Morre Ramón Lugrís, o galeguista que fixo do europeísmo a súa bandeira

Pequena homenaxe que algún amigos lle ofreceron a Ramón Lugrís hai apenas uns días Dominio Público Praza Pública

Vén de finar Ramón Lugrís, xornalista, ensaísta e tradutor nacido en Ferrol en 1932, e dunha grande importancia para entender o galeguismo de postguerra. Traballou en Londres como redactor da sección española da BBC e posteriormente en Nova York para a ONU. Nos seus anos mozos colaborou en La Noche e escribiu ensaios como Vicente Risco na cultura galega (Galaxia, 1963). Nos últimos anos colaboraba con frecuencia co IGADI, formando parte do seu Consello Reitor

Xosé Luís Franco Grande destacou na entrevista que lle realizou para Grial hai uns anos que Lugrís era "unha figura moi descoñecida na propia Galicia", o que para o autor constituía "unha de tantas anomalías históricas que reflicten a nosa incapacidade para desvelar e recoñecer traxectorias de gran riqueza, complexidade e compromiso, vividas desde dentro e desde fóra co horizonte referencial dun país aberto ao mundo exterior, partícipe dunha universalidade transformadora de nós propios". Xulio Ríos, director do IGADI, destaca este mesmo descoñecemento no artigo que vén de publicar en Praza na súa memoria, sinalando que Galicia "dificilmente soubo reservarlle o recoñecemento que sen dúbida merece".

Tanto Franco Grande como Xulio Ríos defíneno como un "europeísta convencido", sinalando Ríos que Lugrís "lamentaba o retroceso da conciencia europea no momento presente".

O propio Ríos destaca que hai tan só uns días un pequeno grupo de amigos -entre os que estaban Xosé Luís Franco Grande e Gonzalo Rodríguez Mourullo, ademais de el mesmo- tributáronlle en Madrid unha pequena homenaxe.

Pequena homenaxe que algún amigos lle ofreceron a Ramón Lugrís hai apenas uns días Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.