0 Gardados para despois

“Inscribirme na tradición poética galega xogou ao meu favor”

Redacción | @prazapublica

“Estou aínda en shock”. Iso confesaba o escritor Gonzalo Hermo moi poucas horas despois de saber que viña de ser recoñecido co Premio Nacional de Literatura do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte español, na modalidade de Poesía Joven Miguel Hernández, co seu poemario Celebración, escrito en galego como o resto da súa obra. “Estou moi contento”, dicía.

O xurado valorou de Celebración “a aposta por abrir novos camiños para a expresión poética apuntando unha linguaxe arriscada e innovadora, neste libro, que trata sobre a memoria e o esquecemento, sobre a necesidade de construír sobre las ruínas, de romper o círculo e avanzar malia todo”. O propio autor cre que os membros do xurado “viron unha linguaxe innovadora porque a miña obra inscríbese nunha tradición poética, que é a galega, e que non é coñecida fóra. Eu aquí non son un autor excéntrico, nese sentido. E creo que iso xogou ao meu favor”. Engade, ademais, que “o premio é un recoñemento á poesía nova que se fai en Galicia, e en xeral a toda a poesía galega”.

Gonzalo Hermo, que se dera a coñecer coa colección de poemas Escola do resentimento, publicada no suplemento Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe e, sobre todo, co poemario Crac, co que obtivera o premio de poesía Xuventude Crea, é un dos poetas novos máis relevantes do país. O premio Miguel Hernández, dotado con 20.000 euros, distingue unha obra de poesía publicada en 2014 por un autor “español” menor de 31 anos. Neste caso, ademais, trátase do primeiro libro que publicou unha nova editora, Apiario, creada polas tamén poetas Antía Otero e Dores Tembrás.

Celebración, o segundo poemario publicado de Hermo, chama a mirar para adiante. A acoller o novo, malia a incerteza. A deixar que o vello morra, nunha paisaxe na que só quedan cascallos. A construír outra cousa. Alén das ruínas, das nostalxias. “Celebración sitúase nun proceso de tránsito, un cambio que está a suceder. Nese sentido, penso que é permeable á conciencia xeral da época en que vivimos. Falouse e continúa a falarse moito de posmodernidade, pero a posmodernidade non é máis que os cascallos da modernidade. Unha época de crise en si, onde non acaba de divisarse con claridade un horizonte de perspectivas. Nese sentido, o libro aposta por evitar a tentación da nostalxia e invocar aquilo que está por vir. Habitamos un mundo en ruínas que ten que morrer, desaparecer, para que xurda algo novo”, explicou o autor nunha entrevista.

Mais Hermo sente, dalgunha maneira, Celebración como o seu primeiro libro. Porque, -indica-, “Crac foi necesario para chegar a el, pero non deixa de ser un caderno de fascinacións literarias e culturais, un libro de aprendizaxe”. Celebración é, nalgúns aspectos, oposto a Crac, “que era unha especie de axuste de contas co pasado. Aquí hai unha visión máis optimista, creo. Hai lugar para a esperanza”, asegura. Crac era unha “reacción fronte ás violencias en plural que son, ao cabo, distintas pólas dunha mesma realidade: a violencia exercida polos elementos que ostentan a hexemonía simbólica contra aqueles que non a posúen. A dinámica centro/periferia existe, e non só no plano xeográfico ou xeocultural (binomios do tipo occidental/oriental, etc.), senón tamén en experiencias coma o xénero, a raza ou a opción sexual”. Así, representaba “un intento de colocarse, en sentido amplo, no lado feble da balanza. Nun espazo onde circulen distintos procesos identitarios vertebrados en torno á idea de subalternidade”, segundo indicara o propio autor noutra conversa.

O xurado, presidido Mónica Fernández, subdirectora general de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, estivo composto polos autores galardoados en 2015 y 2013, Carlos Loreiro y Unai Velasco; Juan Gil Fernández, designado pola Real Academia Española; Xosé Luís Regueira Fernández, pola Real Academia Galega; Amaia Jaureguizar, pola Real Academia da Lingua Vasca; Susanna Rafart, polo Instituto de Estudios Cataláns; Xandru Fernández, pola Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE); Guadalupe Grande, pola Asociación Colegial de Escritores de España (ACE); Julia Barella, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Juan Carlos Fernández Aganzo, pola Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE); Dídac Llorens Cubedo, polo Centro de Estudios de Género da UNED e Ignacio Elguero, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.