0 Gardados para despois

Voadora e Teatro de Ningures estrean as súas novas obras no Galicia Escena Pro

Redacción | @prazapublica

Dúas estreas absolutas, -Calypso de Voadora e Unhas poucas picadelas de Teatro de Ningures-, ademais de montaxes como a nova obra de A Panadaría -Panamericana-,  Sarabela -Ensaio sobre a cegueira-, Teatro do Atlántico -O principio de Arquímedes-, Redrum -Noiteboa- e Teatro do Morcego -Presidente-, son algunhas das propostas da terceira edición de Galicia Escena Pro. A mostra, que programa 24 espectáculos entre o 3 e o 6 de novembro no Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal, en Santiago, volve ser obxecto este ano de críticas por parte do sector debido á contracción do seu volume respecto ao encontro do que é herdeira, a Feira Galega das Artes Escénicas.

A Feira do Teatro de Galicia fora, en efecto, recuperada no 1997, catro anos despois de que Ourense acollese a súa última edición. Ese ano, o que entón era o Igaem (Instituto Galego das Artes Escénicas), -transformado na Agadic co goberno bipartito-, asumiu a súa organización. Desde entón, a feira celebrouse cunha periodicidade estable ata 2010, cunha media de 23 montaxes por ano. No 2009 foron 20 as compañías galegas que exhibiron os seus espectáculos, o mesmo número que no 2008 e unha menos que no 2007 ou no 2006. Tras a polémica suspensión deste evento no 2011, regresou un ano despois rebautizado como Galicia Escena Pro, mais cun formato e un orzamento menores.

Deste xeito, aínda que a cantidade de compañías participantes se mantiña, aumentaba o peso dos 'showcases', -pequenas mostras de cada obra duns 15 minutos- respecto das montaxes completas. Este ano, ademais, engádese o formato do pitching, que limita aínda máis o tempo disponible para este tipo de exhibicións parciais. No 2015 poderán verse na Feira 14 espectáculos completos, -tres máis que no 2014- e 10 en formato showcase. Ademais das montaxes xa citadas, serán un espectáculo de danza circo -AIREnoAR, da compañía homónima- e seis propostas para público infantil, entre as que se atopan teatro de actor, de monicreques e danza -Luppo, de Baobab Teatro; Feo!, de Caramuxo Teatro, Jim e a Illa do Tesouro, de Eme2 emoción&arte; Xoga, de Entremans; Don Quixote, unha comedia gastronómica, de Limiar Teatro; e Peer Gynt, de Viravolta Títeres-.

No apartado de showcases poderán verse as propostas de ArtesaCía, que leva á feira Zugunruhe; do Colectivo Cinema Sticado, con STRPTS//Episodio 1: Mirlo&Rula. Ambas as dúas diríxense ao público adulto, do mesmo xeito que Os amos do mundo, de Bucanero, e O furancho, de Ibuprofeno Teatro, e as producións coreográficas Ulises e a nena durmida, de Ánxela Blanco, e Abrente, de Nova Galega de Danza. Para todos os públicos está pensado o espectáculo Baraka, do Mago Xacobe, mentres que outros tres títulos están ideados para os espectadores máis novos: Non toques os meus círculos, de Artello Teatro; Xurdefet, de Berrobambán e Manawee, de Matrioshka Teatro.

En formato pitching, que segundo Agadic é un tipo de "acción promocional complementaria á exhibición de espectáculos", presentarán as súas obras un total de 15 compañías galegas (Galeatro, Fantoches Baj, Triatreros Grupo de Teatro, SMART, Lucecús Teatro, EducaTeatro Producións, Culturactiva, Teatro da Semente, Uxía e Magín Blanco, Talía Teatro, Carlos Neira e Paula Ballesteros, Teatro do Noroeste, Producións Teatráis Excéntricas, ButacaZero e Antagonista Teatro).

Ademais, outros 25 profesionais do sector participarán na mañá do martes 3 nun seminario de estratexias dixitais para compañías escénicas, para o que a Agadic conta coa colaboración da Coordinadora de Ferias de Artes Escénicas del Estado Español (Cofae). Galicia Escena PRO inclúe, así mesmo, un concerto especial de Uxía e Narf no que interpretarán os temas de Baladas da Galiza imaxinaria, o seu primeiro disco conxunto. Programada como actividade de peche da carteleira de exhibición, será na noite do xoves 5 na Casa das Crechas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.