Fronte común das tres universidades ante o Ministerio para incrementar a produción científica en galego

Unha das bibliotecas da UDC © Universidade da Coruña

A finais de 2012, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística do Sistema Universitario de Galicia aprobou a elaboración dun estudo de diagnóstico sobre o emprego do galego como lingua científica no ámbito universitario que concluíu en xuño de 2013 co informe Investigación e lingua. Proposta para a mellora da presenza do galego na actividade científica, coordinado pola profesora da USC Alba Nogueira López, coa colaboración dos profesores Iñigo Urrutia Libarona, da Universidade do País Vasco, e Eva Pons Parera, da Universidade de Barcelona.

O informe concluíu que a presenza do galego é escasa en todos os planos da actividade investigadora e académica, en boa medida porque os indicadores internacionais de avaliación favorecen a publicación en inglés. Porén, tamén destacaba que as cifras do uso do galego nas aulas son “pobres e reveladoras dun desleixo que contrasta coas experiencias catalá e vasca”. Nas enquisas que formaban parte desta investigación, apenas o 44% dos profesores das universidades galegas afirmaba usar algunha vez a lingua galega para publicar textos científicos. Ademais, entre o 60 e o 70 por centodas teses de doutoramento presentadas en Galicia utilizan o castelán, sendo o inglés o segundo idioma máis empregado, presente no 20 por cento das teses; o galego sería a terceira lingua, desencendendo en 2012 por debaixo do 10 por cento.

Tomando como punto de partida as conclusións deste estudo, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acordou remitirlle ao Ministerio de Educación dous documentos para potenciar o uso e o recoñecemento dos idiomas cooficiais nas publicacións científicas, dúas propostas que foron asinadas este venres polo reitores das tres universidades galegas, Juan Viaño, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato.

Trárase, en primeiro lugar, dunha proposta conxunta para a modificación dos criterios de avaliación da actividade investigadora no relativo ao uso das linguas cooficiais en publicacións científicas. Trátase de lograr unha avaliación das contribucións redactadas nas linguas cooficiais equiparables á de calquera outra contribución e centrada na súa calidade científica, con independencia da lingua en que estea escrita. Actualmente, os sistemas de indexación internacional de publicacións teñen cada vez máis en conta o emprego do inglés como lingua asociada ás revistas de maior prestixio e difusión. Con esta iniciativa, preténdese evitar que as contribucións científicas non redactadas en español nin en linguas internacionais do coñecemento científico sexan invisibles nos procesos de avaliación da actividade investigadora.

Preténdese evitar que as contribucións científicas non redactadas en español nin en linguas internacionais do coñecemento científico sexan invisibles nos procesos de avaliación da actividade investigadora

Ademais, as tres universidades galegas acordaron presentat alegacións ao proxecto de Real Decreto polo que se modifica o Real Decreto 1312/2007 de 5 de outubro, regulador da acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios. Estas alegacións reclaman que se incorporen como enmendas de adición, que fan fincapé na necesidade de que nas comisións de acreditación da ANECA se garanta a presenza de avaliadores das comunidades con lingua propia, valorando o seu coñecemento destes idiomas.

 

Dificultades engadidas para a investigación en galego

O informe presentado o pasado mes de xuño sinalaba que "o peso do inglés é abafante e tende a medrar"

O informe presentado o pasado mes de xuño sinalaba que "o peso do inglés é abafante e tende a medrar debido a que as decisións de política científica en relación coas avaliacións (acreditacións, sexenios) só de forma moi residual se apartan do SCI ou o Journal Citation Reports (JCR) como parámetros de indexación", polo que a dificultade de someter a avaliación traballos científicos realizados en galego, catalán ou éuscaro "revélase dobremente complexo".

Entre as propostas que realizaba o informe para reverter a situación destacaban a introdución de incentivos retributivos polo uso da lingua, que se pode converter nun "estímulo eficaz" para acompañar os plans de normalización nas universidades, sobre todo nun momento de recortes salariais. Tamén se propoñía que o uso do galego nas aulas sexa unha das variables do financiamento por obxectivos das universidades.

Entre as propostas que realizaba o informe para reverter a situación destacaban a introdución de incentivos retributivos polo uso da lingua

Igualmente, propoñíase apoiar a tradución ou publicación de monografías científicas en galego, apostando por que a Xunta apoiase economicamente "un grupo seleccionado de publicacións que usen o galego". O documento pechábase lembrando que "a divulgación do coñecemento científico na sociedade, especialmente dirixido a escolares, é tamén un xeito de asociar o galego a rexistros de prestixio".

Unha das bibliotecas da UDC © Universidade da Coruña
Evolución dos usos lingüísticos nas teses © Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística
Usos lingüísticos nos máster da USC 2013-14 © O Cartafol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.