Reorganizar Galicia en trinta comarcas?

Proposta de redistribución das comarcas CC-BY-NC Leandro Regueiro

Moverlle os marcos ao país. Esta é, en síntese, a proposta que lanza Leandro Regueiro en forma de proposta de marca comarcal para Galicia. Quince anos despois de que o Goberno de Manuel Fraga aprobase por decreto unha distribución comarcal que apenas se chegou a implantar na Administración e moito menos na sociedade Regueiro pon sobre a mesa unha alternativa que ten como base un novo mapa municipal, o xa amosado en Praza Pública con 142 concellos con, cando menos, 7.500 habitantes. Unha vez trazadas esas lindes municipais baseándose na extensión territorial e, sobre todo, no número de habitantes e nas recomendacións europeas e canto a concellos e poboación, este novo mapa reduce notablemente o número de comarcas, que non terían en ningún caso menos de 30.000 habitantes.

A cabeceira de cada comarca sería a capital dun dos "novos concellos" e estaría "o máis céntrica posible"

Máis atento á posible prestación conxunta de servizos ou á operatividade administrativa que a distribucións anteriores a proposta de Regueiro fíxase nun concepto menos obxectivo que o do número de habitantes pero, se cadra, tanto ou máis pragmático que o do volume de poboación, as "áreas de influencia" en torno a certas vilas e cidades. Así, segundo este modelo a cabeceira de cada comarca sería a capital dun deses 142 "novos concellos", que estaría "o máis céntrica posible" e tería en conta a relación das persoas con esas localidades. Así, por exemplo, a comarca na que está incluída a cidade de Lugo chegaría ata A Fonsagrada e Vigo incluiría O Morrazo.

Esta proposta aposta, polo tanto, por desbotar a vixente dende 1997, cando a Xunta apostou por unha estrutura de 53 comarcas, algunhas das cales transcendían os límites provinciais. Nos anos de maior chegada de fondos europeos a Galicia esa distribución foi a base para a creación da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal (Sodeco) e dos cuestionadísimos centros comarcais, edificios nos que se investiron notables cantidades de cartos públicos moitos dos cales non chegaron a ter excesivas aplicacións reais para a poboación. Aquel mapa de comarcas do Goberno de Fraga nacera xa entre un importante cuestionamento, do que é boa mostra a importante cantidade de alegacións que recibiu o proxecto non só por parte de partidos políticos e concellos, senón tamén de entidades sociais tan diversas como unha coral polifónica, unha peña deportivista, colexios, asociacións de empresarios ou colectivos culturais, entre outros.

Comarcas fixadas en 1997 CC-BY-NC Pablo Belay

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.