O vindeiro venres 20 de marzo terá lugar unha eclipse total de sol que terá en Galicia un dos seus mellores puntos de observación, chegando a ocultarse en máis dun 75%, a maior porcentaxe de toda España. Por exemplo, en Madrid o sol ocultarase nun 66% e en Barcelona nun 63%, lonxe do norte de Europa, onde capitais coma Oslo (90%) ou París (80%) poderán ver o fenómeno con máis claridade. A eclipse comezará en Galicia ás 9:05 horas, chegará ao seu máximo ás 10:09 e rematará ás 11:18, como se pode ver na información achegada polo Observatorio Astronómico Nacional (OAN). Será, ademais, a última grande eclipse solar que se poderá ver na Península ata o 12 de agosto de 2026 cando haberá unha eclipse total.
A web Misión Eclipse ofrece unha gran cantidade de información sobre o fenómeno e tamén permitirá seguir a súa evolución en directo. Tamén realizará un seguimento en directo a web do Real Instituto y Observatorio de la Armada. Será, ademais, un día festivo para moitas persoas, pola ponte do 19 de marzo, o que pode animar a seguir a evolución deste fenómeno. O Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da USC, organizará no seu xardín unha sesión pública de seguimento.
Distintas entidades realizan estes días recomendación para evitar os graves danos que pode provocar na visión o mirar directamente o eclipse. A principal é nunca ollar directamente o sol neses momentos, pero de igual xeito tamén se desaconsellan outras solucións, coma empregar radiografías, carretes antigos de fotos ou cedés. Entre as alternativas seguras están algúns modelos de gafas especiais, gafas de eclipse. Ou, de forma máis sinxela e barata, pódese idear algún artefacto que permita ver a imaxe do sol proxectada sobre algún tipo de superficie lisa. Este método baséase no efecto Pinhole (ollo de agulla), semellante ao que se produce nunha cámara oscura. O buraco pódese facer nese momento ou tamén se pode empregar algún instrumento que teñamos pola casa, coma unha escumadeira.