Que pasaría se o herdeiro da coroa atropela un home e alguén o grava? Desta pregunta parte o novo libro do escritor e director de cinema Héctor Carré, Hai que matalos a todos (Xerais). Unha novela negra que apunta ao poder político e á relación que, como sociedade e como individuos, mantemos con el. Carré fálanos desta obra, do resto dos seus libros e dos seus filmes. Entre eles, o documental We the media, que está a preparar.
O poder. Ese é, en realidade, o tema da novela. Por que?
Si. A partir dun incidente, que é que o príncipe atropela un home e foxe, hai unha reflexión sobre o poder. É unha novela negra, e para min o interesante da novela negra é a crítica social. O que facían Raymond Chandler e Dashiell Hammett, que era criticar a relación da política coa corrupción. E o que me interesa é iso: o poder, como se exerce, que tentacións pode ter, que parte da súa actividade é legal e cal é ilegal. Porque en todos os países hai fondos reservados, axencias secretas… e cousas que non se confesan. Lin varios libros sobre o tema, como O poder de Bertrand Russell. Ese é o transfundo. A partir dunha historia que implica a un axente dos servizos secretos, un xornalista e, polo medio, un particular…
O tema do xornalismo e a súa crise está moi presente na novela. E xusto agora estás rodando We the media. Por que ese interese no periodismo?
O xornalismo en España ten, digamos, mala prensa. E motivos haberá, pero tamén é verdade que non todos os xornalistas son como os tertulianos de Sálvame. Ese tipo de periodistas adscritos a un partido político que van á televisión esbardallar, que non teñen dignidade nin honestidade. Pero creo que non hai que esquecer que a profesión xornalística é importante para a democracia. E interésame o tema da crise do xornalismo en papel e a súa posible desaparición. O tipo de xornalismo do século XX, como o de Bob Woodward e Carl Bernstein, os do caso Watergate. É necesario que haxa un xornalismo independente que poida poñer de xeonllos ao poder. E en España o xornalismo estivo na orixe da relativa rexeneración política que se está a producir, por exclusivas que despois deron lugar a procesos penais.
"É necesario que haxa xornalismo independente que poida poñer de xeonllos ao poder"
Quen representa ese tipo de xornalismo na novela é o personaxe de Chusco. Fronte a Néstor, que publica unha foto sen comprobar a súa veracidade e incendia internet…
Si. É o xornalista serio, tradicional. Fronte a Néstor, que tende ao infotainment, (palabra que xorde de xuntar information e entertainment). E o resultado é Buzzfeed, unha das webs máis visitadas do mundo, na que todo comeza por un número: “dez maneiras de” tal cousa. Pois agora les El Mundo ou El País e tamén comezan a facer iso. Estiven gravando na redacción de La Voz de Galicia e na de El Mundo e teñen unhas pantallas onde se ve o número de xente que está conectada á web e cales son as noticias máis vistas. As dez primeiras case sempre son parvadas. En El Mundo, no mes que estivemos rodando, só dúas noticias estiveron entre as dez primeiras. Unha, o accidente de avión de Germanwings e outra a exclusiva sobre o piso de Ignacio González. Chusco dille a Néstor na novela que el non é editor, que non ten que preocuparse por se vai vender, senón por contar a verdade.
De todas maneiras, non todo son motivos nobres. A Néstor móveo tamén a ansia de ser importante. Case de ser un heroe. E Toni, o axente secreto, tamén se nos acaba revelando distinto do que pensabamos. Os dous pensan que defenden a democracia.
É que, claro, eu non quería ter bos e malos como nos debuxos animados. Na realidade hai moitas máis facetas. Un axente do CNI non ten por que ser un psicópata. Toni tamén ten a súa moral. É o mesmo que cando se fala de terroristas. Terroristas para quen? Os heroes da independencia para os americanos eran traidores para a raíña inglesa. O mesmo que pasa agora con Cataluña. Todo depende do punto de vista que adoptes. E iso tamén ten o seu reflexo na estrutura da novela. Por unha banda está a trama de Néstor, na que el conta o que pasou, e por outra a de Toni e Tesa, que é case como un relato xornalístico do primeiro. Así, o que acontece é ás veces contado desde dous puntos de vista distintos, e o mesmo acontecemento cambia, amosando como a verdade pode ser diferente dependendo do punto de vista.
"Un axente do CNI non ten por que ser un psicópata"
Falas de actualidade, na novela. Crise económica, desemprego, erosión da lexitimidade política, cuestionamento da monarquía… Di Chusco que se cadra é mellor que saia todo á luz, que caia quen caia, que é boa oportunidade para reformar o Estado e fortalecer a democracia. Non creo que sexa casualidade…
Eu creo que podería ser boa idea o que di Chusco, pero nese caso son reflexións do personaxe e non miñas, a verdade. Escribín a novela no 2012, cando o rei aínda non abdicara no seu fillo. Cando escribo unha novela, é parecido a cando fago un guión para cine. Primeiro teño a estrutura e os personaxes e despois xa desenvolvo escena a escena. Dos personaxes sei quen son, que queren, que buscan e a que teñen que enfrontarse. E póñolles os pensamentos que creo que tería ese personaxe. Que non teñen que ser os meus. Antes de nada leo, investigo, e despois escribo con ese material.
Hai conexións entre esta nova novela e Diario dun impostor, a primeira que escribiches. Néstor é unha persoa insegura, como Onofre, que minte para ser aceptado. En Diario dun impostor hai unha crítica sobre o “mundo da cultura” e a tendencia a evitar as críticas protexéndose uns a outros.
É normal que haxa conexións porque é o mesmo autor, claro, pero eu tampouco son moi consciente diso. Se cadra o lector ou quen me faga unha entrevista pode ver máis diso ca min mesmo. E, claro, a acción dramática inclúe reflexión e, polo tanto, crítica. O que dicías da cultura é algo que si penso: na arte vexo cousas que me cheiran, como o elitismo que serve como pretexto para vestir de traxe o rei espido e que todos aplaudan. A arte moderna está, nese sentido, un pouco perdida, na miña opinión.
"A arte moderna está un pouco perdida, na miña opinión"
Como vai We the media? En que fase está?
Levo rodando máis dun ano. Aquí na Coruña gravamos en La Voz de Galicia e en Madrid en El Mundo. Asistimos a reunións de primeira páxina, entrevistamos varios xornalistas… Tamén a Manuel Rico de Infolibre, a Iñaki Gabilondo… moita xente. Este verán fun a Estados Unidos para rodar no New York Times e en ImpreMedia, que é un grupo que ten varias cabeceiras. O director en Nova York é un galego, Juan Varela. Fomos tamén a Washington. Entrevistamos a Bill Kovach, o autor de The elements of journalism. Tamén a Noam Chomsky… E agora volveremos a Madrid e temos previsto tamén ir a Barcelona para falar co director de Vice en español.
E a idea é falar da crise dos medios e da súa transformación?
É coñecer en que consiste o xornalismo, como é o oficio, cal é a situación actual, como ven o futuro, cal é a súa influencia na sociedade, que se pode esperar del, que nos dá…
Repasando as túas películas, hai algo que teñen en común cos teus libros: a tensión, o suspense…
Cada persoa ten os seus gustos e iso nótase no que escribe… En pintura gústame a liña que vai do impresionismo ao expresionismo e non me gustan as liñas que veñen do surrealismo. Coa literatura e o cine pásame o mesmo. Aínda que tamén me gustan as comedias, o cine de terror, o cine de aventuras…, gústame sobre todo o suspense, o thriller. E, claro, para a literatura son útiles as técnicas de dosificar a información, manter o suspense… Aínda que tamén teña elementos de comedia, como a ironía…
"Gústame sobre todo o suspense, o thriller"
Hai algo en común entre Febre, co que tiveras un premio de Fervenzas Literarias: a atención ás persoas marxinadas.
Cando estiven en Arxentina quedei abraiado. Nunha mesma rúa atopabas casas de luxo e unha vila-miseria. As diferencias eran moi grandes. E onde alguén pode sacar unha pistola e disparar, o risco que asume é moito maior. Quero dicir, que non é o mesmo tipo de conflito o que vive unha persoa marxinada que unha persoa de clase media. A dramaticidade é maior se é moito máis probable que te maten.