Hai un ano nacía GCiencia, o primeiro xornal dixital galego especializado en información científica, unha aposta de nicho para tempos difíciles, tanto para o xornalismo coma para a ciencia e a investigación. Despois de doce meses de andaina, a aposta semella consolidada, e Gciencia é xa unha das webs de referencia da ciencia en Galicia, tanto para a comunidade investigadora coma para o público xeral. Máis de 60 mil usuarios únicos mensuais, case mil pezas publicadas, unha interesante rede de colaboradores e o recente aval da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) para formar parte do seu programa de cultura científica, tecnolóxica e da innovación.
Nun editorial destácase que "tan interesante foi constatar a sede de noticias sobre ciencia como o grao de desenvolvemento da investigación galega"
En novembro do ano pasado, días antes do lanzamento do medio, falamos cun dos seus impulsores, Eduardo Rolland, que nos comentaba que se decidiran a poñer en marcha o medio porque detectaran que había "un oco, un baleiro", que facía falla en Gaicia un medio que se dedicase "exclusivamente á información e á divulgación científica". Pablo López, outro dos responsables de GCiencia xunto con Rolland e Alberto Quián, destaca que un ano despois as expectativas foron "superadas amplamente", cunha notable masa de lectores habituais, sendo conscientes de que "isto non é unha carreira a curto prazo". "Nunca pensamos que no noso primeiro ano puidésemos vivir disto. Pero esperamos que no 2015 poidamos facer de Gciencia un proxecto consolidado a medio e longo prazo, incorporando novas seccións, máis xornalistas, colaboradores... e profesionalizar o medio por completo, converténdoo na nosa ocupación principal", destaca. "A tarefa agora é seguir crecendo pouco a pouco, sen dar pasos en falso", engade.
No editorial que encabeza esta edición de aniversario, A causa da ciencia, destácase que "tan interesante foi constatar a sede de noticias sobre ciencia como o grao de desenvolvemento da investigación galega". Ángel Carracedo, pola súa banda, sinala a importancia da divulgación para o desenvolvemento da ciencia, destacando que cómpre mudar a actual situación de estancamento da investigación, pois "a investigación é o motor do desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo talento do exterior". Carracedo engade que neste proceso "tamén debemos os propios científicos "integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo".
"É necesario tratar os temas on rigor. Non podemos xogar coa pseudociencia. Hai moitas cousas que poden dar moitas visitas, pero non podemos caer niso"
Algunhas das reportaxes publicadas por GCiencia acadaron unha importante notoriedade, por exemplo a do estudo que atopou hórreos galegos en Australia e Nova Zelandia, ou a que analizou a importancia do caruncho, un alucinóxeno, na creación da primeira industria farmacéutica galega. Tamén algunha información sobre os transxénicos ou a cobertura dunha acción contra a homeopatía en Compostela. Pablo López destaca a vontade permanente de GCiencia de satisfacer e interesar dous tipos de público. Por unha banda, a comunidade científica: "queremos que se sinta identificada e para iso é necesario tratar os temas on rigor. Non podemos xogar coa pseudociencia. Hai moitas cousas que poden dar moitas visitas, pero non podemos caer niso", di. E pola outra banda o público xeral, para o que "temos que conseguir contar cousas moi complicadas dunha forma en que o entenda todo o público", explica. "A ciencia, se está ben contada, interesa", conclúe.
Pablo López destaca a vontade permanente de GCiencia de satisfacer e interesar dous tipos de público: A comunidade científica e o público xeral
Foi ese esforzo por chegar a públicos que non están nos círculos científicos un dos aspectos máis valorados pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) para formar parte xunto con El País, EFE e a TVG do seu programa de cultura científica, tecnolóxica e da innovación, o máis importante que se desenvolve en España. Pablo López destaca este recoñecemento como un dos piares da consolidación do medio, ao igual que Contar a Ciencia, o certame de comunicación científica que GCiencia organizou hai meses en colaboración con La Caixa e as tres universidades galegas.
López subliña igualmente a colaboración que se estableceu con USC, UDC e Uvigo noutros ámbitos, do que é uha mostra o conxunto de artigos de opinión que acompañan a edición de aniversario do xornal. Este martes podemos ler en Gciencia textos dos tres reitores das tres universidades galegas, Juan Viaño, Salustiano Mato e Xosé Luís Armesto, así coma do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ou de importantes investigadores, como Antonio Figueras, Ángel Carracedo, David Posada ou Alicia Estévez Toranzo.
Juan Viaño (USC) destaca que "os que nos dedicamos ao mundo da ciencia e da docencia debemos asumir a importancia da democratización do coñecemento, xa que resulta imprescindible que a sociedade entenda os avances científicos"
Xosé Luís Armesto (UDC) recoñece que "ata non hai moitos anos, universitarios e científicos consideraban a divulgación como un tema menor. Mesmo con certa displicencia. En boa medida ese distanciamento procedía do medo á espectacularización das informacións, ás imprecisións e ás simplificacións". Neste senso, Juan Viaño (USC) destaca que "os que nos dedicamos ao mundo da ciencia e da docencia debemos asumir a importancia da democratización do coñecemento, xa que resulta imprescindible que a sociedade entenda os avances científicos. Este é o principal xeito de crear a complicidade necesaria entre todos os estamentos da sociedade para lograr avanzar día a día e mellorar a calidade de vida de todos nós". Pola súa banda, Salustiano Mato (Uvigo) salienta que "contamos con aliados especializados en trasladar á opinión pública o noso traballo e as nosas reivindicacións: os medios de comunicación".
Lectores e lectoras en todo o mundo
Ao redor do 16% das visitas que recibe GCiencia proceden do estranxeiro
Na conversa que tiveramos o pasado ano Rolland salientaba que un dos obxectivos do medio era "estar en permanente contacto coa comunidade investigadora galega", tanto a que traballaba en Galicia, no resto do Estado ou en calquera lugar do mundo, un número cada vez máis grande de investigadores e investigadoras galegas que traballaba fóra. "Os científicos son a Galicia espallada do século XXI", sinalaba. Outro dos grandes obxectivos, como destaca Pablo López, é que a investigación que se fai en Galicia se coñeza no resto do Estado e en todo o planeta. Semella que tamén aquí GCiencia avanzou no camiño: ao redor do 16% das visitas que recibe GCiencia proceden do estranxeiro, unha audiencia encabezada polos Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña.