Pouco sabemos sobre a conquista romana do noroeste peninsular e do que despois foi a Gallaecia. A maior parte dos restos, dende vivendas, calzadas, murallas e outras infraestruturas corresponden ao periodo de asentamento. E mesmo os dous campamentos militares mellor estudados, o de Aquae Querquennae en Bande, e A Cidadella en Sobrado dos Monxes pertencen a un período bastante posterior ao da chegada das primeiras tropas ao territorio. Nos últimos anos distintas achegas foron afondando neste tema, deitando luz sobre o proceso de penetración do exército romano. E a semana pasada un equipo formado por investigadores das universidades de Santiago, Oviedo, Complutense de Madrid e do CSIC presentou un traballo que permitirá avanzar moito no coñecemento desta cuestión.
A investigación, cuxas conclusións pódense consultar nesta web, foi presentada no congreso LIMES 2015 en Ingolstadt (Alemaña), a principal reunión científica sobre arqueoloxía militar de época romana. O traballo parte da análise en conxunto de dezasete novos sitios arqueolóxicos -principalmente campamentos militares-, que en parte foran xa publicados polos membros do equipo ao longo dos últimos anos, aínda que outros foron presentados por vez primeira. Na investigación presentáronse seis novos campamentos romanos vinculados ao movemento de tropas na Galicia actual ou nas súas inmediacións. Ata agora descoñecíase como fora o proceso de penetración do exército romano en Gallaecia durante a conquista.
Un dos novos campamentos sitúase en Valboa, en Vilafranca do Bierzo, nas portas da vía de acceso natural a Galicia. Tres están situados na Cha de Santa Marta, entre Sarria e Láncara, unha planicie á saída das montañas orientais galegas e que os investigadores identifican como unha posible base loxística romana na que se agruparían e prepararían as tropas antes de entrar no territorio. Dous destes recintos foran identificados previamente, pero non publicados, por Luís López, da empresa Terra Arqueos. Outro campamento inédito atópase ao carón dun paso natural do Miño, no Monte dos Trollos (O Páramo). Estes cinco achados constitúen unha clara ruta de entrada no territorio, unha vía de penetración da que ata agora non había apenas evidencias.
Atopáronse outros dous campamentos, situados na zona occidental de Galicia e que polo tanto tería servido para o asentamento e extensión das tropas romanas polo territorio, de norte a sur, empregando a Depresión Meridiana galega. Trátase do recinto de Campos, en Vilanova da Cerveira (Portugal), e o de Cornado (Negreira), que é ata o momento o campamento máis occidental do continente europeo. A aparente desconexión (ata o momento) entre Cornado, Campos e o resto dos campamentos fai máis difícil o seu encadre cronolóxico e a súa función. A súa datación pode ir desde momentos tardorrepublicanos ata o Imperio, pero revelan unha presenza moi temprana do Exército romano na costa occidental galega.
Boa parte destas recentes descubertas son froito da utilización combinada de distintas ferramentas tecnolóxicas, entre as que destaca a fotografía aérea (histórica e actual), sistemas de información xeográfica a partir de bases de datos ou modelos dixitais do terreo a través de datos LIDAR. Todas estas observacións deben despois, por suposto, confirmarse sobre o terreo. Os datos, ademais, súmanse á información das fontes históricas romanas que chegaron ata nós. Analizando as fotografías aéreas tomadas polo exército norteamericano en 1956, por exemplo, pódense ver con moita claridade os perímetros dos tres campamentos achados entre Láncara e Sarria, que nas actuais imaxes aéreas son máis difíciles de detectar; a actividade agraria e as plantacións forestais teñen afectado considerablemente á súa estrutura.
O equipo de investigadores está conformado por José Costa (USC), Andrés Menéndez Blanco (Universidad de Oviedo), David González Álvarez (Universidad Complutense de Madrid), Manuel Gago Mariño (Universidade de Santiago), Joao Fonte (Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC) e Rebeca Blanco-Rotea (USC). José Costa amosa a súa confianza en que a vía aberta por esta investigación, unida ás cada vez máis frecuentes descubertas de novos sitios arqueolóxicos no noroeste peninsular empregando técnicas coma as utilizadas por este equipo permitirán nos vindeiros anos coñecer con máis exactitude como foron os primeiros momentos do asentamento romano.