0 Gardados para despois

Panorama Galicia: furar no pasado para apontoar o futuro

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


“Non se pode correr na busca do pasado. Hai que ir na procura do futuro”. Son palabras de Serafín, un dos protagonistas de Querida Gina, a longametraxe documental de Susana Sotelo que proxectou Cineuropa na súa XXIX edición. A nosa relación co pasado alicerza en realidade non só este, senón boa parte dos filmes que puideron verse na sección Panorama Galicia do Cineuropa deste ano, que vén de rematar.

En Querida Gina, dous homes de perto de 80 anos, Juan e Serafín, emprenden unha viaxe ata Roma co seu amigo Tim, un mozo galés, para tentar coñecer a Gina Lollobrigida, a actriz da que quedaran prendados 50 anos atrás cando traballaran con ela, como extras, na película Salomón e a raíña de Saba. A saúde dos dous anciáns é delicada, e en especial a de Juan. Mais teno claro. Aquilo podería ser a súa última aventura. “Juan está a agardar unha operación que se adía para que el poida facer o que non puidera facer antes: soñar. Porque para a súa xeración unha cousa así era un auténtico luxo”, explica Sotelo.

O soño sustenta, así, esta road movie, que é unha progresiva descuberta dos dous vellos, na súa xestión da ilusión e da incertidume. A proposta de realizar a viaxe parte de Tim, que nun momento do inicio do filme compáraos con Don Quijote e Sancho. E é unha boa metáfora, porque Juan e Serafín no se dan por vencidos. Malia os atrancos e a carencia absoluta de garantías de éxito. O soño abeira a loucura. “Salvando as distancias, é como a historia do Quijote na procura de Dulcinea. Mais, a medida que avanza a viaxe, a loucura vai perdendo protagonismo, porque a realidade vénselles enriba. Son eles os que teñen que conseguir encontrarse con ela. O noso equipo fixo un proceso de negociación paralela para tentar que ela os recibise. Pero iso eles non o sabían. Vivírono como unha busca real”, conta a directora.

"Salvando as distancias, Querida Gina é como a historia do Quijote na procura de Dulcinea. Mais, a medida que avanza a viaxe, a loucura vai perdendo protagonismo, porque a realidade vénselles enriba"

Serafín e Juan vanse revelando como son, nese proceso de busca, e tamén no conflito de Tim co primeiro deles. “A min fascíname a xente maior do campo. Esa xeración que está a desaparecer, que careceu de todo e que soubo quedar co imprescindible. O que eu quería era chegar a eles e mostralos. Non quería unha historia tráxica ou pesimista. O proxecto de atopar a Gina pareceume unha boa maneira de conseguir iso, de achegarme a eles como persoas. Tiña só un mes, o que durou a rodaxe, para conseguir que pasase, e non sabía se ía conseguilo”, salienta Sotelo. Mais si o logrou. E escolleu a Tim, ademais, pola súa sensibilidade coa xente maior. “Quería a alguén que o vivise todo con eles, de verdade”, indica Sotelo.

Todo xurdira, tempo atrás, de encontros casuais. Alfonso Pato presentáralle a Susana a Juan en Cans. Faláralle da súa historia. El e outros homes traballaran na película de Gina pero non puideran nin achegarse a ela. Só vela. Juan, que lles presentou despois a Serafín, estivera xa ademais, na República Dominicana, onde tivera un problema e fora repatriado. Serafín era máis reservado e de carácter máis difícil. Ao principio do filme amósase máis reticente. E, se cadra, máis realista tamén que o seu compañeiro. Despois, todo vai encaixando. A súa inseguridade. O seu, ás veces, sentirse menos. O seu sentido práctico. A carauta que agocha as emocións.

Eu quería que se entendese mellor a Serafín ao avanzar a viaxe. É case de xustiza poética. É unha persoa única. Actúa como considera, sen responder a condicionantes sociais. Foi complicado, a verdade. Ademais, todo o proceso foi unha concentración forte de experiencias, de emocións”, asegura Sotelo. Nin Tim, nin Juan nin Serafín son, ademais, actores. Nin hai diálogos controlados como nun guión de cine. As cousas van sucedendo. “Eles non teñen que xustificarse por nada. Xa o viviron todo. O pasado brótalles no camiño, e tamén por iso imos descubrindo cousas deles. Vamos, ademais, por estradas secundarias. Que é onde están as mellores paisaxes. E onde xorden as mellores paisaxes humanas: non na rapidez da autoestrada”, sinala a directora. O equipo está, pero non se ve. “Está á marxe, porque eu quería que fose unha experiencia de verdade para os protagonistas e, claro, que non falasen para a cámara”, subliña.

"Eles non teñen que xustificarse por nada. Xa o viviron todo. O pasado brótalles no camiño, e tamén por iso imos descubrindo cousas deles"

A fortaleza a e dignidade da xente maior, así como o pasado que abrolla no presente, cimentan tamén Os días afogados, de César Souto e Luís Avilés, outro dos filmes que puido verse no Panorama Galicia de Cineuropa. O documental é a historia dunha loita. A de Aceredo e Buscalque, dúas aldeas que foron anegadas en 1991 pola construción do encoro de Lindoso, en Portugal. Os veciños e veciñas sabían que ía perder as súas casas. Pero pedían unha compensación xusta por elas. A empresa xogou a dividilos. Coa complicidade do Goberno.

Os días afogados constrúe un relato que funde o pasado co presente. O pasado, a través de vídeos domésticos gravados, a partir dos 60, polos propios veciños. O presente, co rodado polo equipo do filme. “Non queriamos contar a historia a través da entrevista directa. O obxectivo era unificar o material que tiñamos, os vídeos domésticos, co que nós gravamos, para establecer unha liña de tempo argumental, un discurso, de xeito que chegue un momento en que o espectador non repare no formato: se son cortes dos vídeos antigos ou se é o que rodamos nós”, comenta Luís Avilés.

Desta maneira, son os veciños, os protagonistas, os que contan a historia. Que é a dun xeito de vida que o encoro ameazaba. “Eles conviven co seu pobo afundido alí ao lado. Deambulan polo Aceredo novo, pero aínda se notan as miradas de tristeza. Foi moi duro para eles perder as casas onde naceran. O efecto foi devastador, e aínda está no ambiente. Non foi só unha destrución física. Foi a destrución dunha cultura. Unha forma de ver a vida. E esa é a traxedia. Agora hai un Aceredo novo, pero non ten nenos nin xente nova. Non hai ninguén que vaia manter a memoria do que fora”, explica Avilés.

"Non foi só unha destrución física de dúas aldeas. Foi a destrución dunha cultura. E esa é a traxedia"

Por iso, Os días afogados non é só a destrución de dúas aldeas. “Eu creo que o que mostra é o despoboamento do rural. Houbo dúas mortes. Unha, a do anegamento. Outra, a da ausencia de relevo xeracional. Por moito que haxa outra aldea construída ao lado da afogada”, sostén Avilés. O proxecto xurdira dunha reportaxe que a TVG lle encargara a César Souto. “A partir de aí comezou a documentarse e viu que había aquel material, aquelas gravacións, e que podía haber unha película. Como non quería darlle un enfoque informativo, xornalístico, chamoume a min para facer algo máis cinematográfico”, lembra.

Os vídeos domésticos mostran, primeiro, un xeito de vida. De comunidade. Despois, avanza o conflito. “O problema é que lles querían pagar prezos ridículos. É un abuso de poder nese sentido. A empresa controlaba os tempos, a desesperación da xente. A quen facía máis ruído e mobilizaba máis aos outros, tentaban taparlle a boca pagándolle mellor. Enfrontáronos entre eles. E eu creo, ademais, que se ve claro no documental que as que realmente se enfrontaron, as que pelexaron, foron as mulleres. Elas berraban, protestaban…”, indica. Aínda hoxe, -asegura-, o tema crea incomodidade. Aínda que non é así cos veciños. “A súa loita queda reflectida, recollida no documental. A sensación que teñen é a de que se lembran deles, do que pasou. Entón, non cabe dúbida de que o noso traballo serviu para algo”, conclúe Avilés, que é tamén o director da curtametraxe presentada en Curtocircuíto Unary, interpretada por Antonio Durán Morris, sobre a soidade e o rexeitamento social que sofre unha persoa que acaba de saír de prisión.

A relación co pasado e a sucesión das xeracións sustenta tamén, aínda que con outro enfoque, Verengo, de Víctor Hugo Seoane. Un mozo volve, despois de anos fóra, á casa dos avós. Atopa unhas cintas vellas, gravadas por seus pais. E inicia un proceso que abre, como Os días afogados, un diálogo entre gravacións vellas e novas. “Unha tía, Isabel Seoane, díxome que fixese un vídeo en Verengo, como un proxecto máis meu. Era a miña primeira incursión na realidade, porque sempre fixera ficción. Estiven meses collendo imaxes e fixen unha primeira montaxe. Despois, nun obradoiro do Play-Doc, comecei a mudar todo, a proposta de Marta Andreu. A primeira versión era un percorrido polos lugares. Marta díxome: ti o que queres é facer unha película sobre os avós, pero non te atreves. Despois, volvín gravar centrándome máis nos avós. Ademais, naceu o meu fillo, e iso axudou a que a película cobrase máis sentido: a idea dos ciclos”, sinala o autor.

"Marta díxome: ti o que queres é facer unha película sobre os avós, pero non te atreves. Despois, volvín gravar centrándome máis nos avós"

Porque Verengo non é unha reivindicación dun rural que morre, aínda que iso tamén se palpa. É máis ben o retrato dunha familia, nos distintos tempos. Os ciclos: as estacións, o traballo… e as xeracións que se suceden. “O lugar cambia pero ao mesmo tempo segue igual. O ciclo xeracional queda enmarcado no ciclo da natureza. As conversas revelan a intimidade, a interacción entre as persoas, cun substrato etnolóxico: o traballo, a matanza… As conversas retratan a xeración dos avós, coas súas distintas dimensións. Por exemplo, o xénero. Ela traballa dentro e el fóra. Ela era máis tímida coa cámara, pero ao final fala case máis… E todo sucede con calma. Pasa o tempo. E acabo falando da forma de vida dunha xeración”, indica.

“Eu non quería un epitafio, unha elexía do que se extingue. O lugar segue, aínda que a forma de vida cambie. Nace o meu flllo e o ciclo, a familia, continúa. Pasa o tempo, e pasan moitas cousas. O imaxinario sobre a vida no rural é que é todo tranquilidade. Pero os avós non paran de facer cousas. Desde que acabamos a película seguiu o ciclo: venderon as vacas… O lugar en si tamén é transformado polo tempo. O plástico, por exemplo, invade o pobo. É o que me dicían no festival de Sevilla: o paso do tempo onde o tempo está parado. Parte renóvase e parte segue igual. Ademais, non é só o contexto galego. É o que pasa en todo o rural europeo. Por iso se sente idenficada xente doutos países que tivo a sorte, coma min, de ter aldea”, engade.

"Eu non quería un epitafio, unha elexía do que se extingue. O lugar segue, aínda que a forma de vida cambie. Nace o meu flllo e o ciclo, a familia, continúa"

Verengo está guiada, así, polo mesmo interese na forma de vida e no xeito de ver o mundo dos avós que Querida Gina. Polo mesmo respecto pola realidade. “As conversas non foron planificadas: xurdiron. Cando están de matanza e falando as mulleres de operacións, é porque xurdiu así. A nivel persoal foi brutal. Medrou a miña relación cos avós. Eu só me puxen en disposición de que eles me contaran. Só colocaba a cámara. Nunca lles dixen que fixesen nada”, matiza. Dalgunha maneira, este filme está conectado tamén coas sus obras anteriores. “En Na distancia o que se conta é a desorientación existencial de alguén que está lonxe da casa, e que ao final marcha porque entende que a cidade non é o seu lugar. En O Vaivén, unha persoa vagabundea sen atopar o seu lugar. Verengo é como atopar o lugar que estaba buscando. Na distancia era ficción, O Vaivén é máis performativo, e Verengo xa é a realidade en estado puro”, resume.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

'Eco', a voz refuxiada

Cineuropa proxectou tamén Eco, de Xacio Baño, que se mergulla tamén no pasado familiar, como Verengo. Mais desde outra perspectiva. "A Eco quitáronlle a voz, e condenárona a repetir o que dicían os demais. Anulada, decide refuxiarse nunha cova e afastarse do trato humano", salienta a sinopse do filme. Eco conta a historia da nai do actor Xosé Barato. A través das palabras dela. Dos seus diarios. "Son os pensamentos, as emocións dunha muller que era poética cando menos o pretendía", salientou Barato na presentación da película en Cineuropa.

O proxecto xurdiu a iniciativa de Barato. "Xosé convidoume a gravar algo do proceso de desmantelamento do piso de renda antiga no que viviran os seus pais. Díxenlle que si porque somos amigos. A idea que levaba era facer algo sobre os recordos. Pero ao rematar o día Xosé ensinoume os cadernos que escribira a súa nai, que el xa lera. Neles podía haber unha historia que contar. Quedamos en que os liamos, e que decidiamos. O que eu tiña claro era que non quería que fose unha peza só miña, senón compartida. E así foi. Fomos lendo aqueles 30 anos de libretas. E claro que había unha historia que merecía ser contada", indicou Baño.

Mais a historia non era doada. Nos diarios abrollaba o conflito. A decepción. E a violencia. Eco trata todo, porén, coa delicadeza que caracteriza o traballo de Baño. "Eu sabía que só el podía facer o filme", dixo Barato en Cineuropa. "Eco é unha ninfa da mitoloxía grega. Queda sen voz e agóchase nunha cova. Había, así, un paralelismo. Unha muller que di por escrito o que non pode falar. E a nós era o que nos interesaba: o escrito. Non amosamos imaxes dela. Só a súa palabra. Tampouco queriamos contalo todo nós, senón que o espectador puxese da súa parte para entender a situación que viviu unha muller, que representa o que viviron moitas mulleres", sinala Baño. 

Eco evita o dramatismo. Mais non agocha nada. "Queriamos facer unha historia que puidese ter unha lectura universal. Non queriamos centrarnos nun tema determinado, senón mostrar como viviu a súa vida, como se sentiu...", indica o director. Aínda que a auténtica protagonista é ela, a nai de Barato, son o seu fillo e a tamén actriz e compañeira deste, Rocío González, os que aparecen en cámara, lendo os diarios. "É a primeira vez que fago unha peza sen ser por necesidade miña, senón a petición doutra persoa. E foi moi reconfortante meter a historia da nai de Xosé no meu mundo, na miña linguaxe. Aínda que xa digo que a peza non é só miña. É de todos os que a fixemos. Eu imaxino, ademais, que para Xosé non foi nada fácil. Eu non tería o valor de facer o que el fixo, seguramente", pensa Baño.

Xosé Barato é tamén un dos protagonistas doutra curtametraxe que se proxectou o mesmo día en Cineuropa, A liña política, de Santos Díaz Antón. Nela, Juan -Xosé Barato- e María -María Vázquez- traspasan a liña que os separa -despois de teren sido parella- para ter un momento de sinceridade e apertura, por parte del, das súas emocións. Ela vive, ademais, un momento complicado pola enfermidade do pai, ao que nunca se sentira unida. As relacións familiares e de amistade -ademais de Xosé Barato e María Vázquez, actúan na curta Sonia Méndez, Alberto Rolán, Rosa Álvarez, Sara Loureiro, Alejandro Jiménez e Tamara Canosa- marcan toda a historia. Que tamén ten que ver coa relación cun pasado desde o que ollar o presente e o futuro.