A epidemia de gripe que previu Google e desbordou o Sergas

Incidencia da gripe a 10/1/2015, segundo Google © Google Flu Trends

En febreiro de 2009 a prestixiosa revista Nature publicaba o resultado dun novidoso estudo realizado por investigadores de Google e do Centro para o Control e Prevención de Enfermidades dos Estados Unidos: un algoritmo que, baseándose nas procuras realizadas polas persoas usuarias do popular buscador de internet e contrastándoas co histórico de datos reais, permitía predicir con notable precisión a incidencia da gripe nunha área xeográfica determinada. Nacía así Google Flu Trends, unha ferramenta que na súa media década de funcionamento acumula notables éxitos nas súas predicións da epidemia gripal pero tamén un fracaso, o do pasado inverno, cando, como relatou Diario Turing, prediciu un brote moito máis intenso do que finalmente se produciu. Tras ese erro, o tareco da multinacional tecnolóxica volveu funcionar neste inverno, cando menos no caso de Galicia, onde dende hai semanas os servizos de urxencias do Sergas rebordan de pacientes.

Unha ollada á evolución das estimacións de Google Flu Trends nos últimos meses permite coñecer que a estimación da incidencia da gripe en territorio galego incrementou lixeirisimamente o pasado outubro, cuns 150 casos por cada 100.000 habitantes. Estivo en niveis baixos ata as últimas semanas de decembro, cando comezou a aumentar moi notablemente ata superar os 1.000 casos por cada 100.000 habitantes para os primeiros días de xaneiro, xusto cando, xunto co virus, agromaron as protestas dos doentes e tamén de boa parte do persoal do Servizo Galego de Saúde.

A ferramenta de Google estimou atinadamente as epidemias de gripe dende hai cinco anos, aínda que fallou o pasado inverno

Vigo, A Coruña ou Lugo volveron ser escenario de situacións xa vividas noutrora: colapso na atención de urxencia e pacientes nos corredores mentres, uns andares máis arriba, existen camas pechadas. Ante esta situación o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu en admitir o sucedido e mesmo en pedir "desculpas" por "non poder dar unha resposta axeitada a todos os pacientes", unha "dificultade" que o titular do Goberno galego atribuíu, precisamente, ao incremento da gripe. 

"Existen instrumentos que poden vaticinar con exactitude cando se producirá, canto afectará e cales deben ser os medios", dinlle profesionais médicos á Xunta

Ante esta explicación oficial a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública apelou á responsabilidade do presidente, toda vez que "esta situación se repite cada ano" e é "consecuencia da escaseza de recursos asociada á política de recortes sanitarios da Xunta". Mentres, o sindicato médico CSM-O'Mega foi máis alá para considerar as verbas de Feijóo "un desprezo á intelixencia de usuarios e traballadores sanitarios".

"Existen instrumentos que poden vaticinar, con total exactitude, cando se producirá, canto afectará e cales deben ser os medios que haberá que dispoñer para facer fronte a calquera repunte puntual de calquera risco sanitario habitual", din dende esta organización médica. "Un mariñeiro considera un tsunami como algo excepcional pero nunca considerará a suba e a baixada da maera como excepcional, por moito que sexa unha marea viva", ilustran nunha carta dirixida ao presidente. "Quen debe poñer remedio coa suficiente antelación" son os xestores do Sergas, conclúen.

A estimación de incidencia alta da gripe en Galicia no inicio de 2015 cadrou cos datos oficiais

Efectivamente, existen aplicacións informáticas que orientan os profesionais e xestores do sistema para prever as epidemias e facerlles fronte. Nesta ocasión o certo é que, malia aos seus fallos, unha ferramenta accesible para toda a poboación, a desenvolvida por Google, foi quen de formular unha estimación que, atendendo ao panorama dos hospitais galegos, pero tamén aos datos oficiais do Sistema de Vixilancia da Gripe en España, se correspondeu coa realidade.

Actividade da gripe na primeira semana de 2015, segundo datos oficiais © Sistema de Vixilancia da Gripe en España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.