Trinta anos de loita pola dignificación da profesión de intérprete

Imaxe da presentación da nova web da AAAG polo XXX aniversario da asociación © Xunta de Galicia

“Eu quero ser actor”. “Ah, entón vas marchar a Madrid, non?”. Hai trinta anos, esta era unha conversa corrente cando unha persoa que quería dedicarse ao teatro ou ao audiovisual se atopaba con algún coñecido. Cóntao Gonzalo Uriarte no vídeo que realizou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia polo seu XXX aniversario. Trinta anos nos que, malia o devalo actual do sector e as reivindicacións históricas que nunca foron escoitadas, as cousas foron mudando. E parte delas para ben. En abril de 1985, Mabel Rivera, Marisa Soto, Xabier Lourido, Ernesto Chao e Luma Gómez presentaban a acta de constitución da que despois foi a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), con anterioridade nomeada Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena.

“Precisabamos algo que nos dese visibilidade. Unha maneira de presentarnos socialmente”, conta Uriarte, que foi o primeiro presidente da Asociación. Xunto a esa necesaria visibilización social, situábanse, entre as prioridades, os dereitos dunha profesión que comezaba. Un ano antes nacera o Centro Dramático Galego (CDG), que foi alicerce fundamental do impulso desa profesionalización. “Antes do CDG había como distintas “familias” do teatro, mesmo con tensións entre elas. A aparición do CDG favoreceu o intercambio entre profesionais, que traballasen xuntos”, asegura Uriarte. Comezaba, así, unha nova etapa que recollía, ademais, os froitos do traballo do teatro independente e de encontros como a Mostra de Teatro de Ribadavia. Malia que o inicio da institucionalización do teatro acabase conducindo tamén a outro tipo de relación co público, que non era a que tiveran compañías como, por exemplo, Artello.  

"Antes do CDG había como distintas “familias” do teatro, mesmo con tensións entre elas. A aparición do CDG favoreceu o intercambio entre profesionais, que traballasen xuntos”, asegura Uriarte

“Nada é eterno, e xa non era o tempo do teatro independente. Eu creo que a creación do CDG tivo máis beneficios que aspectos negativos. O teatro fora vehículo de expresión do prohibido durante a ditadura, unha arma de loita contra Franco. Nos comezos dos 80 as circunstancias eran outras. O público dos 70 non é o mesmo que o dos 80 e o dos 90. Hai xente que ía nos 70 e que deixou de ir ao teatro, por exemplo. E a perda de público é responsabilidade de todos: da elección dos textos, das características das montaxes, de non saber responder ás demandas sociais… ou pode ser que te confíes cun tipo de produción que funciona nun tempo, pero despois repíteste e acabas decatándote de que xa non tes público ”, pensa Uriarte.

Rosa Álvarez, que foi a socia nº 1 daquela primeira asociación de actores, apunta que “o CDG contribuíu a que se visibilizase moito a profesión. Os espectáculos que se fixeron na primeira etapa eran moi grandes, con moita xente. O público falaba deles, os medios tamén… Unha mesma obra tamén quedaba máis días no mesmo lugar, entón iso facilitaba que fose ao teatro máis xente que escoitara falar dela. Despois foise perdendo público. Supoño que pola política teatral do CDG, pola discontinuidade… Se o CDG non ten actividade uns meses, a xente deixa de ir”.

Rosa Álvarez, que foi a socia nº 1 daquela primeira asociación de actores, apunta que “o CDG contribuíu a que se visibilizase moito a profesión"

En relación co CDG sitúase, precisamente, unha das máis reiteradas reivindicacións do sector: a autonomía do mesmo, cunha entidade xurídica propia. “Que dimita o director”, -caso de Manuel Guede e a súa recente marcha-, ou que sexa removido do seu cargo -como pasou con Branca Cendán-, non pode ser, segundo o actual presidente da AAAG, Vicente Mohedano, unha “desculpa” para paralizar a súa actividade. “O que ocorre, ademais, é que non ten un orzamento asignado na práctica. Depende do que queira Agadic, que ademais non está a cumprir coa obriga de transparencia que ten: non hai planificación, nin memoria anual… etc. Agora o que estamos pedindo, que xa se falara na última mostra de Ribadavia, é unha Lei das Artes Escénicas que podería recoller todo iso”, explica.

A interlocución coas institucións foi así, -e é-, outro dos cabalos de batalla da profesión nestes anos. As dinámicas de política de pasillos favorecen o divide e vencerás. A unión, en cambio, fai a forza. “Ten que haber un diálogo continuo entre nós e coas institucións”, subliña Mohedano. “Ter unha reunión co conselleiro non significa, moitas veces, que se vaia avanzar nada. Escoitan e asenten e despois todo segue igual. Se tratamos de promover a interlocución entre nós, Escena Galega e outras organizacións, como a Academia Galega do Audiovisual, será mellor para todos”, indica.

"Ten que haber un diálogo continuo entre nós e coas institucións”, subliña Mohedano

Non se trata, ademais, segundo Rosa Álvarez, só de ser recibidos polo conselleiro ou polo xerente de Agadic. “As asociacións teñen que estar nun consello asesor do CDG no que o director teña en conta a voz dos actores. As asociacións sempre quixemos formar parte dos consellos, pero moitas veces non foi posible. Faltou un diálogo fluído”, asegura. E ese diálogo houbo que forzalo, en moitas ocasións, a base de mobilizacións, como ocorreu no 2013. “A pelexa foi moi dura e non sei se conseguimos moito. Os poderosos vante desgastando e tampouco se lle pode pedir á xente máis do que pode aguantar”, opina Álvarez, preguntada por se a presión do sector é a suficiente, dada a debacle na que se atopa. “A protesta continua non se consegue manter tanto tempo. Non é posible”, cre, en confluencia con ela, Mohedano.

Mais a loita continuada no tempo foi o que levou ao recoñecemento dos dereitos laborais dos profesionais do sector. Primeiro foi na dobraxe e no audiovisual, co convenio estatal, vixente desde 1995. No 1985 comezou a súa andaina a Televisión e Galicia e con ela un novo campo de traballo, o dos actores especializados en dobraxe. No mesmo ano 1985 constituíuse a Asociación Profesional de Actores de Dobraxe de Galicia. No segunda metade dos 90, a AAAG traballou polo cumprimento do convenio, negociando coas produtoras a súa aplicación progresiva. Aínda que o primeiro Convenio de Actores e Actrices de Galicia non foi realidade ata o 2009.

O primeiro Convenio de Actores e Actrices de Galicia non foi realidade ata o 2009

“O convenio causou unha gran controversia. Non contentaba nin aos traballadores nin ás empresas”, salienta Mohedano. “Mais o problema é que, moitas veces, nin se cumpre. Non se introduciron mecanismos para controlar e fomentar o seu cumprimento. Pero introducir unha regulación de mínimos foi moi positivo para o sector. O que ocorreu foi que, ao chegar a crise, xurdiron formas de encarar a produción que non respectan o convenio. E iso crea inseguridade para os que si tratan de que se respecte. É comprensible, porque todos temos que traballar para vivir. Pero a longo prazo é prexudicial para todos aceptar traballar por debaixo do convenio”, engade. A profesión negocia, agora, un segundo convenio, que causou discrepancias entre a AAAG e Escena Galega. “Desde o comezo da crise”, -sostén Uriarte-, “a presión do sector empresarial é moi forte, e hai xente que acaba cedendo. Non o xustifico, pero o contexto é ese: a xente precisa traballar”.

O impacto da política teatral da Xunta é, por outra banda, moi forte na creación ou destrución de emprego no sector. “As principais reivindicacións do sector foron recollidas no 1991 nun Libro Branco. Pero seguen sen cumprirse”, lembra Rosa Álvarez. Produción, distribución ou formación eran algunhas das chaves deste documento. “A cuestión fundamental”, na súa opinión, é a falta de orzamento. “Sen iso, non hai visibilidade, non hai creación de público... Non se pode amortizar o investido en produción se non hai distribución, se non temos funcións…”, engade. Uriarte salienta, pola súa banda, que “desde o 2008 hai un gran retroceso no número de funcións por espectáculo que se programan e no número de espectáculos que se producen. Os circuítos están practicamente desfeitos… Mais eu espero que a xente nova, que pode enfrontarse á profesión con armas que nós non tiñamos, se atope con outra situación. O momento é malo pero non é a fin do mundo. Agardo que o sector se recupere, aínda que para iso ten que haber cambios políticos que o permitan”.

“As principais reivindicacións do sector foron recollidas no 1991 nun Libro Branco. Pero seguen sen cumprirse”, lembra Rosa Álvarez

A formación é, nese sentido, un dos aspectos que máis melloraron. A AAAG promoveu cursos e obradoiros. Pero a mudanza maior veu coa creación da Escola Superior de Arte Dramática. Non só no aspecto da interpretación, senón tamén no xeito de enfocar a produción, a distribución ou a promoción dos espectáculos, que algunhas compañías están a modificar. “Na miña opinión”, -afirma Mohedano-, “a dimensión da busca de públicos é fundamental. E eu creo que cando se rexeita a noción de industria cultural ten que ver con isto. Non se asume a dimensión económica do teatro. E o teatro ten que atraer público, gustar, crear emoción... Non podemos descoidar a distribución. E si é certo que hai moitos anos houbo algunhas compañías que non se preocuparon moito por iso, porque coas axudas á produción vivían. Ademais, somos traballadores, e non só artistas. As novas compañías, en cambio, coñecen mellor, por exemplo, os mecanismos para conseguir distribuír tamén fóra de Galicia, ou as cuestións relativas a promoción e marketing”.

Laura Míguez, vogal da AAAG e membro da compañía ilMaquinario, achega a perspectiva dos máis novos. “A precariedade laboral está a obrigar a moita xente a marchar outra vez. Creo que evitar iso ten que ser unha das nosas prioridades”, indica. En canto á perda de público, pensa que é, no esencial, un problema de educación. “Se vas ao teatro unha vez e non che gusta se cadra non volves. Se vas ao cine ver unha película e non che gusta, non deixas de ir ao cine”, argumenta. Remarca, tamén, a importancia da promoción dos espectáculos -na que as novas tecnoloxías xogan un papel fundamental-, ou da mellora da distribución. “As axudas á produción son moi importantes, e sobre todo para a xente que comeza. Pero se queremos ter un público estable, temos que ter unha boa distribución, e iso é o máis necesario. Tamén é positivo para as compañías ter a perspectiva que achega enfrontarse aos públicos de fóra. Que tamén é unha forma de fomentar a cultura galega”, subliña.

"É positivo para as compañías ter a perspectiva que achega enfrontarse aos públicos de fóra. Que tamén é unha forma de fomentar a cultura galega”, subliña Laura Míguez

Mais, se a AAAG pode presumir de logros, un deles é a organización dos Premios de Teatro María Casares, que se celebran desde 1997. “Había unha necesidade, era importante crear un espazo de encontro e un recoñecemento a todo o sector. Os premios son un ámbito de prestixio e que teñen un valor, digamos ecuménico, na medida en que se recoñecen todas as profesións do aparello teatral”, apunta no vídeo do XXX aniversario Evaristo Calvo, presidente naquela altura da asociación.

Na nova páxina web da AAAG inclúese un portal específico dos María Casares, cunha base de datos na que se recolle información de gran parte dos espectáculos presentados aos galardóns, as biografías dos galardoados co Premio de Honra Marisa Soto ou os Manifestos Galegos no Día Mundial do Teatro.  A AAAG renovou tamén o catálogo en liña dos actores e actrices, que é outra ferramenta de visibilización dos mesmos. “En todos estes anos, a AAAG desenvolveu un traballo necesario en prol da dignificación de toda unha profesión, afondando na defensa dos dereitos laborais, na formación dos actores e actrices e tamén na visibilización do Teatro creando os Premios María Casares, que o próximo ano chegarán xa a súa vixésima edición”, concluíu Mohedano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.