"Fai falla visibilizar roles femininos nas TIC que inspiren e lles dean seguridade ás estudantes"

Sabela Ramos, profesora da Facultade de Informática © UDC

Son moitas as ocasións nas que se ten alertado da moi importante fenda de xénero que sofren as ensinanzas técnicas, comezando pola informática e a moi escasa presenza de mulleres nestes campos e nas empresas TIC. Apenas o 14% das persoas que ingresan no primeiro curso do Grao en Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña son mulleres, unha situación que se repite nalgunhas enxeñarías. A consecuencia é que dúas de cada tres persoas empregadas nas empresas TIC de Galicia son homes (62,5%). Non é unha situación que afecte exclusivamente a Galicia. Programas europeos, coma o ICT-Go-Girls!, dirixido polo CESGA en colaboración coa USC e institucións doutros cinco países, buscan fomentar a entrada de mulleres nestes campos, centrando a súa actividade nos centros de secundaria, xusto antes de que as rapazas escollan que carreira queren estudar.

Ese é tamén o obxectivo de varias actividades organizadas polas Facultade de Informática da Coruña, enmarcadas na Anita Borg Week, un evento organizado para conmemorar o aniversario de Anita Borg, composto de microeventos locais en todo o mundo, orientados a promover o papel da muller nas novas tecnoloxías. Nas últimas semanas alumnos e alumnas de centros de ensino de toda Galicia foron convidadas a través do concurso WikinformáticA a elaborar biografías en galego en formato Wiki de mulleres destacadas no eido das Tecnoloxías da Información. En total participaron 232 alumnos e alumnas de 11 centros de toda Galicia.

Os gañadores e gañadoras recibirán os seus premios esta semana, no marco dunhas xornadas nas que a Facultade busca visibilizar o traballo de mulleres en postos directivos de importantes empresas TIC. "Case sempre que facemos charlas técnicas os ponentes son homes, polo tanto quixemos convidar a mulleres que ocupan postos relevantes en empresas TIC. A idea é visibilizar o seu traballo", destaca Sabela Ramos, profesora da Facultade e organizadora do evento. Ramos obtivo en 2012 unha das prestixiosas e moi competidas bolsas Google Anita Borg Scholarship, que a empresa de Mountain View concede cada ano a mulleres formadas en carreiras técnicas.

A investigadora é consciente da importancia de dirixir os esforzos á xeración de mulleres que neste momento estuda no ensino secundario: "Vemos que nesta Facultade case non entran mulleres, así que quixemos centrar os esforzos nos centros de secundaria" e apunta algúns motivos que poden explicar o reducido número de mulleres que optan por estes estudos: "A imaxe xeneralizada é que as mulleres están menos capacitadas para carreiras técnicas e iso pode provocar inseguridade nelas, e á hora de escoller unha carreira decántanse por outros estudos menos técnicos ou nos que hai unha meirande proporción de mulleres".

"A imaxe xeneralizada é que as mulleres están menos capacitadas para carreiras técnicas e iso pode provocar inseguridade. Á hora de escoller unha carreira moitas decántanse por outros estudos menos técnicos ou nos que hai unha meirande proporción de mulleres"

Sabela Ramos alerta de que "a informática é hoxe un campo moito máis importante que hai 30 anos e hai menos mulleres que hai 30 anos e nas facultades de informática entran menos mulleres que hai trinta anos", un problema para as mulleres (que quedan relegadas a un papel secundario nun sector de tanta importancia no presente e no futuro), para a propia informática e para a sociedade no seu conxunto. "Tamén inflúe negativamente que cando se organiza algún evento ou xornada sobre informática os participantes son maioritariamente homes. Ou que os homes que dirixen compañías tecnolóxicas teñen moita máis visibilidade que as mulleres: Bill Gates ten moita máis visibilidade que Marisa Mayer e tamén a ten o actual CEO de Microsoft [Satya Nadella]", di. "Fai falla visibilizar roles femininos nas TIC que inspiren e dean seguridade ás estudantes", conclúe.

Sabela Ramos alerta de que "a informática é hoxe un campo moito máis importante que hai 30 anos e hai menos mulleres que hai 30 anos e nas facultades de informática entran menos mulleres que hai trinta anos"

Eses roles femininos importantes na historia e no presente das TIC (Ada Lovelace, Hedy Lamarr, Ángela Ruiz Robles, Anita Borg, Frances E. Allen, Susan Kare, Grace Hopper, Arantza Illarramendi, Roberta Williams, Marisa Mayer, Barbara H. Liskov...) están destacados nas wikis realizadas polo alumnado de secundaria. E tamén ocupan postos importantes en moitas empresas. Na Coruña falará, por exemplo, Carme Miró (CEO de Apple Tree unha axencia de comunicación internacional especializada en dixital e canles 2.0), Cristina Gamallo (cofundadora de Situm, unha innovadora empresa de robótica en Galicia), Mariel Martínez (do Google Developers Group de Vigo) ou Verónica Ramallal (fundadora de Pekecha, empresa centrada na imaxe online, o social media e a marca personal).

 

Programa

28 xaneiro

16:00 - 17:30 -- Carme Miró. CEO de Apple Tree. Entrevista sobre o éxito empresarial e a importancia da imaxe de marca online.

17:30 - 19:00 -- Cristina Gamallo. Co-fundadora de Situm. Experiencia creando unha empresa innovadora de robótica en Galicia.

19:15 - 20:45 -- Mariel Martínez. GDG Vigo. GDGs en Galicia, Women in Tech, Tech & ladies.

29 xaneiro

16:00 - 17:00 -- Panel: situación laboral das TIC. Laura Castro, profesora e investigadora da Facultade de Informática. Fernando Suárez, presidente do CPEIG. María R. Malmierca, coordinadora de ICT Go Girls e da área de E-learning do CESGA.

17:00 - 17:30 -- Presentación de WikinformáticA e entrega de premio.

17:30 - 19:00 -- Verónica Ramallal. Fundadora de Pekecha. Imaxe online: social media e marca personal.

Facultade de Informática da Universidade da Coruña © UDC
Sabela Ramos, profesora da Facultade de Informática © UDC
Hedy Lamarr, Anita Borg e Ada Lovelace Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.