Así retrocede a innovación en Galicia

Actividade do Centro Demostrador TIC © Xunta

O "cambio de modelo produtivo" é, a xuízo de múltiples persoas expertas, unha das claves para a saída da crise e para a construción dun desenvolvemento económico máis sólido. É tamén, no entanto, un dos lugares comúns máis repetidos nos discursos gobernamentais, case tanto como a suposta senda da recuperación ou a luz que anticipa a fin do tunel da crise. Nese cambio de modelo as alusións ao "coñecemento", á "innovación" e ao investimento en I+D+i son recorrentes. Así, por exemplo, na súa felicitación de Nadal en calidade de líder do PPdeG o presidente da Xunta asegura que unha das palabras que "volveron" a Galicia no ano que remata é "investigación". Non obstante, alén dos discursos os datos indican que Galicia non só sufriu unha parada no que a innovación se refire dende o inicio da crise, senón que retrocedeu.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de facer públicos os seus indicadores de innovación, un estudo no que, a través de doce variables, ofrece unha radiografía da marcha das prácticas innovadoras no país entre 2009 e 2012, isto é, cadrando co primeiro mandato do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, en plena crise económica. Tan só catro deses doce indicadores presentan unha evolución positiva mentres que os oito restantes amosan, con maior ou menor intensidade, outros tantos retrocesos en ámbitos tan sensibles como o investimento en investigación e desenvolvemento.

Ao contrario do reflectido no Plan Estratéxico 2010-2014, o proxecto presentado por Feijóo hai catro anos como vía para o "crecemento intelixente" que impulsase a "segunda modernización de Galicia", o investimento en I+D+i caeu neses catro anos tanto no ámbito público como no privado. Concretamente, en 2009, o investimento público nesta área supuña o 0,52% do PIB galego e catro anos despois baixara ao 0,48%. No ámbito privado a cifra de partida era o 0,42% do PIB e tamén caeu, aínda que apenas unha centésima, ata o 0,41%.

O investimento público en I+D+i pasou do 0,52% ao 0,48% do PIB galego

Xunto coa relaxación do compromiso innovador das administracións, neste caso da Xunta, o impacto da crise percíbese tamén notablemente na caída da innovación no ámbito empresarial, especialmente nas compañías dirixidas polas persoas ás que os gobernos adoitan denominar "emprendedores", isto é, as pequenas e medianas empresas. Mentres as autoridades aseguran que este segmento da economía está a contar con apoios para paliar as dificultades o IGE amosa que as empresas galegas que utilizaron a tecnoloxía para crear novos produtos ou innovar nos seus procesos produtivos caeron case seis puntos, do 25,3% en 2009 ao 19,5% en 2012. Asemade, as PEMEs que innovan no ámbito do marketing ou da maneira de organizárense pasaron de ser máis do 29% do total a representar pouco máis do 23%.

O impacto da crise percíbese na caída de case todos os indicadores de innovación nas empresas, especialmente nas pequenas e medianas

As empresas innovan ou poden innovar menos e, polo tanto, tamén baixan as cifras do emprego no que se coñece como "actividades de coñecemento intensivo", isto é, o emprego de alta cualificación -con máis dun 25% dos planteis con titulación superior- que se dá en sectores como as telecomunicacións, entre outros. Este tipo de emprego reduciuse tres décimas no período analizado, do 9% do emprego en Galicia ao 8,7%. A radiografía no ámbito empresarial complétase co retroceso que tamén se produce no gasto en innovación sobre a cifra de negocio, isto é, os recursos que se destinan a, por exemplo, nova maquinaria, patentes ou licenzas. Neste caso, a involución foi do 0,7% ao 0,51%.

Con estes datos sobre a mesa os únicos indicadores que evolucionaron positivamente neses primeiros catro anos da era Feijóo son a venda de produtos novos, do 9,5% ao 10% da cifra de negocio total, ou as PEMEs innovadoras que colaboran con outras, do 5,5% ao 8,7%. Tamén mellorou case dous puntos a porcentaxe de poboación de entre 20 e 24 anos que superou a Educación Secundaria Obrigatoria e o número de patentes por cada millón de habitantes, que pasaron de 63,2 a 68.

Actividade do Centro Demostrador TIC © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.