O Goberno galego e as tres universidades pecharon este mércores o acordo que debe levar á redacción do Plan de Financiamento 2016-2020, e que en resumo implicará un incremento do 17% dos fondos da USC, a UDC e a UVIGO. A cifra global ascenderá a 2.470 millóns de euros, 365 millóns máis dos que contiña o plan anterior. A Xunta achegará directamente 2.059 millóns (159 millóns máis que na actualidade) e o incremento restante sairá da mellora da captación de recursos externos, convocatorias de axudas e convenios con administracións públicas e entidades privadas. Ademais, entre os criterios que determinan o reparto dos fondos, desaparece o histórico, que beneficiaba a Universidade de Santiago, e que era moi criticado -sobre todo- pola Universidade da Coruña. Gaña peso, pola contra, o financiamento dependente dos resultados acadados por cada institución.
A cifra global ascenderá a 2.470 millóns de euros, 365 millóns máis dos que contiña o plan anterior. A Xunta achegará directamente 2.059 millóns (159 millóns máis) e o incremento restante sairá da mellora da captación de recursos externos
Na xuntanza que levou a este acordo participaron os conselleiros de Facenda, Valeriano Martínez, e de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e tamén os reitores da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto; da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño; e da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
O financiamento estrutural representará no comezo exactamente dous terzos do total (o 66,6%), para ir progresivamente descendendo, e partirá cunha base de 237,75 millóns de euros para o vindeiro ano 2016. O importe calcúlase en función do número de alumnado matriculado en cada materia de grao e mestrado, suprimíndose o devandito criterio histórico que se repartía nun 43% para a USC, nun 30% para a Uvigo e nun 27% para a UDC. Tanto o reitorado da Universidades da Coruña, coma o propio Consello Social da institución reclamaban a eliminación ou a minimización deste criterio que prexudicaba os campus de Ferrol e A Coruña e tamén aos do sur de Galicia. O financiamento por resultados representará inicialmente o 33,4% do financiamento, aínda que o obxectivo final é ir acadando de xeito progresivo o 40% do total en función da evolución de indicadores académicos, de investigación e de transferencia.
O financiamento por resultados representará inicialmente o 33,4% do financiamento, aínda que o obxectivo final é ir acadando de xeito progresivo o 40% do total
O conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, afirmou que o novo plan de financiamento supón “un dobre salto, cualitativo e cuantitativo” para as universidades galegas e destacou que “somos conscientes de que a Universidade galega é merecente do maior apoio público posible", engadindo iso si que "tamén debemos recoñecer o significativo esforzo que fai a sociedade galega para financiar o sistema universitario”.
Os tres reitores tamén valoraron positivamente o acordo, destacando especialmente Armesto e Mato a supresión do criterio histórico. "Estamos totalmente de acordo porque así poderemos dicir que o esforzo da Xunta por alumno é igual estude onde estude", afirmou o reitor vigués. O propio reitor compostelán, Juan Viaño, subliñou que "é bo que desapareza sempre que haxa un reparto equitativo e transparente". En calquera caso, os reitores pediron "tempo" para analizar e discutir o plan.