“Co modelo que temos é inviable un cinema galego como tal”

Marcos Nine CC-BY-SA Praza Pública

O 1 de xuño de 1943, un avión comercial que viaxaba de Lisboa a Inglaterra esfarélase mar a dentro fronte a costa de Cedeira. Derrubárono as forzas aéreas nazis. Aquel día, naquela aeronave, morría Leslie Howard. Até aquí os feitos, despois chegaría todo o demais: un feixe de teorías, non poucas interpretacións e algunha que outra lenda sobre a súa morte. Se o actor regresaba dunha misión diplomática encuberta en España, se se reuniu con Franco, se foi un erro do exército nazi, que pensou que no avión viaxaba o mesmísimo Churchill, son algunhas das múltiples hipóteses que se barrallan dende aquela. Sexa como for, a realidade é que Hollywood perdía naquel ataque un actor emblemática da súa etapa dourada e un rostro máis que coñecido para todo aquel espectador que algunha vez visitara Tara e o vira meterse na pel de Ashley Wilkes na histórica Foise co vento (Victor Fleming, 1939). Ese foi seu papel máis coñecido, aínda que só un  máis doutros moitos. E, quizais, o último que interpretou foi o de espía. E, en calquera caso, lonxe de calquera cámara.

No documental A viaxe de Leslie, o cineasta Marcos Nine (Hannover, 1977) afonda nas diferentes hipóteses sobre a morte de Leslie Howard. Esta fita, producida por Portocabo, non pretende aclarar a verdade. Busca en todo caso centrarse na reconstrución do relato das diferentes teorías que envolven o enigmático asasinato do intérprete. A película vén de recibir o Premio ao mellor filme no Szczecin European Fil Festival (Festival de Estetino, Polonia) e prepárase para a súa chegada ás salas o próximo mes. O 20 de novembro estrearase no Duplex de Ferrol e nos Multicines Norte de Vigo. Entre o 23 e o 26, poderase ver nos Multicines das Cancelas en Santiago de Compostela.

O 20 de novembro estrearase no Duplex de Ferrol e nos Multicines Norte de Vigo. Entre o 23 e o 26, poderase ver nos Multicines das Cancelas en Santiago de Compostela

Como xorde a idea de crear un documental sobre Leslie Howard? De onde provén o interese pola súa morte fronte a costa de Cedeira?

A idea partiu de Daniela Arias, que foi quen comezou co proxecto. Ela tiña un blog dedicado a Leslie Howard e estaba traballando en Portocabo, que é a produtora, e nun momento dado xurdiu a idea de facer unha película sobre que pasou coa morte de Leslie Howard. Partiamos sempre da idea de que todo son hipóteses, que nunca iamos chegar á verdade, pero que podiamos gozar do relato da súa historia. Unha historia con ingredientes moi apaixonantes: dende a primeira etapa do Hollywood clásico a todo o que ten que ver coa historia europea, a historia de Entreguerras e posteriormente a II Guerra Mundial. Entón, eu incorpórome á película cando hai xa un argumento escrito, que vai dende que Leslie Howard é combatente na I Guerra Mundial e que remata coa súa morte na II Guerra mundial. Comezando a ver o material, ocórreseme facer unha película exclusivamente con arquivo, sacando de contexto imaxes das súas películas para despois darlles un contexto novo, aproveitando os diálogos e cousas así. A partir de aí, comezamos a traballar nunha película durante once meses de montaxe e onde toda a historia está contada a través de imaxes xa existentes.  Falamos de cen películas distintas, entre fitas de ficción e documentais que son as que nos serven para contar a historia de Leslie.

Poderíamos falar de que o documental, dalgún xeito, adquire volumes de collage?

Si... Collage, vaia... Ao final, estaba aí coa dúbida de se o que tiñamos que facer era evidenciar que era un collage ou intentar disimulalo. Por un lado, a min gústame a idea de que en moitas ocasións durante a película non identificas que o que hai é un traballo de edición... Pero cando ves a película, hai un montón de imaxes distintas, de épocas distintas, con formatos diferentes e calidades dispares. Ter presente que houbo alguén que manipulou todo o conxunto, si que lle dá outro punto á fita.

"Ao final, estaba aí coa dúbida de se o que tiñamos que facer era evidenciar que era un collage ou intentar disimulalo"

Hai moitas hipóteses ao redor da morte de Leslie Howard. Cales contamos no documental?

De entrada hai dúas visións contrapostas. A primeira é a visión que dan os nazis. A segunda, é a que dan os parentes de Leslie Howard. Os Nazis falaron sempre dun accidente, que atacaron por erro ese avión. A familia, pola contra, defende a idea de que foi un ataque premeditado. As razóns polas que puido ser un ataque premeditado pasaban pola sospeita de que Leslie Howard puidera ser un espía británico. De feito, el viña de facer dúas viaxes. Estivera en Lisboa e en Madrid. O avión que derruban sae de Lisboa. Teoricamente tiña un motivo oficial, que era dar conferencias sobre o cine e ensinar unha das súas películas: Pimpinela Smith. Esta película ten o seu aquel, porque conta a historia dun tipo que é capaz de sacar a xudeus da Alemaña a través de Suíza. Pero por baixo desa versión oficial, está a hipótese de que esas viaxes encerraban unha trama de espionaxe. Naquela altura, tanto Lisboa como Madrid eran puntos de encontro para espías. A partir de aí, hai outro tipo de hipóteses. Winston Churchill, nas súas memorias, defendía a hipótese da confusión. Leslie Howard parecíase moito ao escolta de Churchill e Churchill, curiosamente, asemellábase moito ao asistente persoal de Leslie. Dábase outra casualidade: Churchill naquel momento tiña que viaxar, estaba de regreso de Africa... A hipótese que defendía o premier británico era que os nazis confundiron a Leslie Howard e o seu asistente con Churchill e o seu escolta. Hai outras hipóteses, que veñen do historiador Rey-Ximena que di que Leslie Howard veu a España para negociar a neutralidade de Franco na contenda.  Todo isto nun momento en que a Guerra comezou a cambiar o seu discurso, porque xusto coincide por un lado Stalingrado (que é un punto de inflexión) e a entrada da guerra dos EUA despois do ataque a Pearl Harbor.

"Por baixo da versión oficial, está a hipótese de que esas viaxes encerraban unha trama de espionaxe. Naquela altura, tanto Lisboa como Madrid eran puntos de encontro para espías"

Nesa hipótese entra en xogo a actriz Conchita Montenegro, non?

Si, nesa hipótese aparece a idea de que Conchita Montenegro funciona de mediadora con Franco. Montenegro e Leslie Howard coincidiran en Hollywood. Ela foi a primeira actriz española que vai a Hollywood e coincide co actor na rodaxe de Prohibido. Acadaron unha moi boa relación. Nese momento, Conchita Montenegro está retirada despois de casar e tiña moi boas conexións tamén co réxime de Franco. A idea de Rey-Ximena é que Conchita Montenegro, coa que se ve Leslie en Madrid, serve de ligazón para un encontro con Franco.

Despois de facer este documental, ten a sensación de que a morte de Leslie Howard a poucos quilómetros de Cedeira, é un episodio pouco coñecido nestes lares?

Dáme a impresión de que é pouco coñecido, si. De feito cando fun gravar, no primeiro sitio que parei para tomar un café en Cedeira, ninguén sabía nada. Eu preguntei pola placa que está alí, para conmemorar o asunto e ninguén sabía que acontecera aquilo. Se na zona é tan pouco coñecido, dáme a impresión de que non hai moito coñecemento. Falamos dun feito histórico transcendente, cuxo eco na prensa internacional do momento foi brutal. Hai que pensar que Leslie Howard era un dos rostros máis coñecidos de Hollywood. Seguramente a día de hoxe, a maioría da xente se pensa neste actor, ten a imaxe do seu papel de Ashley Wilkes en Foise co vento. Pero Leslie Howard está no debut cinematográfico de Clark Gable, está no debut cinematógrafico de Humphrey Bogart... Está nas primeiras películas de moitos dos actores que despois se consagraron. Era un dos grandes. O que pasa con este actor é que a morte prematura que tivo fixo que fora menos lembrado. Tamén é certo que puido influír en canto a súa fama posterior a marcha de Howard de Hollywood. Nun momento dado, marcha da industria porque está queimado polo trato que recibe, víase reducido a un simple galán cando el era realmente un actor moi polivalente, con moitos rexistros diferentes e que demostrou en películas posteriores. Marcha de Hollywood, volve a Londres e a súa intención é ter un papel activo na Segunda Guerra Mundial. El fai películas con mensaxe claramente antinazis... Esa faceta tamén axudou a especular con que se podía ser un obxectivo para o nazismo. Tiña un labor de propaganda antinazi moi claro nun momento de guerra de mensaxes moi potente entre ambos bandos.

"Está nas primeiras películas de moitos dos actores que despois se consagraron. Era un dos grandes. O que pasa con este actor é que a morte prematura que tivo fixo que fora menos lembrado"

Leslie Howard quizais foi un caso paradigmático dos actores de Hollywood que se comprometeron na loita antifascista durante a guerra. O propio Gable era outro exemplo, que se alistou tras a morte da súa muller, Carole Lombard, quen morrera se non lembro mal nun accidente de avión precisamente procurando fondos para a contenta...

Esas cousas tampouco me atrevo a afirmalas no sentido de que non sabes até que punto é unha implicación real ou é parte dos mecanismos de propaganda. Pero si é verdade... Non só Gable, hai casos moi famosos. Tyron Power acabou tendo a súa historia de marine americano que remata cunha italiana, que é o paradigma da historia de amor da II Guerra Mundial. Tamén James Stewart estivo alí... E en canto mensaxes, Ingrid Bergman e Lauren Bacall foi xente que se posicionou claramente contra dos nazis, aínda que nunha época posterior. Leslie Howard nese sentido si que foi pioneiro. El comezou a alertar sobre o nazismo a partir do 1939. E o posicionamento claro de Hollywood non chegaría, se non lembro mal, até 1941-1942.

"Tiña un labor de propaganda antinazi moi claro nun momento de guerra de mensaxes moi potente entre ambos bandos"

Sobre o proceso de elaboración, parece un traballo inxente o de visionar esas 120 películas e despois escoller as imaxes para recompoñer un relato.

É unha cuestión de método. Parece un traballo inxente e é moito traballo, si, pero organizouse dun xeito determinado. Eu cando teño o primeiro argumento da película, o que fago é reescribir ese guión en forma de materiais que eu entendo que podo necesitar para contar a película. A partir diso póñense a traballar dúas persoas, a guionista e creadora da idea Daniela [Arias], e Manuel López-Benito que son os encargados de buscar películas que teñan materiais que eu preciso. Iso trasládanmo por carpetas de secuencias, así que me deron o material cribado. E ao longo do proceso vas mudando o guión, pero o feito de que  todo veña clasificado, fai que o traballo sexa máis fácil. Loxicamente eu tamén vin todos os materiais, pero tendo claro para que os quero utilizar. No método está a clave. Aínda así, non deixa de ser un traballo diante dunha pantalla durante once meses.

"Estrear a película en Polonia foi moi complicado. A organización recibiu case mil fitas. Para nós, xa era importante que nola colleran. E de súpeto, volves co gran premio do Festival: o de mellor película"

Como recibiron a noticia do Premio do Festival de Estetino (Polonia)?

É unha pasada. Normalmente cando se reciben este tipo de premios, ás veces non se é consciente de todo o que hai detrás. Estrear a película alí foi moi complicado. A organización recibiu case mil fitas. Para nós, xa era importante que nola colleran. Así que xa foi unha gran alegría ter unha premier polaca. O Festival é nun lugar entre Polonia e Alemaña e ter unha estrea internacional nunha zona directamente implicada na II Guerra Mundial facía o asunto moi emocionante. E de súpeto, volves co gran premio do Festival: o de mellor película.

É o colofón ao percorrido que fixo A viaxe de Leslie por diversos festivais, non?

Si, a película estreouse en 2014 na Seminci de Valladolid, fai xusto un ano. Despois, puxémola en Cineuropa e despois fomos a Málaga. A Partir do Festival de Málaga, comezamos a movela máis por Galicia. Estivo no Play-Doc, no S(8), no Primavera de Vigo e faremos unha preestrea en Ourense o 18 de novembro, dous días antes da estrea en Salas. E faltábanos ter unha premier internacional, que foi en Grecia no festival de Lesbos e acto seguido, foi o de Polonia. Con este percorrido e vendo que pasamos por España por festivais potentes, agora buscamos entrar nas Salas.

En Galicia onde estreamos?

A estrea simultánea é nos Duplex de Ferrol e nos Multicines Norte o 20-N, data sinalada para esta película. E poderase ver do 23 e 26 nas Cancelas de Santiago.

"O complexo de todo isto xa non son as salas. O propio público afíxose a que nos multicines só vai atopar un tipo de cine. E ese é un gran problema"

Entendo que para unha película deste tipo coarse en multicines como As Cancelas ha de ser complicado.

Bueno, Cinesa traballa moi ben no sentido de que son unha empresa moi grande, teñen contempladas moitas posibilidades. Teñen un responsable en España do que eles chaman  “Contidos Alternativos”. A partir de aí, se es quen de cadrar unha boa data para que eles poidan encaixar a programación, aínda tes posibilidades de acceder. Depende, claro está, da película que teñas. O complexo de todo isto xa non son as salas. O propio público afíxose a que nos multicines só vai atopar un tipo de cine. E ese é un gran problema. Non sabes que foi primeiro, se o ovo ou a galiña, pero estamos así... Tampouco é fácil chegar ao público que pode ter unha peli coma esta. Eses son os principais problemas de por que é tan difícil atopar determinada oferta. Ti podes ter unha película que non se parece en nada... A ver, pensemos que o 20-N estréase Ocho apellidos catalanes. E pos esta película ao lado de Ocho apellidos e doutras como, non sei, os Minions e pensas: Como encaixo eu aquí? Ese é un problema. O público desacostumbrouse a que dentro das grandes salas de cine haxa outro tipo de títulos que non sexan os de entretemento masivos. E ao perder ese público, perdemos moito potencial de xente que podía ir ás salas. As propias salas están pagando isto tamén. Ven como unha parte do público que reclama un tipo de cine non o atoparán nas súas salas.

"O problema que hai en Galicia, máis alá dunha crise económica e dos recortes, é unha crise de modelo"

Voulle preguntar sobre a crise. Como se vive no sector audiovisual en Galicia? Como ves o sector en Galicia respondendo a situación?

UF!

Imaxinaba o “Uf!”

O problema que hai en Galicia, máis alá dunha crise económica e dos recortes, é unha crise de modelo. É evidente que nos últimos anos a cantidade de investimentos no audiovisual caeu en picado polo que é máis complicado producir. O problema real é que non existe infraestrutura e modelo para rendibilizar todo o que se produce. Ese é o tema. O que temos que comezar a traballar é na recuperación de parte do que se inviste. Nós, na nosa modestia, facemos a película, tentamos levala a salas, estará o ano que vén no programa de Cinemas de Galicia... É dicir, intentar recuperar algo. Pero é moi complicado, tal e como estamos e co modelo audiovisual que temos é inviable un cinema galego como tal. O único que é viable neste modelo son as producións coma no cine español: producións nas que entre unha televisión privada, con financiamento público e que teñas unha distribución asegurada. Ese é o único cine viable. Estamos nunha crise grave de modelo: non temos fiestras para explotar o que producimos. Se non solucionamos isto, podemos ter centos de millóns de investimento, que non seremos capaces de crear un modelo sostible.

"Non temos fiestras para explotar o que producimos. Se non solucionamos isto, podemos ter centos de millóns de investimento, que non seremos capaces de crear un modelo sostible"

Aquí hai dúas formas de entender: por un lado, a produción industrial que se ten que sustentar por cartos que se xeren en billeteira. E polo outro, a produción cultural que debe ter un sostén público. Agora ben, nós facemos unha produción que ten moito máis de cultural que industrial e intentamos rendibilizala máis ou menos de maneira industrial, pero non nos chega con iso se non hai sostén público. Se non hai determinadas iniciativas que o que fagan sexa xerar unha actividade económica ao redor das películas, vai ser imposible producir nada. Ou relegar todo ao terreo do amateurismo, claro.

"Falar de industria cultural paréceme un eufemismo. Eu no que creo é no público ao que van dirixido as producións"

Así que é difícil falar de industria cultural co audiovisual?

Falar de industria cultural paréceme un eufemismo. Eu no que creo é no público ao que van dirixido as producións. Falar de industria cultural é querer xustificar con fondos públicos de cultura investimentos en industria. Iso é unha industria cultural. É dicir, que algo que debería ser financiado como se financia as industrias... A ver, non digo que sen apoio público porque eu creo que se contan cos dedos da man as actividades que non teñen ningún tipo de apoio público. E o cine, nese sentido, pois tamén merece o seu apoio pensando na rendibilidade que busca. Se o que busca unha rendibilidade como industria, o que estás buscando é: xerar un número de postos de traballo, xerar unha actividade económica ao redor das películas e que todo acabe retornando ao estado mediante impostos. Iso é unha industria.

E logo hai unha serie de producións que nunca van poder aspirar a iso. Nestes casos, a finalidade é a simple existencia, non xerar impostos. Xeras traballos, pero non xeras unha cantidade de cartos tan considerable como para que haxa un retorno ao estado. O que hai é un retorno en presenza cultural. Tampouco é tan fácil que unha película galega, como é o noso caso, teña unha estrea polaca ao ser unha peli de corte cultural. É máis fácil facelo cunha de corte industrial. Pero a nós interésanos como país difundir a nosa cultura, que haxa unha presenza de nós noutros países. A cultura é a forma de amosarnos ante o mundo. Iso non o consegue a industria. Hai que saber medir a importancia das cousas. Eu dende logo non critico a industria audiovisual, porque creo que ten cousas boísimas. O que si critico é que a industria cultural se estea financiando como cultura.

"A cultura é a forma de amosarnos ante o mundo. Iso non o consegue a industria. Hai que saber medir a importancia das cousas"

Última pregunta para pechar e volvendo ao documental. Como definiría a Leslie Howard? Que lle vén á cabeza ao pensar nel?

Valentía, ousadía, un tipo a contracorrente. Paréceme un tipo ousado... Si, ousado é o cualificativo. É un tipo moi inquieto e que o ten todo. El é xudeu, combate na primeira Guerra Mundial, faise actor, triunfa en Hollywood, pero non se limita a iso. Quero dicir, non acepta o seu éxito e xa está. Dedícase a producir, a compoñer, a escribir, a dirixir. E sobre todo, penso que é un tipo que pon en primeiro término as súas ideas por riba doutras cousas. El defende a Gran Bretaña e ataca os nazis a risco de que iso lle causa prexuízos persoais... e acaba morrendo, vaia. Quero dicir que é capaz de antepoñer os seus ideais aos seus éxitos persoas. A min paréceme abraiante nestes tempos en que vivimos, que se nos vende o contrario. Queren amarrarte ao éxito, á poltrona ou teu status. El fai o contrario. Paréceme un tipo heroico.

Fotograma do filme © Marcos Nine
Conchita Montenegro, unha das claves do documental © Marcos Nine
Marcos Nine © Tamara de la Fuente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.