As universidades galegas reciben da Xunta 79 millóns de euros menos que en 2009

Transferencias correntes e de capital da Xunta ás universidades galegas Dominio Público Praza Pública

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, instou a pasada semana á Universidade da Coruña a "axustar gastos" como antes fixeron "todas as institucións -dende concellos ata Xunta e Estado- e a sociedade" para solucionar os problemas que liquidez que hai uns días obrigaron a institución a paralizar os seus gastos correntes. Porén, dende a UDC incídese en que o problema e, polo tanto a solución, non está no capítulo de gastos, que xa foron substancialmente recortados nos últimos anos, senón que se trata dunha cuestión de "ingresos", ligada a un deficiente financiamento.

As universidades galegas viron reducidos os seus orzamentos de forma notable nos últimos anos; a USC pasou de 246 millóns de euros en 2009 a 199 no presente exercicio (47 millóns, un 34% menos), a Uvigo recortouno dende 182 a 165 (17 millóns menos, un 9%) e a UDC de 138 a 116 (unha caída de 22 millóns, un 15% do total). Un descenso total de 86 millóns de euros.

Caeron sobre todo os gastos nos capítulos de investimentos (de 33 a 12 millóns na Coruña; de 85 a 31 en Santiago e de 35 a 34 en Vigo) e de gastos correntes (de 18 a 15 millóns na Coruña; de 33 a 25 en Santiago; mentrea que en Vigo creceron de 28 a 31), pero tamén nos gastos en persoal (un millón na UDC, 16 na USC e 7 na Uvigo).

  2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015
USC 245.9 244.7 228.8 *(228.8) *(228.8) *(228.8) 199
UDC 137.8 137.7 129.6 123.3 119.6 114.9 116.2
Uvigo 182.2 176 167.9 163 163.2 159.7 165.2

Orzamento das universidades galegas (2009-15). En millóns de euros. *Prorrogado

 

Neste tempo reducíronse de forma importante os ingresos das tres universidades. Descenderon todos os capítulos, entre eles as taxas e prezos públicos (3 millóns menos na UDC, 19 na USC ou 11 millóns na Uvigo), pero a caída dos ingresos débese sobre todo a unha redución nas transferencias correntes e de capital procedentes da Xunta. En total, as tres universidades galegas pasaron de ingresar 437 millóns de euros procedentes da administración autonómica galega en 2009 a recibir 358 millóns en 2015, 79 millóns menos. As transferencias correntes pasaron de 156 a 130 millóns na USC, de 95 a 81 na UDC e de 108 a 105 na Uvigo. 

  2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015
USC 193.3 175.7 166.1 158.3 151.7 - 151.4
UDC 115.6 102.9 101.3 95.5 93.2 93 94.3
Uvigo 128.2 117.4 114.8 109.5 110.8 113 112.6

Transferencias realizadas pola Xunta ás universidades galegas (2009-15). En millóns de euros

 

As tres universidades reclaman unha mellor no seu financiamento. Moi especialmente a UDC, que leva denunciando dende hai anos un sistema que considera "inxusto" e que prexudica especialmente á institución con sede na Coruña. De igual xeito, o reitor da USC, Juan Viaño, sinalou que o actual financiamento "non é suficiente" e afirmou que "non se debe financiar só a actividade docente senón tamén a estrutura universitaria, que permite obter máis financiamento".

Tamén as forzas políticas da oposición demandaron a pasada semana no Parlamento cambios na política de apoio á universidade. A portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, criticou que o financiamento das universidades galegas diminuíu "ao nivel de 2005 en termos constantes", provocando o que definiu como "unha década perdida". Burgo esixiu unha “política seria de impulso das universidades” ou "do contrario non imos a ningunha parte”. Pola súa banda, Cosme Pombo (BNG) sinalou que “os continuos recortes” do Goberno galego neste ámbito teñen levado a que haxa “menos profesorado e recursos nos últimos cinco anos, un grave recorte que provoca a asfixia do sistema universitario galego” e á diminución de financiamento e recursos humanos, “principal capital a nosa universidade".

Transferencias correntes e de capital da Xunta ás universidades galegas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.