Curtocircuíto 2015: viaxe ao cinema sen Deus nin Santa María

Imaxe de 'Sen Deus nin Santa María' © Curtocircuíto

Nunha futura Galicia independente Aki Kaurismäki sería Ministro de Fútbol. Ese é o desexo do propio director, que se postulou ao cargo no encontro que tivo co público en Curtocircuíto. Filtrando o seu inefable sentido do humor entre a hermética nube do seu cigarro electrónico, o finés non deixou de regalar pérolas como o anuncio de que o seu próximo proxecto non é unha película, senón construír un invernadoiro para a súa muller. Aínda que o Aki showman levou toda a atención, o Aki cineasta tamén estivo presente, primeiro nunha selección dos seus traballos curtos -onde destacou a proxección en 35 mm d'O Tasqueiro- e despois na heteroxénea sesión que programou -onde coubo a crítica social, o humor, a historia e o terror-.

Pero sería inxusto reducir esta edición de Curtocircuíto á figura de Kaurismäki, aínda poñendo en valor a súa presenza non debe eclipsar ao outro gran nome propio do festival: Jorgen Leth. Despois de compartir con el o encontro co público e cada unha das sesións da súa retrospectiva, entendemos por que a súa figura foi fundamental para a xeración de Lars Von Trier e tamén que se pode unir a poesía e o deporte a través do cinema. Os filmes A sunday in Hell (1977), Pelota (1983) ou Michael Laudrup - A football player (1993), demostraron isto último e embaucaron pola particular caligrafía de Leth que compaxina a súa inquietude cinematográfica coa súa descritiva e didáctica voz en off.

Máis aló dos pesos pesados, a sección oficial volveu confirmar o que percibimos o ano pasado: é imposible imaxinar unha programación máis coidada e estimulante. En Radar, a sección máis convencional, foi difícil recompoñerse tras ver os esmagadores traballos Hotel Straussberg de Jan Soldat, Waves’98 Elu Dagher ou La impresión de una guerra de Camilo Restrepo, que levou unha mención que ben puido ser algo máis. O palmarés desta sección completouse con outra mención para Becoming Anita Ekberg un excelso vídeo-ensaio de Mark Rappaport sobre o mito da actriz americana e o premio Radar para  Blood Below the Skin de Jennifer Reeder, un íntimo e arriscado achegamento á adolescencia a través dos medos e desexos de tres mozas.

Sería inxusto reducir esta edición de Curtocircuíto á figura de Kaurismäki, aínda poñendo en valor a súa presenza non debe eclipsar ao outro gran nome propio do festival: Jorgen Leth

Na sección Explora, a máis vangardista, conviviron traballos puramente visuais con outros máis narrativos, entre os primeiros atopamos Moon Blink de Rainer Kohlberger, feita mediante código de computador, ou a gañadora Sound of a Million Insects, Light of a Thousand Stars de Tomomari Nishikawa, que é o resultado de enterrar unha lata de película a 25km de Fukushima para observar os posibles efectos da radiación. Ao segundo grupo pertencen o intelixente traballo extradeportivo de Joan Antunez en Out ou Scrapbook de Mike Hoolboom, quen fora obxecto da restrospectiva na pasada edición, levou unha mención por este traballo que navega entre imaxes de arquivo dun centro psiquiátrico para poñer en valor o traballo visual a través da narración dunha antiga paciente.

'Sin Dios ni Santa María' sintetiza as virtudes de Curtocircuíto, representando un cinema experimental pero accesible onde se pode viaxar do local ao universal e viceversa

Por último, a presenza do cinema galego volveu ser relevante por méritos propios. Na sección dedicada íntegramente aos traballos realizados no país, Planeta GZ, puido gozarse dunha selección heteroxénea que ía de traballos máis vangardistas como Rosarch #1 de Marcos Nine a outros que sendo máis narrativos non renuncian á experimentación formal como O descubrimento de Américo de Miguel Mariño, que levou o premio ao mellor director galego ou Cruz Piñón de Xisela Franco, mellor guión galego. Fóra de Planeta GZ, outro filme galego que competía na sección Explora, Noite sem distância de Lois Patiño levou o premio da crítica CAMIRA. E precisamente en Explora atopou tamén o Xurado Galiza a película merecedora do premio á mellor curtametraxe galega: Sin Dios ni Santa María, de Helena Girón e Samuel M. Delgado. Este filme que en palabras do xurado “consegue o imposible: filmar o pasado” regálanos unha experiencia magnética a través de gravacións antigas de pastores que falan sobre meigas e apoiada nunha coidada atmosfera fílmica. Non é de estrañar que Sin Dios ni Santa María conquistase tamén os espectadores levando, ademais, o premio do público, a película sintetiza as virtudes de Curtocircuíto, representando un cinema experimental pero accesible onde se pode viaxar do local ao universal e viceversa, e todo sen saír da sala de cinema.

Kaurismäki, en Curtocircuíto © Tamara de la Fuente
Jorgen Leth, en Compostela © Tamara de la Fuente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.