O Observatorio Tecnolóxico PortalProgramas vén de publicar unha nova edición do Ranking de Universidades en Software Libre, un indicador que mide o compromiso das institucións académicas neste eido e que se calcula a partir de 66 indicadores que analizan todos os ámbitos da Universidade, desde docencia ata criterios tecnolóxicos, divulgación, produción, apoio institucional ou investigación. As tres universidades galegas ocupan postos moi altos entre os 76 centros analizados, situándose tanto A Coruña (6ª), coma Santiago (8ª) coma Vigo (10ª) entre as dez primeiras.
Todos os criterios que se teñen en conta sintetízanse nun único valor chamado IDSL (Índice de Difusión do Software Libre), que acada o seu máximo (100 sobre 100 puntos) na Universidade de Granada, que cumpre á perfección con todos os elementos analizados. Seguen a Universidad de Las Palmas (65,8%) e a Universidad de La Laguna (62,25%). As galegas sitúanse algo máis atrás, con 46.02 puntos para a UDC, 34.45 para a USC e 29.25 para a Uvigo. En todo caso, moi por riba da media fixada para toda España: 14,3%. Iso si, tanto A Coruña como Compostela perden algo de puntuación con respecto ao ranking dos últimos anos.
As tres universidades galegas ocupan postos moi altos entre os 76 centros analizados, situándose tanto A Coruña (6ª), coma Santiago (8ª) coma Vigo (10ª) entre as dez primeiras
As universidades galegas acadan os seus mellores resultados en Colaboración externa, un ámbito no que a UDC se sitúa en cuarta posición, a USC na sexta e a Uvigo na oitava. E tamén en Cultura en software libre (relacionado coa normativa e a actividade dunha oficina para o seu fomento), apartado na que a UDC é quinta, a USC sexta e a Uvigo sétima. Tamén en administración (orzamento dedicado a software libre e dedicado a licenzas) e en divulgación (xornadas e congresos específicos), as tres universidades do país están no top ten. Ademais, a Universidade da Coruña tamén se atopa entre as dez primeiras en investigación (sexta) e docencia (quinta).
2012 | 2013 | 2014 | 2015 | |
---|---|---|---|---|
UDC | 25.80% (17ª) | 60.63% (3ª) | 49.03% (4ª) | 46.02% (6ª) |
USC | 21.52% (22ª) | 47.09% (6ª) | 37.54% (8ª) | 34.45% (8ª) |
Uvigo | 25.81% (16ª) | 31.99% (9ª) | 26.89% (10ª) | 29.25% (10ª) |
Índice de Difusión do Software Libre das tres universidades galegas