Tres proxectos competirán no certame de aplicacións de software libre de Chuza

Liñas de código CC-BY Kovah

Hai uns meses Chuza! botou a andar o seu primeiro concurso de aplicacións de software libre, en colaboración co Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), e co obxectivo de contribuir tanto ao desenvolvemento da propia páxina de Chuza! como do tecido de aplicacións de Software Libre galegas. Pechado o prazo para a presentación de propostas, tres son os proxectos que competirán por ser a gañadora deste certame, que levará un premio de 250 euros.

Iago Veloso Abalo presentou RadioCo, un sistema de gravación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria. RadioCo naceu como un proxecto de fin de carreira do seu creador, e xa foi probado por CuacFM. O sistema grava e publica automaticamente os programas en formato podcast posibilitando a subscripción e a reprodución de audio directamente dende un navegador web.

Damián Aragunde Pérez participa con Ok-Oh, unha ferramenta de axuda á audición mediante o uso de dispositivos móbiles, nomeadamente smartphones. As persoas que o utilicen deben conectar uns auriculares ou o sistema de mans libres aos seus aparellos.

Por último, a proposta de Vreixo Luís González Caneda é OpenTripPlanner for Android, un aplicativo de cálculo de rutas en transporte público, a pé ou en bicicleta, a partir de bases de datos e mapas en formatos abertos, ofrecendo información sobre horarios de autobús e tren, ou da situación dos puntos de aluguer de bicicletas.

Como se especificaba nas bases do certame, a temática é libre pero terase en conta "a mellor aplicación de software relativa a cultura galega e/ou a sociedade galega". Tamén se destacaba que as candidatas poderían ser unha aplicación independente ou unha mellora (parche) aplicada á web de Chuza. Tamén se valora o correcto emprego do paradigma de programación escollido, o emprego de patróns de deseño coherentes e xustificados, os mecanismos que fagan accesible a aplicación ou achega que se faga.

Liñas de código CC-BY Kovah

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.