A metástase é o proceso polo que un tumor que afecta a un órgano se desprende del e coloniza outro, estendendo a enfermidade polo corpo. Para facelo as células endoteliais, as do interior dos vasos sanguíneos, crean novos vasos que alimentan as células do cancro. Este proceso é o que vén de ser quen de frear un equipo de investigación da Universidade de Santiago xunto ao grupo Signaling Lab da Universidade do País Vasco. Concretamente, lograron minguar ata un 80% a extensión do cancro de colon cara ao fígado.
A USC vén dar conta da publicación no International Journal of Cancer dos resultados nunha investigación que, explica un dos científicos participantes na investigación, Iker Badiola, partiu da base de que as devanditas células dos vasos sanguíneos, ao recibiren sinais das células tumorais, "teñen un crecemento maior e tenden a moverse cara á masa metastásica para axudala a crecer". Para "revelar que é o que provoca" que as células dos vasos sanguineos experimenten ese cambio o equipo abordou unha investigación en ratos aos que se lles provocou unha metástase hepática con células de cancro e colon.
A metástase é o proceso polo que un tumor que afecta a un órgano se desprende del e 'coloniza' outro
Unha vez realizada esa implantación, explican dende a universidade compostelá, esas células endoteliais -dos vasos sanguíneos- foron comparadas con outras que non estaban atinxidas polo cancro. "Mediante ferramentas bioinformáticas" seleccionarion proteínas e material xenético -micro-RNA-. Nomeadamente, acharon un tipo concreto de micro-RNA, o miR-20ª, "que aparece nas células endoteliais sas, pero que desaparece nas que están en contacto co tumor". "Vimos -debulla Badiola- que como conscecuencia da desaparición" dese material xenético, nas células dos vasos sanguíneos "aparecían unha serie de proteínas" e, xusto a continuación, "comezaban a cambiar o seu comportamento", a crecer e a estender o cancro.
O equipo da USC e da Universidade do País Vasco logrou "frear o crecemento" dos vasos sanguíneos que subministran "osíxeno e alimentos" ás células que promoven a extensión do tumor
Tras comprenderen o proceso os membros do equipo científico "valéronse de nanopartículas" para "frear o crecemento" dos vasos sanguíneos que chegan ás células do tumor e así lograron "reducir a achega de osíxeno e alimentos a esas células, conseguindo así que o crecemento sexa menor". Non obstante, advirte un dos científicos da USC, Alejandro Sánchez, o feito de que estea identificada "a diana terapéutica" e a "molécula bioactiva a empregar" non implica que sexan quen de dirixir o proceso "de modo efectivo e seguro". Ese é un paso "extremadamente difícil" e é a explicación para que "a día de hoxe carezamos de tratamentos para enfermidades cuxa orixe, desenvolvemento, dianas e posibles moléculas terapéuticas coñecemos".
Ese paso foi o experimentado nos mesmos ratos aos que lles provocaran a metástase. E o resultado foi que, unha vez subministradas as nanopartículas, "a análise patolóxica revelou que nos casos tratados se formaran moitos menos vasos sanguíneos novos dentro dos tumores" e "certificamos que o número e tamaño das masas de metástase se reduciran nun 80%".Neste caso concreto a investigación utilizou nanopartículas que xa foran patentadas pola USC. Agora, detallan dende a institución académica, a esa patente "xeral" engadirase outra para esta aplicación en concreto.
Malia á relevancia do achado científico, os seus autores convidan á prudencia. É positivo, indica Badiola, "poder reducir o tamaño da metástase" nunha proporción tan elevada, pero "se algunha vez chega a ser empregado", este tratamento ten que ser "complementario". "Non hai que ignorar que a metástase segue crecendo un 20%" e, sobre todo, que as células tumorais non son destruídas, senón freadas.