A Xunta traballa na creación da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde, para o que xa elaborou un proxecto de decreto, pendente aínda de aprobación. O obxectivo desta axencia, segundo declara o propio decreto, debería ser a xestión da formación continua dos profesionais do sistema público de saúde, fomentar a investigación nas institucións sanitarias do SERGAS ou impulsar e coordinar as actividades que en materia de innovación se están a desenvolver. Porén, este organismo pode nacer con numerosas eivas, resultando ineficaz para fortalecer a actividade investigadora en saúde en Galicia ou dotar de estabilidade laboral ao seu persoal. Ademais, pesa xa sobre ela a sospeita de que o seu persoal directivo será contratado a dedo e sen a esixencia dos requisitos de acceso, solvencia académica, profesional, técnica ou científica que deberían ser habituais para estes postos.
De feito, no artigo 15 do proxecto de decreto, dedicado á Dirección da Axencia, só se informa de que "a persoa responsable da Dirección será nomeada/cesada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería de adscrición, e terá a consideración de alto cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con rango de director xeral". Isto contrasta co previsto nos decretos de creación doutras axencias semellantes, coma a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos. No seu artigo 14 dise que "a persoa titular da Dirección será nomeada (...) entre persoas que reúnan os requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica necesarios para o exercicio do cargo e experiencia acreditada na xestión pública".
Para María Xosé Abuín, secretaria nacional do sindicato, isto "agocha outras intencións" e pon de manifesto "que a súa pretensión é dar cobertura legal a quen estaba en situación irregular na consellaría de Sanidade”
CIG-Saúde denunciou hai uns días que a "única preocupación" do decreto é "regular a designación de cargos directivos polo método de libre designación”, con contratos de alta dirección ou similares, sen especificar cal vai ser a súa remuneración, nin se esas xefaturas son de persoal sanitario ou non". Para María Xosé Abuín, secretaria nacional do sindicato, isto "agocha outras intencións" e pon de manifesto "que a súa pretensión é dar cobertura legal a quen estaba en situación irregular na consellaría de Sanidade”.
Hai uns meses CIG-Saúde denunciou que unha persoa con categoría de auxiliar administrativo figuraba no organigrama da consellaría como Xefe do Servizo de Innovación Sanitaria, cando para ese cargo é preciso ser do grupo A. Unha vez que o sindicato realizou esta denuncia, esta e outras persoas en situación semellante desapareceron do organigrama, e dende a Consellaría de Sanidade afirmouse que se tratara dun "erro". O sindicato chega a facer públicas as súas sospeitas de que as convocatorias dos cargos da dirección da nova axencia se adecuarán a determinados perfís para colocar a algunha das persoas que ocupaban postos directivos: “Moito nos tememos que logo se convoquen as prazas para esta Axencia cun perfil adaptado a estas persoas”, din.
CIG-Saúde denunciou que unha persoa con categoría de auxiliar administrativo figuraba no organigrama da consellaría como Xefe do Servizo de Innovación Sanitaria, cando para ese cargo é preciso ser do grupo A
O decreto, de feito, deixa para posteriores desenvolvementos normativos cuestións moi importantes ligadas á contratación do seu persoal directivo. Neste senso, o texto regula que o director da Axencia vai ter a consideración de alto cargo da Administración con rango de director xeral, pero non a consideración que terán os responsables das áreas e das unidades de xestión, e tampouco especifica se terá que ser persoal sanitario ou non sanitario, nin os requisitos de titulación, solvencia académica, técnica ou científica.
Persoal investigador sen estabilidade
O decreto de creación da axencia implica manter en situación de “inestabilidade” laboral o persoal investigador, pois a súa continuidade estará condicionada cada ano pola Lei de Orzamentos
Por outra banda, Abuín sinala que "garantir a estabilidade laboral do persoal investigador contratado polo programa Miguel Servet -24 profesionais neste momento, aos que se sumará un máis no mes de xaneiro- debería ser o principal obxectivo da creación desta Axencia para seguir gañando en I+D+I”. Porén, denuncia que o decreto de creación da axencia implica manter en situación de “inestabilidade” laboral o persoal investigador, pois a súa continuidade estará condicionada cada ano pola Lei de Orzamentos. "O gran nivel que teñen non debe ser abondo para o SERGAS, que pretende deixar no limbo normativo e na precariedade laboral a estes profesionais que nalgún dos casos levan catorce anos de traxectoria investigadora no programa”, denuncia.
O decreto presenta outras eivas. Por exemplo, aínda que a actividade especializada con alto nivel de complexidade e a xestión da investigación biomédica debe contar coa opinión de expertos, o decreto de creación desta axencia non o prevé. "É difícil atopar unha institución de prestixio no ámbito científico no que no seu comité non estea recollida esta figura”, sinala Abuín.
"Non se pode crear unha axencia do coñecemento en saúde co único fin de colocar persoas afíns en postos de dirección", conclúe o sindicato
CIG-Saúde denuncia ademais que a Axencia nace “sen debate previo na mesa sectorial da sanidade e repetindo a situación xerada coas fundacións sanitarias”. O sindicato reclama a retirada do decreto e adianta que a súa posición na mesa sectorial será contraria á creación desta axencia. "Non se pode crear unha axencia do coñecemento en saúde co único fin de colocar persoas afíns en postos de dirección", conclúe o sindicato.