O que pasou en Galicia co sector téxtil non é tan diferente do que está a acontecer agora en Marrocos ou en calquera outra parte do mundo ao que as grandes empresas galegas decidiron deslocalizarse para abaratar custos. Aproveitarse do traballo das mulleres para deixalas sen ren cando xa non interesan. Disto fala Fíos fóra, o novo documental de Illa Bufarda, realizado a proposta da ONG Amarante Setem. Falamos con Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, de Illa Bufarda.
Foi unha proposta de Amarante, que vos acompañou no proceso, pero a parte creativa é vosa…
Adriana: Déronnos moita liberdade, si. Nós construímos a estrutura, decidimos a quen entrevistar… A nós interesábanos especialmente achegar unha pequena retrospectiva histórica e amosar o vínculo entre o que pasou aquí e o que está a pasar agora noutros países.
A estrutura está montada arredor do contraste entre dúas perspectivas: a dos empresarios, homes, e a das obreiras, mulleres. Por que?
Sabela: Tiñamos claro, por unha banda, que queriamos que falasen as obreiras do sector, as protagonistas do mesmo. E por outra a patronal, á que se engade un representante institucional, do Igape. Son, así, dúas entrevistas corais. Ao comezo tiñamos unha terceira entrevista coral, pero ao editar escollemos as dúas que quedaron porque xa eran o suficientemente potentes para explicar o que sucedeu. Por outra banda, a cuestión de xénero que comentas é evidente. Non só porque eles sexan os empresarios e elas as obreiras. É o xeito de falar, de mirar á cámara…
Hai varias fontes anónimas, que só escoitamos pero non vemos. Sinal de que teñen medo de falar.
Adriana: É un sector moi feminizado, nos que os postos que supoñen un maior status son ocupados por homes, mentres que os traballos de menor cualificación son realizados por mulleres. E a cuestión é que desde o principio atopamos moito medo a falar. Fomos a Arteixo buscando xente… e era moi difícil. De feito, as mulleres coas que conseguimos falar xa non traballan no sector. Se falan, poden perder o seu traballo. E non só elas. Moitas familias dependen do sector. O que diga unha pode prexudicar todo o seu entorno.
As mulleres coas que conseguimos falar xa non traballan no sector. Se falan, poden perder o seu traballo
Tamén é interesante a evolución da perspectiva das mulleres. Desde dicir que non as escravizaban porque elas facían horas extras para gañar máis a reflexionar sobre como algúns se fixeran ricos grazas ao seu traballo antes de deixalas sen nada.
Sabela: Hai unha evolución, si, que se percibe no documental. E non se produciu polo experimento que facemos ao final de ensinarlles noticias de prensa críticas coa patronal.
Adriana: Eu creo que ese cambio é polo encontro entre elas. Porque xuntamos mulleres de distintas partes de Galicia. E xa dicían elas que nunca fixeran iso. Elas falaban coas compañeiras, pero podían pensar que o que lles pasaba a elas era problema da fábrica na que traballaban e non algo estrutural.
Como diciades antes, o documental fai, dalgunha maneira, un percorrido histórico pola situación no sector desde os 60.
Sabela: Para min é moi revelador cando comentan que non imaxinaban o que ía vir. Porque había moito traballo, moita produción, gañaban un salario que non poderían gañar noutro sector… pero despois viñeron as deslocalizacións e elas quedaron totalmente defraudadas, sen traballo. Agora mesmo mantéñense talleres e cooperativas só para poder pagar a Seguridade Social. Sen obter beneficios.
Adriana: E ademais o que pasa é que pasou aquí o mesmo que agora pasa noutros países. O traballo da muller considerábase unha axuda familiar e non unha profesión cun salario. Agora, eles son considerados empresarios de éxito. E as costureiras, que fixeron medrar o sector téxtil co seu esforzo, quedaron sen nada mentres os empresarios se enriquecían. Moita xente montou talleres cos seus cartos e despois quedou arruinada. Prometíanlles traballo, pero despois marcharon e deixáronos sen nada.
Agora mesmo mantéñense talleres e cooperativas só para poder pagar a Seguridade Social. Sen obter beneficios
Da parte dos homes, falan o fundador de Caramelo, Javier Cañás Caramelo, o secretario xeral do Cluster Galego do Sector Téxtil e Moda, Alberto Rocha, o director de Internacionalización do Igape, Abel Veiga, e o copropietario do taller Rosa Neira, Jesús Iglesias. Os discursos reflicten ben a posición, -e a clase social-, de cada un. Só Jesús parece estar preocupado realmente polos traballadores e traballadoras.
Sabela: Si. Nesas entrevistas chamounos a atención a perspectiva deshumanizada coa que os representantes da patronal enfocaban a cuestión. Desde unha visión capitalista na que as persoas non importan. Mais creo que nós non temos que dicir nada: cada persoa retrátase co seu discurso.
Adriana: Ten en conta, ademais, que non temos representantes de Inditex, porque non quixeron saír no documental. Non nos foi tan difícil atopar a quen entrevistar por esa parte como pola parte das mulleres. Pero a perspectiva de Jesús non é a dos outros. E sabemos que para el non foi fácil dicir o que pensa.
Non é fácil adoptar unha perspectiva crítica con Inditex. Fíxoo Chévere con Citizen, por exemplo. Pero non é o habitual, fóra dos medios non convencionais.
Sabela: E entendiamos que tiñamos que ter a alguén que falase desde Inditex. Por iso temos a voz dunha deseñadora, que nos dá unha visión corporativista. Considera a Amancio Ortega un triunfador, segundo a imaxe que cativou a tanta xente. Ela recoñece que traballan moitísimas horas, pero está contenta co seu traballo. Di que o ritmo de traballo é imposto polo consumidor, pola súa demanda de novidade constante.
Adriana: É normal, porque ela tamén é unha triunfadora. Ela tamén tivo a súa parte de triunfo porque traballa alí.
Mais di algo que é verdade, que é que se mercamos camisolas a tres euros, é porque alguén non está a cobrar polo seu traballo o que tiña que cobrar.
Adriana: Pero é que ese, precisamente, é o modelo que nos trouxo Inditex. É dicir, roupa barata para usar e tirar. Xa o din as costureiras: agora a roupa é de moi mala calidade. E ese modelo de consumo rápido aquí implantouno Inditex. E hai xente que ten opción e xente que non, que non pode pagar roupa máis cara.
Sabela: O consumidor ten unha responsabilidade pero non é o culpable do que pasa, aínda que sexa cómplice. Compras porque che fixeron crer que necesitabas comprar. Así funciona o sistema.
O modelo de consumo rápido, de usar e tirar, aquí implantouno Inditex
Tamén hai contraste entre as propias mulleres, a partir das voces en off. O enfoque de Pilar Rodríguez é diferente do do resto. Ela reivindica de xeito claro os dereitos das traballadoras. A postura das outras é, moitas veces, máis ambigua. Din que non as “escravizaron” porque elas escolleran traballar alí e facer horas.
Adriana: Si, Pilar ten un discurso de defensa das traballadoras moi claro. Outras tamén falan de manifestacións e mobilizacións, para defender os seus postos de traballo cando pechaban talleres concretos.
Sabela: Interesábanos moito, ademais, ver como reaccionarían elas ao comentar o que está a pasar agora noutros países. Porque podían pensar que non era o mesmo que lles pasara a elas ou que si. E elas si que empatizan coas mulleres doutros países, pero non chegan a sentilas como iguais nese sentido, como traballadoras explotadas igual ca elas. En Marrocos hai nenas traballando. E parte das galegas empezaron sendo nenas, traballando de xeito ilegal. Non é tan diferente.
O feito de que as anónimas conten as peores historias, e tendo presente que moitas non se atreveron a falar, fai pensar que é peor do que nos conta o propio documental.
Sabela: Ao falar por teléfono e sen dar o nome poden sentirse máis libres para falar, claro. No caso de Pilar non temos a súa imaxe porque non puido estar cando gravamos.
Adriana: Está ben que se vexa como dis. Está claro que algo pasa se hai voces anónimas. Os testemuños máis fortes son de xente que non pode mostrar a cara, e iso é por algo. A nivel formal tamén foi cambiando o documental. Nun principio ía ser como unha investigación que facían Pilar e a profesora da USC Montse Villarino.
Os testemuños máis fortes son de xente que non pode mostrar a cara, e iso é por algo
E ao final presentádesnos o propio proceso de investigación feito por vós. As búsquedas en internet… En calquera caso, aínda que está clara cal é a vosa posición, a favor das traballadoras, o feito de que saian representantes da patronal ou mulleres con distintas perspectivas evita o maniqueísmo.
Adriana: Tivemos un debate sobre se incluír xente da patronal, porque eles son os representados no discurso oficial. Pero a verdade é que os retratan as súas palabras. As visións que achegamos son diversas, dentro do posicionamento do que partimos.