No ámbito escolar ensinar o noso, a nosa identidade, transmitir a sabedoría que se agocha na xente maior é fundamental. Facelo de forma didáctica facendo un bo uso da palabra, coa sensibilidade precisa para enganchar combinando poesía, lenda e pintura é xa unha proposta diferente, é innovar. Hai libros que son especiais, xa que neles vai, coma quen non quere, algo que se está a perder, que cómpre recoller para non morrer no esquecemento. Lendo lendas, digo versos, de Antonio Reigosa, Antonio García Teijeiro e Xosé Cobas publicado por Xerais preséntase este mércores ás 20 horas en Vigo en Librouro Librería e contará coa presenza, ademais dos autores, de Manuel Bragado e Román Raña. Neste artigo analizamos a traxectoria destes tres monstros da LIX e facémoslles unha serie de preguntas sobre a obra:
Antonio Reigosa é autor de innumerables títulos e foi finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil, ademais de contar co Premio Merlín, o Premio Supernova, o Raíña Lupa, Lucense do Ano e o Frei Martín Sarmiento entre outros recoñecementos. Trátase dun autor comprometido co país, que dirixe o proxecto Galicia Encantada e é un investigador e divulgador incansable da nosa cultura popular.
É a primeira vez que creas en conxunto? Como foi a experiencia?
Eu xa teño moita experiencia en traballos colectivos. Creamos a serie de contos Cabalo Buligán con Xosé Miranda, Xoán Cuba en Xerais sobre a literatura de transmisión oral, unha longa lista de libros en colaboración. A experiencia con Antonio García Teijeiro foi moi satisfactoria, moi boa, nunca fixera nada con el.
Que foi o que vos levou a este proxecto? Buscabades algún obxectivo concreto?
Tratábase de encher un oco no eido literario. A proposta é diferente ao relato lendario en si, é un experimento consecuencia de detectar que existía unha carencia na poesía mitolóxica de orixe popular. Si existen exemplos de libros sobre mitos clásicos, mais de orixe pagá, mitoloxía de orixe oral non existe. O relato lendario engade un atractivo de xogo textual entre a prosa e o verso que se completa coa imaxe marabillosa de Xosé Cobas.
Que destacas deste traballo?
Atendín ao ámbito xeografico, ás catro provincias salvo no apólogo que non ten localización concreta do sargo e a toniñ. Trátase dunha fabula mariña da que de momento non temos outra manifestación igual. No libro tamén se recolle un exemplo de mito e moitas historias máis.
Como ves a situación da lingua en xeral e da transmisión ás novas xeracións en particular?
Sempre é unha pregunta difícil de contestar, xa que é evidente que estamos en risco de perder o galego constantemente, a miña visión é negativa e as políticas lingüísticas até o de agora desacertadas. Se non hai transmisores, o galego non se transmite, morre na oralidade. O meu traballo é de investigación e de recolleita e non hai nada máis actual que a vía oral, se non hai quen transmita non hai quen escoite.
Antonio García Teijeiro
Antonio García Teijeiro é un grande da LIX, é profesor, escritor e crítico de literatura infantil. Todo un referente na poesía para nenas, da súa didáctica, é o noso poeta máis internacional. Conta cunha obra moi extensa e con innumerables premios, entre eles o Premio Merlín por Na fogueira dos versos, que entrou na Lista de Honra do IBBY e se lle concedeu o Premio Pier Paolo Vergerio da Universidad de Padua (Italia), un dos máis prestixiosos de Europa. Pódese seguir en Versos e aloumiños, o seu blog.
Como foi a experiencia de xuntar lendas e versos?
Intentei poñer en verso a lenda, que tivese musicalidade, ritmo, que resultase fresco, atractivo, facendo do elemento poético algo máis novidoso, pero sen perder a forma tradicional na literatura popular. Para logralo baseeime no romance, sen selo, composto por estrofas en forma de copla en arte menor.
Como foi o proceso de creación?
Despois de varias lecturas reflexivas intentei manter a fidelidade co relato lendario pero achegando certos toques líricos. Eu manteño que a poesía debe entrar en voz alta achegando sonoridade, ritmo... Dividín a lenda en parágrafos, debullándoa, agardando pola imaxe evocadora, e fun co paso dos días anotando nunha libreta o que se me ía ocorrendo. Intentei achegar en verso outra visión do relato, completándoo e xogando tamén coas súas palabras.
Cal é a situación actual da lingua, como docente como a ves?
A situación é preocupante, educar é amar e se non educas no agarimo, non se consegue nada. A min interésame especialmente a literatura e a súa didáctica e habería que cambiar o plan de estudo de Maxisterio. Os docentes teñen que ler para saber transmitir, para achegar na aula, hai lecturas que son imprescindibles, coas que deben saber traballar na aula. As bibliotecas dos centros escolares deberan estar en mans de persoal preparado e crear prazas de biblioteca para tal fin. Temos moi difícil o ensino se non len, o profesor ha de ser unha persoa formada. Así mesmo, considero importante achegar as nenas ás bibliotecas, eu, cos meus alumnos, vou todos os luns para coñecer os libros fisicamente e non a través do que se conta. Queda moito por facer.
Xosé Cobas
Xosé Cobas é ademais de pintor e escultor, un dos máis prolíficos ilustradores da nosa LIX, as súas ilustracións están impresas en máis de cen dos nosos libros. Conta con innumerables recoñecementos polo seu labor e as súas ilustracións levan un selo propio dificilmente irrecoñecible.
Que che inspirou máis no proceso creativo, a lenda ou o poema?
O meu traballo consistiu en buscar os focos que quedan libres para encontrar a imaxe con facilidade e evitar a redundancia que xa cubriran previamente o texto en prosa e en verso. Sentín o vibrato da prosa e da poesía, este libro ten ese engadido de complexo. O ilustrador é un complemento na confrontación co poema e oculta espazos. A resposta é diferente se te enfrontas a prosa ou verso, e a actitude é distinta.
Como foi o proceso creativo?
O labor principal é a lectura, o fundamental non é só a execución, tamén é necesaria unha formación como lector, saber ler, da memoria que teñamos almacenada no noso maxín. No meu caso son as memorias da infancia, a Historia da Arte (para este libro tivo moi presente A Venus de Botticelli que fai de inspiración para a crina do cabalo da portada) as lecturas literarias, de ensaio, de filosofía... o sentido da percepción que axuda a ler, a aprender, a ver. Temos que aprender a ver a través do ler e da natureza, no espazo da poesía urbana... a suma destes procesos enriquece a capacidade do creador. Unha lectura rápida para saber, unha relectura analítica e logo a partir de aí, a lectura connotativa que me ofrece, e despois outra lectura sectorial, por partes, que brinda unha imaxe para ao final pensar nunha harmonía. O que di o texto xa o di o texto, as redundancias procuro evitalas sen traizoar o texto.
Que destacarías do libro?
O feito de rescatar as lendas esquecidas de investigación por parte de Reigosa, o feito de atreverse a que formaramos parte tres miradas distintas, a aposta, senta un precedente, é innovar, como ilustrar para adultos, a novela gráfica e outros formatos. Trátase doutra dimensión dentro da ilustración. O valor do triunvirato de miradas e sensibilidades distintas. O traballo de Xerais de atreverse a innovar é moi necesario e destacable.
Como ves a situación da lingua?
Con moita preocupación. Á parte da presión que exerce o castelán é esa excesiva globalización que percibo como observador da realidade, da paisaxe natural e da urbana. Esa carreira por singularizarnos por medio dos barbarismos. A cultura está a perder unha batalla ante a tecnoloxía. Hai que reivindicar as humanidades para a formación integral da persoa, que volvan recobrar o que non deberon perder nunca, a presenza e a maneira de que iso deixe pegada na formación das persoas. O ensino das Humanidades é decisivo na formación do alumnos.