0 Gardados para despois

Manel Cráneo leva á novela gráfica o relato xeracional d'A nosa cinza

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


"Un deporte de risco, un auténtico reto”. Con estas palabras, o ilustrador Manel Cráneo explica as súas sensacións ante o novo proxecto que ten entre mans: a adaptación á novela gráfica da célebre A nosa cinza, de Xavier Alcalá. A obra do escritor, que dende a súa publicación en 1980 vendeu preto de 100.000 exemplares e leron varias xeracións de lectores, plasmarase da man de Cráneo nun volume de banda deseñada que a editorial Galaxia ten previsto lanzar ás librarías no primeiro trimestre de 2016.

Cráneo, polo tanto, enfróntase ao desafío de levar a este formato un título referencial da literatura galega no que se retrata a toda unha xeración. “Falamos dun libro completo e complexo, que conta a historia de toda unha xeración. É unha obra que ten dúas dimensións moi claras. Por un lado, preséntasenos un contexto histórico determinado, de posguerra, ditadura, de opresión. Polo outro, temos o crecemento persoal, o paso da infancia á mocidade. Retrátase un tránsito que coñecemos todos e que implica unha serie de cuestións: o tratamento tanto das crenzas coma da sociedade e dos grandes temas vitais, como son a asimilación da morte, o espertar á sexualidade, ao amor, aos afectos”, explica un Manel Cráneo que tamén recoñece que, até que lle chegou esta encarga, xamais lera o libro de Alcalá. “Non me achegara nunca antes a A nosa cinza malia o seu éxito. Lino para decidir se aceptaba ou non o encargo e ao lelo descubrín un gran proxecto que me interesaba”, sentencia.

Cráneo enfróntase ao desafío de levar a este formato un título referencial da literatura galega no que se retrata a toda unha xeración

O ilustrador refírese así a un libro que recolle a historia contada en primeira persoa por Xoán, un rapaz da zona de Ferrol cuxo tránsito da infancia a adolescencia transcorre nos anos cincuenta. “Nalgunhas ocasións sinalouse que este era un libro autobiográfico. É falso, o trazo autobiográfico reside unicamente no ambiente, no anecdotario. A nosa cinza é, en todo caso, unha biografía da miña xeración”, reflexiona o propio Xavier Alcalá dun libro do que xamais agardou tal repercusión. “Eu escribín este libro para nós, para os da miña xeración. Despois lérono os nosos fillos e agora, a día de hoxe, a miña neta xa o leu no instituto”, sinala.

Malia o seu éxito dende a súa publicación en 1980, a aparición d’A nosa cinza non foi sinxela. Demorouse no tempo por mor da censura. “A primeira versión estaba rematada en outubro de 1974. Nese momento leveilla a Galaxia. E Piñeiro díxome: “isto a censura non o deixa pasar nunca”. Deixeina estar un tempo, retomeina en 1976 e tiña que publicarse dous anos despois. Pero o proceso de edición, naquela época, tiña outros tempos. Así tardou até 1980”, lembra o propio Alcalá quen, 35 anos despois, ve como a súa obra dará o salto á novela gráfica da man de Manel Cráneo. Participa no proceso creativo, mais dende un segundo plano. “A novela é miña, pero aquí o artista será Manel Cráneo. Eu falo con el, trato algún temas, contrastamos opinións e eu limítome a corrixir algún anacronismo que poida haber no debuxo, pero o produto final, a obra será súa”, explica Alcalá, para quen Cráneo é a opción idónea para levar a cabo o proxecto. “Como ilustrador traballa dous estilos moi diferentes. O primeiro, ten un trazo caricaturesco. O segundo, móvese nun realismo moi claro. E esa vertente realista súa é a que me parece perfecta para A nosa cinza”, conclúe.

Aínda que Alcalá recoñece que a obra será de Cráneo, non deixa de ser verdade que, ao longo do proceso, non falta o traballo en equipo. E a colaboración non se limita unicamente ao tándem Alcalá-Cráneo, xa que Alfredo Ferreiro encargouse de realizar o guión literario a partir do cal o ilustrador desenvolve o traballo. “Temos correspondencia constante, falamos constantemente e comezamos, fai un tempo, realizando os tres un roteiro polos escenarios nos que transcorre a acción. Aquela experiencia inicial foi moi importante para o meu traballo”, matiza Cráneo.

 

Co branco e negro do No-Do

“Lapis, tinta chinesa e papel. Aparco o ordenador”. Así resume Cráneo a técnica coa que prepara A nosa cinza

“Lapis, tinta chinesa e papel. Aparco o ordenador”. Así resume Cráneo a técnica coa que prepara A nosa cinza. A súa decisión por optar por técnicas tradicionais, lonxe de calquera artefacto tecnolóxico, descansa nunha necesidade estilística. “Eu dende o principio, dende que lin este libro, manifestei a miña intención de facelo en branco e negro. Creo que é o camiño correcto. Se penso naquela época, véxoa en branco e negro. E xórdenme na cabeza as imaxes do NO-DO, as películas dos directores profranquistas como Sáenz de Heredia. Mesmo as fotos familiares desa época… Todo chega á miña cabeza en branco e negro”, explica Manel Cráneo.

A nosa cinza será, a partir do próximo ano, un exemplo máis dunha sorte de tendencia de hibridación entre a literatura e a banda deseñada no noso ámbito

Na actualidade, o ilustrador estase a afanar xa nas primeiras páxinas completas do volume. Atrás queda xa o traballo do guión técnico, do storyboard e do deseño dos personaxes. Malia todo, Cráneo segue a ter “máis dúbidas que respostas” nalgúns aspectos que son os máis difíciles neste proxecto. “Debuxo un protagonista, pero en realidade son catro. Pensa que a historia comeza cun Xoán moi cativo e que non para de medrar. Hai que traballar a evolución, o crecemento, darlle moitas caras a un só rostro e a unha soa persoa. E non só iso: todo o contexto muda. A paisaxe cambia, cambian os coches. A historia transcorre entre os cincuenta e os sesenta. A nivel estético, hai un mundo”, apunta.

A nosa cinza será, a partir do próximo ano, un exemplo máis dunha sorte de tendencia de hibridación entre a literatura e a banda deseñada no noso ámbito. Deste xeito, A nosa cinza segue a estela doutras novelas que se levaron a outro formato, como foi o caso de Cartas de Inverno de Agustín Fernández Paz, adaptada por Antonio Seijas. Non tardarán en chegar máis.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.