"O futuro escríbese co T de tecnoloxía, é necesario que o idioma estea presente nela"

Imaxe do encontro celebrado esta fin de semana en Compostela CC-BY-SA Miguel Anxo Bouzada

Esta fin de semana celebrouse en Compostela o primeiro Encontro Ibérico de Tradutores de Software Libre a Linguas Minorizadas, organizado polo Proxecto Trasno, o equipo de tradutores ao galego de software libre. Ademais dos asistentes e asistentas galegas participaron outros grupos de tradución de linguas minorizadas do Estado: SoftAstur, Librezale, SoftAragonés e SoftCatalá.

As sesións centráronse nos traballos en marcha de tradución de programas como Mozilla - Firefox, LibreOffice, Apache OpenOffice e Debian GNU/Linux, entre outros. E houbo sesións e obradoiros dedicados a Terminoloxía, Programas e recursos para a tradución, Memorias de tradución e Estrutura e tecido organizativo.

Falamos con Miguel Anxo Bouzada, coordinador do Encontro e vicepresidente da Asociación Cultural Proxecto Trasno. O Proxecto Trasno, unha comunidade aberta dos proxectos de localización de software libre ao galego, leva en marcha dende o ano 1999. Dende o 2010, ademais organiza reunións presenciais (trasnadas) para axilizar e asentar o debate de traducións ao galego, fixando terminoloxía. Así mesmo, busca formar novos voluntarios do proxecto ensinándolle os conceptos básicos de localización e ferramentas de asistencia para a tradución

Que valoración fas do encontro desta fin de semana?

En relación a asistencia superamos nun 10% as nosas expectativas, pensabamos que xuntar a 30 persoas xa sería un éxito e acadamos as 34. Cómpre salientar que había un grupo duns seis ou sete rapaces a rapazas recén licenciados en Tradución e outra xente que non está organizada como tradutora estábel, o que supón "sangue nova" ou se se prefire xente de futuro no grupo. Quero aproveitar para recordar dous compañeiros asturianos que no último momento non puideron asistir por razóns persoais de gravidade.

"Tiven a oportunidade de vivir unha experiencia realmente fermosa; entrar nas salas onde estaba a xente reunida e escoitalos falar, cada quen no seu idioma, sen conflitos, sen precisar de ningunha lingua franca"

Por mor do meu cometido durante o encontro tiven a oportunidade de vivir unha experiencia realmente fermosa; entrar nas salas onde estaba a xente reunida e escoitalos falar, cada quen no seu idioma, sen conflitos, sen precisar de ningunha lingua franca. Teño para min que foi unha das experiencias máis gratas que vivín nunca.

Xa nun plano máis técnico, quero salientar as distintas opinións escoitadas entre os asistentes, sobre o enriquecedor e positivo que lles resultou a todos o compartir experiencias de traballo e resolución de problemas, non só a nivel técnico, senón tamén no referente a organización dos grupos e ás relacións coas correspondentes administracións. Aínda non podemos confirmar nada, máis existe xa a intención por parte dun dos grupos asistentes de organizar un segundo encontro, o que nos fai pensar que este encontro pode ter sido o "xermolo dunha fermosa amizade".  

Como é a relación coas restantes comunidades de tradutores da Península? Hai un intercambio habitual de experiencias e coñecemento? Que podedes aprender os uns dos outros?

Ata o de agora só existía unha relación entre algunhas das persoas dalgunha comunidade. Froito de conversas entre estas persoas xurdiu a idea de tentar estabelecer unha relación entre grupos para así poder colaborar dun xeito máis eficiente. A hora de definir o que podemos aprender os uns dos outros, resúmese nunha soa palabra, todo. Ao seren este un ámbito cambiante por natureza, a colaboración da comunidade é o eixo sobre o que xira o éxito do noso traballo.

"Ao seren este un ámbito cambiante por natureza, a colaboración da comunidade é o eixo sobre o que xira o éxito do noso traballo"

Como é natural estamos sempre mirándonos os uns aos outros nas redes, seguímonos, felicitámonos cando hai avances e sentimos un profundo respecto mutuo; procuramos aprender das experiencias. Precisamente celebramos o Encontro para coñecernos directamente, para presentar, explicar e compartir coñecemento sobre o software que temos que traducir e as complexas formas de organización que se estilan no desenvolvemento de proxectos internacionais de software libre, moitos deles de importancia crítica para a sociedade tecnolóxica na que nos movemos todos actualmente.

Que necesidades máis importantes ten a comunidade galega de tradutores e tradutoras?

O noso esforzo nace de sermos moi conscientes do que se xoga neste eido. Formamos parte da sociedade civil e queremos ter a oportunidade de utilizar a nosa lingua nos programas, sistemas, redes, servizos de forma normalizada, natural. Defendemos a nosa liberdade de poder escoller e a posibilidade de desenvolver a nosa cultura e queremos dispoñer das mesmas ferramentas no noso idioma como lingua de cultura actual. Alén diso, entendemos que é obriga axudar se podemos, insistimos, somos sociedade civil e tentamos ser un membro máis entre as institucións sociais . A comunidade galega de tradutores non fai isto para cobrar nada.

"Defendemos a nosa liberdade de poder escoller e a posibilidade de desenvolver a nosa cultura e queremos dispoñer das mesmas ferramentas no noso idioma como lingua de cultura actual"

En realidade absolutamente ningunha comunidade de tradutores de software libre en ningunha lingua de España recibe compensación económica pública por traducir. En realidade todos poñemos diñeiro, tempo, recursos persoais a disposición. Non se debe confundir con que para publicar un manual gratuíto para a xente ou realizar unha xornada de formación de alumnos universitarios ou para reunirnos nunha xornada de divulgación e traballo nas que sempre ofrecemos apoio a calquera que se achegue solicitemos unha axuda ordinaria como calquera asociación cultural ou de pais ou de autónomos. Nese sentido é no que necesitamos apoio académico para a xestión dos neoloxismos, xente nova que formamos para atender novas iniciativas e financiamento para os materiais ou actividades que obviamente teñen un custo.

O voso traballo ten permitido que nos últimos anos o nivel de tradución ao galego no SL fose moi avanzado, tanto en calidade coma na rapidez á hora de completar as traducións dos novos programas. Como é a situación neste momento?

Seguimos a manter un alto nivel de eficiencia no mantemento das novas versións de aplicativos habituais (a familia Mozilla, LibreOffice/ Apache OpenOffice, escritorios como Gnome, KDE ou LXDE, etc) e asemade estamos a engadir aplicativos de futuro como os servizos na nube (OwnCloud, OpenMediaVault, etc.) e sistemas para dispositivos móbiles como FirefoxOS ou Ubuntu Phone. O equipo de tradución ao galego segue a ser un dos que manteñen unha maior relación de produción por tradutor, polo que a pesares de ser un equipo numericamente pequeno, e grande en resolución de traducións.

"Probabelmente, os programas con máis peso neste momento sexan os servizos na nube e dispositivos móbiles"

Que ámbitos ou programas centran neste momento a actividade dos tradutores de SL en Galicia? Hai algún eido desatendido ou no que se podería incidir máis?

Probabelmente, os programas con máis peso neste momento sexan os citados anteriormente en referencia a servizos na nube e a dispositivos móbiles. Persoalmente aprecio unha carencia importante na tradución de programas lúdico-didácticos para cativos e en ferramentas educativas en xeral. Isto, nunha parte importante, é debido a pouca, por non dicir nula implicación dos docentes e das autoridades educativas, xa que moitas veces os tradutores actuais, cun marcado carácter técnico, adoecemos da capacidade de falar nunha linguaxe axeitada aos pícaros/cativos/mozos.

"Non temos máis que ollar o Proxecto Abalar; o estado de galeguización do sistema operativo que hai neses equipos (Debian) ou dos aplicativos nel usados, non é froito nin da maxia nin dun esforzo da administración educativa"

Que importancia ten a tradución de SL para a saúde e futuro da lingua?

Non temos máis que ollar o Proxecto Abalar; o estado de galeguización do sistema operativo que hai neses equipos (Debian) ou dos aplicativos nel usados, non é froito nin da maxia nin dun esforzo da administración educativa. Manter a presenza do galego neste tipo de solucións, que cada ano irán a máis, precisa dunha colaboración decidida da Administración para garantir o seu bo estado. Na medida en que o futuro se escribe co T de tecnoloxía, fai necesario que o idioma estea presente nela, de non ser así, ampliarase a colonización do español e do inglés na nosa fala.

"Proxecto Trasno non precisa só de tradutores e geeks varios; unha forma moi importante de colaborar é en cuestións periféricas e, sen dúbida, unha das máis importantes e a comunicación"

Cres que sería importante incrementar a visibilidade social do voso traballo? Como se podería conseguir?

Esa é unha das nosas grandes eivas. Proxecto Trasno non precisa só de tradutores e geeks varios; unha forma moi importante de colaborar é en cuestións periféricas e, sen dúbida, unha das máis importantes e a comunicación. Temos que recoñecer que un dos nosos grandes fallos é non saber (ou ser quen de) comunicar o noso traballo á cidadanía. Estariamos encantados de que alguén que quixese facer as súas prácticas profesionais de deseño, márquetin, comunicación social, dereito, atención ao cliente, etc. se prestase. Temos un produto excelente do que informar en calquera medio e plataforma, porque o software libre está por todas partes.

Algún detalle que non custaría nada de nada e axudaría notablemente poderían ser cousas tan simples como que as deputacións de Galicia ofrecese nas súas páxinas oficiais institucionais para os seus traballadores as ligazóns para descargar as versión en galego, xa non digo prioritariamente pero polo menos igual que ofrece as do castelán exclusivamente. O mesmo os concellos, as consellerías, as importantes entidades colexiais que tamén nos poderían axudar moito coa terminoloxía de especialidade, etc.

Imaxe do encontro celebrado esta fin de semana en Compostela CC-BY-SA Miguel Anxo Bouzada
Outra das sesións do encontro de tradutores CC-BY-SA Miguel Anxo Bouzada
Outro momento do encontro organizado polo Proxecto Trasno CC-BY-SA Miguel Anxo Bouzada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.