'Un cesto de mazás', memoria e sensibilidade no último libro de Montse Fajardo

Capa do libro Dominio Público Praza Pública

E gardo, coma un morto,
no centro do silenzo, da sede, da agonía,
o día que vos poda levar á sepultura
unha cesta de pombas e mazás.
¡Tan doce era a xuntanza miña e vosa,
de todos nós co mundo!

Así remata o poema de Lorenzo Varela “Compañeiros da miña xeneración mortos ou asesiñados”, un dos textos máis conmovedores de quen viviu o desgarro de perder os seus amigos nunha guerra que o deixou orfo dos seus iguais. Esa “cesta de pombas e mazás” que Lorenzo Varela pretende levar a modo de ofrenda á sepultura dos seus queridos compañeiros asasinados no 36, constitúe unha fermosísima e esperanzadora imaxe no medio de tanta dor. Esta imaxe foi recollida pola xornalista Montse Fajardo para titular o seu último libro: Un cesto de mazás, presentado na noite do venres 18 de setembro no Salón García de Vilagarcía de Arousa.

Esa “cesta de pombas e mazás” que Lorenzo Varela pretende levar a modo de ofrenda á sepultura dos seus queridos compañeiros asasinados no 36, constitúe unha fermosísima e esperanzadora imaxe no medio de tanta dor

A idea de poñerlle este título ao libro naceu cando, non hai moito, Luís Bará, membro da Asociación de Memoria Histórica A Regaduxa de Vilaboa, tivo o aceno de levarlle a Tucha, filla dun represaliado, un cesto de mazás. Ese cesto representa a ofrenda que lle facemos todas ao lembrar esa parte do pasado colectivo, pero tamén individual e profundamente íntimo, que determinou negativamente a vida de tantas persoas. Proxectar luz sobre esa verdade silenciada é a nosa homenaxe ás vítimas, que non foron só as que perderon a vida, senón todas aquelas que viviron o desgarro, o trauma de perder un ser querido e soportaron o estigma social, padecendo penurias e humillacións por riba de tanta dor.

Luís Bará foi o encargado de presentar o libro e de falar sobre a autora. As súas gabanzas non son froito do esaxero nin da parcialidade. Xa no seu anterior libro, Montse Fajardo revelouse como unha escritora chea de talento e sensibilidade. Provoca admiración a súa capacidade de empatía coas persoas coas que traballa para escribir os seus libros, informantes e protagonistas de historias durísimas. Destacaba Bará a dificultade que ten recoller a memoria do 36 e de traballar con fontes orais. Para estes dous aspectos posúe unha man especial Montse Fajardo.

Xa o demostrara no seu primeiro libro, Matriarcas. Mulleres en pé de vida. Nel atopabamos dez historias de vida e de memoria, que nos daban a oportunidade de achegarnos ás xeracións que nos precederon. Un dos temas centrais era a guerra civil e as súas desoladoras consecuencias na vida de tantas persoas que sufriron de moi nenas as máis descarnadas inxustizas. As historias de Waldina Pereira Vidal, Carmen Meaños Abuín e Amalita Limeres Ordóñez sobrecóllennos. Non só hai memoria histórica en Matriarcas. Ao carón dela, Montse Fajardo ofrecíanos as abraiantes historias de Delia, parteira centenaria; Luz, que lembraba entre as sombras do alzheimer a súa propia vida; Gloria, muller de durísima infancia que se reinventou a si mesma e viviu as máis novelescas peripecias, mesmo nun barco mercante; Carmen, a mestra; Rosario, a loitadora nai dun heroinómano; Tareixa, a histórica xornalista represaliada...

Xa o demostrara no seu primeiro libro, Matriarcas. Mulleres en pé de vida. Nel atopabamos dez historias de vida e de memoria, que nos daban a oportunidade de achegarnos ás xeracións que nos precederon

En Un cesto de mazás os protagonistas non son só Manolo de Socorra, Amando Iglesias Pérez, Paulo Novás, Josefina Arruti, Ramón Barreiro Rodríguez, Castor Cordal Garrido, María Vázquez Suárez, Antonio López Acuña, Luís Pereira, Ernestina Otero, Antonio Alejandre, Paco Reirís, Antonio Mojón, Ángel Huete, Celestino Carbia Campaña, Angelina Fernández Roces, Perfecto Allo, Urania Mella, Humberto Solleiro, Andrés Roo e Ramiro Torrado. A carón deles están as fillas e os fillos, as nais, irmás e netas: Tucha García, Rosa Iglesias, Carmiña, Josefina Arruti, Elena Barreiro, Josefina Cordal, Josefa e Teresa Mojón e tantas outras.

A autora é xornalista, licenciada en Ciencias Políticas. Na actualidade traballa no programa A memoria das mulleres promovido polo Concello de Pontevedra. Valentemente, Montse Fajardo afirma no libro: “Eu non son historiadora nin este é un libro de Historia. Eu vouvos contar o que me contaron. Este é un libro de memoria oral e haberá quen pense que as lembranzas das vítimas non son fiábeis, pero menos o son eses papeis oficiais nos que os rebeldes acusaban de rebelión aos defensores da legalidade republicana e nos que se falaba de hemorraxia interna cando habería que dicir asasinato”.

"Este é un libro de memoria oral e haberá quen pense que as lembranzas das vítimas non son fiábeis, pero menos o son eses papeis oficiais nos que os rebeldes acusaban de rebelión aos defensores da legalidade republicana"

Un material tan importante e delicado tiña de ter un continente axeitado. E así é. O libro está magnificamente editado. Constitúe un obxecto coa beleza que merece unha homenaxe destas características. Montse Fajardo fíxose acompañar por obras que pertencen aos fotógrafos José Luiz Oubiña e Zuriñe Otero Touriño e a pintores como Uxío López, Manolo Chazo, Álex Pedrosa, Xaquín Chaves etc. A carón delas ofrécenos cadros e debuxos de Castelao, Antón Rivas Briones e moitos máis.

O acto foi unha sorte de “funeral civil” para moitos aos que se lles negou sequera unha tumba

No Salón García déronse cita familiares e descendentes dos represaliados, algúns deles foron tamén vítimas e, desde logo, moitos, informantes para este magnífico libro. O acto foi unha sorte de “funeral civil” para moitos aos que se lles negou sequera unha tumba. As palabras de Elena Barreiro, falando sobre o seu tío e sobre os seus avós, constituíron o momento máis emotivo e conmoveron ao público. Para pechar o acto, soou a música de Gramola, coa voz de Lorena Pérez da Silva, interpretando pezas como “El necio” de Silvio Rodríguez e “Te recuerdo Amanda” de Víctor Jara.

Os próximos actos de presentación de Un cesto de mazás terán lugar en Pontevedra o 24 de setembro e en Marín o día 26. Este libro non é un máis sobre o 36, é un exercicio de sensibilidade e de memoria que estamos convidadas a compartir.

Capa do libro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.