Goberno bipartito para explicar a súa propia política. O "incremento de actividade en áreas como os hospitais de día" ou a "cirurxía ambulatoria" son outros dos argumentos utilizados nun contexto no que as cifras oficiais indican que a rede hospitalaria pública do país perdeu unhas 450 camas dende o retorno do PP ao Goberno galego.

Segundo o catálogo hospitalario que publica no inicio de cada ano o Ministerio de Sanidade e que a OCDE vén de recompilar para elaborar un estudo sanitario de seu en Galicia hai, na actualidade, 7.563 camas hospitalarias con dependencia funcional do Sistema Nacional de Saúde, isto é, do Sergas. Son, concretamente, 447 menos que no comezo do ano 2010, primeiro exercicio económico que dependeu integramente do Executivo de Alberto Núñez Feijóo e que supuxo tamén un punto de inflexión tras anos de incrementos de camas hospitalarias tanto con Fraga como coa coalición de PSdeG e BNG.

O número de camas descende dende o retorno do PP á Xunta

Esta redución de camas hospitalarias cadra cuns anos no que o Sergas se converteu no único actor da sanidade pública en Galicia. Isto acontece tras completarse a transferencia á autonomía das camas dependentes doutras administracións, caso por exemplo dos antigos centros hospitalarios da Deputación de Lugo e tamén despois da integración total na rede pública das extintas fundacións sanitarias, impulsadas na etapa na que Feijóo dirixía o Sergas. Non obstante, existiu unha diferenza fundamental entre ambos procesos: mentres que a fin das fundacións supuxo sumar en 2009 as súas 247 camas á rede do Sergas, a transferencia das camas das 200 camas das deputacións en 2011 non supuxo que en 2012 houbese 200 camas máis no Sergas, senón que nese intervalo a sanidade pública perdeu 45 prazas hospitalarias.

Máis hospitalización na casa

Estas cifras prodúcense nun contexto no que os discursos públicos da Xunta, a comezar polos do propio presidente, insisten en que o seu mandato está a ser sinónimo de "máis sanidade pública", amosando como exemplo a apertura en 2011 do novo hospital de Lugo ou a construción do novo complexo hospitalario vigués. Así e todo, paralelamente Sanidade traballa en plans como o denominado Hospital na Casa, que segundo Feijóo procura "profundar nas posibilidades da hospitalización a domicilio" para procurarlles un lugar "máis confortable" aos doentes pero cuxa documentación oficial alude, esencialmente, a motivos económicos: aforrar en gastos de hospitalización.

A Xunta prevé instalar equipos informáticos na casa dos doentes para aforrar en hospitalizacións

Como informou Praza Pública este plan apóiase en datos do ano 2009, xusto antes do inicio da redución de camas hospitalarias, para sentenciar que factores como "o envellecemento da poboación" ou a "mellora no prognóstico de enfermidades agudas" fan que "o modelo actual" sexa "dificilmente sostible". Segundo este roteiro gobernamental existen múltiples "escenarios" nos que "a hospitalización achega pouco valor e alto gasto", caso por exemplo da "espera para realización de probas", a administración de "tratamentos" ou a "busca da estabilización de procesos médicos ou postoperatorios". Sobre este diagnóstico a Xunta alíase con 41 empresas entre as que figuran Telefónica, Philips ou Indra para instalar equipos informáticos na casa dos doentes con "videocámara e micrófonos". Así, a distancia, monitorizaranse constantes vitais, pero tamén se administrará medicación ou se controlarán medicamentos intraveosos. Quen porá o "recurso cama" será, polo tanto, a persoa enferma ou a súa familia.

Camas hospitalarias en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.