Luar na Lubre vén de publicar Extra Mundi, un disco que inclúe un total de trece temas no que hai versións de cancións tradicionais doutros países, ademais de creación propias e adaptacións de temas galegos. Nesta variedade, atopamos cancións como El Rossinyol, que xa versionaron autores como Serrat ou Joan Baez; Txoria Txori, de Mikel Naboa, ou a tradicional castelá La Molinera, cuxo espallamento pola península convérteo nun tema emblemático. No fondo, este álbum pretende ser un agradecemento a outras culturas, a outras músicas e a outros públicos do exterior que ofreceron unha gran recepción á obra dunha banda que, o próximo ano, cumprirá 30 anos e que xa ten no almanaque unha ampla serie de concertos. En Galicia visitarán, tras o inicio da xira en Ourense o pasado 11 de decembro, o Teatro Afundación (García Barbón de Vigo) o vindeiro 8 de xaneiro. O día seguinte, recalarán na Coruña. O periplo continuará en Barcelona, Banyoles, Salamanca ou Cádiz. Falamos con Bieito Romero sobre este novo traballo, a situación da música e os trinta anos de traxectoria de Luar na Lubre.
"En certo xeito, é unha maneira de simbolizar musicalmente un agradecemento á boa acollida que ten a nosa música en lugares irmáns, pero distintos culturalmente e musicalmente"
Neste disco Extra Mundi buscan dalgún xeito explorar outras músicas e outras culturas que coñecen, pero que antes non chegaran a explorar dun xeito tan directo. Por que agora?
Dende hai anos, o 80% dos concertos que facemos son fóra de Galicia. E Extramundi, en latín, significa mundo exterior. En certo xeito, é unha maneira de simbolizar musicalmente un agradecemento á boa acollida que ten a nosa música en lugares irmáns, pero distintos culturalmente e musicalmente do que é o noso intramundo, do que é Galicia, do que é o Atlántico. Nese sentido, o que fixemos foi recrear pezas moi coñecidas como El Rossinyol, un clásico catalán entroncado coa lírica catalano-provenzal que xa versionaron Serrat ou Joan Baez. Agora quixemos darlle a nosa particular visión. O mesmo fixemos con Txoria Txori, un tema de Mikel Laboa, que non é un tema tradicional, senón un poema de Josean Artze musicado por Laboa. Fixemos o mesmo tamén con tradicionais históricas como é La Molinera castelá ou La Muixeranga de Valencia.
Por que se escolleron estes temas? Como foi a selección?
Porque se fosen outros temas, faríasme a mesma pregunta. A ver, por que estes temas e non outros? Nós tiñamos que facer unha selección de temas de diferentes lugares nun álbum que recollese unha escolma do que nós entendiamos que podía quedar ben coas nosas perspectivas. Ademais, son temas emblemáticos todos eles. Pensemos, por exemplo, na La Molinera. É unha canción tradicional castelá, pero que tamén é moi coñecida por toda a Península. En Portugal, en Tras Os Montes é un tema que se canta, tamén en Cantabria, Andalucía ou Estremadura. Ese é un exemplo do que nós entendiamos que tiña que ter este disco: cancións moi recoñecidas non só a nivel local, senón tamén alén das nosas fronteiras.
"Pensemos, por exemplo, na La Molinera. É unha canción tradicional castelá, pero que tamén é moi coñecida por toda a Península. En Portugal, en Tras Os Montes é un tema que se canta, tamén en Cantabria, Andalucía ou Estremadura"
O libreto do disco inclúe un prólogo de Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, no que se explica esa perspectiva de explorar o extramundi e facelo a través de diferentes culturas e linguas. Por que escolleron este prologista?
Rafael é un vello coñecido e pareceume interesante incluílo [Pausa]. Hei de dicir que este foi un disco de xestión rápida. É un disco no que a selección de temas, a gravación, a mestura e a edición levaron mes e medio. Nunca fixemos tal cousa. Para Luar na Lubre foi unha especie de reto que finalmente deu un bo resultado. E en todos os discos incluímos un prologuista que conta o sentido do disco. Neste caso, parecíanos interesante que Rafael fixera un texto sobre as coordenadas polas que se move o álbum. Fixo así un texto significativo que pon en contexto a xente que queira saber máis deste Extra Mundi. Logo hai que pensar que extramundi non é só o mundo exterior en latín, senón que na propia etimoloxía galega aparece como protección que vén do leste, austromundi. Esa é a protección dos astros, principalmente do sol. Esta é unha cuestión básica na nosa cultura popular. Pensamos que era moi axeitado, para comprender o sentido do álbum, que Rafael o explicase nese prólogo.
"Falamos dunha banda que saca cada dous anos un disco, de música folk, dende Galicia, que sobrevive e que ten boa saúde no senso de que estamos facendo máis concertos fóra que en Galicia e que temos boa acollida"
Este disco, ademais, chega ás portas do trinta aniversario de Luar na Lubre. Que balance fai destas tres décadas?
Chegamos a estes trinta anos case sen decatarnos de que pasou tanto tempo. Non tiñamos pensado celebrar nada, pero case poderiamos dicir que é unha obriga celebralo, xa que todos nos lembran a efeméride e nós, encantados. Xa cando foi o 25 aniversario, tivemos unha sensación semellante. Falamos dunha banda que saca cada dous anos un disco, de música folk, dende Galicia, que sobrevive e que ten boa saúde no senso de que estamos facendo máis concertos fóra que en Galicia e que temos boa acollida. Pensa que este disco entrou no número 73 dos máis vendidos cunha competencia brutal, de grupos e músicos cunha promoción que é enorme. Penso que todo isto é chegar con moi boa saúde. Son trinta anos, ademais, nos que vimos como desgraciadamente foron quedando polo camiño moitas propostas moi interesantes. O balance como é? Absolutamente satisfactorio. Puidemos dar un paso cara á profesionalización no seu momento, algo que se o comparamos coa actualidade... Agora é complicadísimo. Luar na Lubre apostou sempre, e coido que o conseguimos, pola profesionalización e por buscar que a música galega traspasase fronteiras e funcionase fóra con fluidez. Ese é un dos grandes logros: conseguimos que moita xente no exterior coñecese a música galega. Primeiro coa nosa perspectiva, despois con outras propostas.
"A música está a vivir un momento tráxico. No caso galego vivimos nun momento en que non che dá nin para pagar autónomos nin para traballar de forma legalizada e como é debido"
Falaba da profesionalización dos músicos. Na actualidade, en Galicia, cre que é imposible acadala?
É complicadísimo, pero non só en Galicia. A música está a vivir un momento tráxico. No caso galego vivimos nun momento en que non che dá nin para pagar autónomos nin para traballar de forma legalizada e como é debido. E iso contrasta co número de propostas que hai, co seu interese, coa súa calidade e co seu valor. É que nunca houbo tanto e tan bo... pero claro, non hai nada detrás. Non hai unha plataforma industrial que manteña este movemento como pode haber noutros lugares. O boom da música galega desaproveitouse, foi un xigante que quedou en nada. Porque faltou unha infraestrutura seria, sólida e que funcionase como é debido. Xurdiron moitas cousas, pero non se mantiveron no tempo. Ese é un problema que temos. O problema é a sustentabilidade e isto ten que vir grazas aos concertos e ao día a día. A gran virtude nosa foi abrir mercado fóra de Galicia, que é un territorio pequeno e cunha profesionalización escasa no sector. A xente está afeita aos concertos subvencionados e o público, ao “todo gratis”. Non pagas entradas, aproveitas se hai un concerto gratis ao que ir, un festival... Iso prexudica os músicos, porque desaparece a subvención e quedas co cu ao aire.
"Despois, estivo o gran debate ese de “a música celta si ou música celta non”. Pero que máis dará? Ti súmate a esa plataforma, gaña esa posibilidade de espallar a túa música polo mundo. Tanto ten como lle chamen"
Co boom perdeuse unha gran oportunidade de crear esa infraestrutura?
O boom, como xa che dixen, desaproveitouse. Era un momento histórico para crear a estrutura que mantivese todo cando chegasen os momentos difíciles. Aquel momento foi único, fantástico e había “pasta” -dígoo entre aspas- para facer que todo isto tivese sentido. E había, ademais, recursos humanos para levantalo. O problema na música é que hai unha gran desunión e moitos receos. Cadaquén traballa a súa parcela e non só iso: mira con receo a ver que fai o do lado. E despois, estivo o gran debate ese de “a música celta si ou música celta non”. Pero que máis dará? Ti súmate a esa plataforma, gaña esa posibilidade de espallar a túa música polo mundo. Tanto ten como lle chamen. Se ninguén sabía que facían os celtas musicalmente falando... Este debate non se deu nin en Irlanda nin en Bretaña. E quen di música celta, di tamén a lusofonía. Non hai que cuestionar certas cousas, hai que espallar a nosa música. É que non fomos quen de facer as cousas unidos... Ese é un problema de país, de minifundismo e de parcelas. É o país que temos.
"Somos países irmáns que nos damos as costas. Entrar en Portugal é complicadísimo. Nós tocamos en Portugal, pero é curioso que para nós é máis fácil tocar en Holanda que en Portugal"
Falou da lusofonía. Sempre escoitei -non só na música, tamén no teatro- a necesidade de abrir o mercado a Portugal. É un discurso moi habitual, pero a min xórdeme a pregunta: E cando imos dunha vez?
Somos países irmáns que nos damos as costas. Entrar en Portugal é complicadísimo. Nós tocamos en Portugal, pero é curioso que para nós é máis fácil tocar en Holanda que en Portugal. Nós vimos de tocar en tres cheos en Alcalá de Henares, en Tudela, estamos por ir a Vigo e á Coruña e despois visitaremos Madrid e Barcelona. Máis adiante xa temos outros concertos programados... Pero Portugal? Custa un mundo. Non sei cales son os motivos, pero está claro que falta unha plataforma de venda. Falta unha coordinación axeitada para que todo isto sexa vendido nun lugar que teoricamente debería ter un público que respondese. Por desgraza levamos formulando esta idea dende fai anos, pero non hai xeito. E non só na música, como dis tamén no teatro e na literatura. En fin, que Portugal é país irmán, pero somos irmáns que vivimos de costas.
"Chegamos sen esgotamento. Estamos aquí despois de trinta anos, porque o proxecto segue a ser moi parecido a como se iniciou Luar na Lubre. Internamente, o grupo funciona ben"
Fala de que o 80% dos concertos de Luar na Lubre son fóra de Galicia. Priorizan o exterior antes que Galicia por unha cuestión de mercado, de supervivencia?
A nosa prioridade é Galicia sempre. É o noso lugar, iso é innegable. Agora é certo que, se queres ter impacto, tes que ir a Madrid e traballar os medios de Madrid, facer unha rolda alá e saír na TVE se é posible. Outra cousa é se ti buscas abrir mercado fóra ou queres centrarte en Galicia. Entón, tamén tes problemas cos medios de Galicia. Son moi complicados tamén. O dos medios acó é abraiante, porque pensa que se buscas a xente especializada na música folk... Hai máis fóra que aquí. A nós dannos portadas e moita visibilidade polo mundo adiante e aquí pelexas porque che fagan un artigo. Esa é a situación na visibilidade. Despois está a cuestión de tocar dentro ou ter a capacidade de tocar dentro, pero tamén fóra. Eu creo que hai que abrir portas ao exterior. Lembro cando se nos criticaba por ir fóra. “É que ides a Barcelona, é que ides a Madrid.” E cal é o problema? O asunto é poder espallar a música. Hai xente que o está entendo agora e está facendo ese traballo. Porque a realidade é que vivimos onde vivimos e oxalá os medios tivesen a pegada que debían ter aquí. Mais non é así. En calquera caso, insisto en que a prioridade nosa é Galicia. Aínda así, entendemos que se queremos ter percorrido, Galicia non chega. Galicia dá o que dá e hai tempo que non dá o que daba, porque aquí todo viña por subvencións e obras sociais. Agora, cos recortes, co IVE... estás machucado.
E despois de trinta anos, nota algún esgotamento o grupo? Quizais desgaste?
Chegamos sen esgotamento. Estamos aquí despois de trinta anos, porque o proxecto segue a ser moi parecido a como se iniciou Luar na Lubre. Internamente, o grupo funciona ben. Non hai esgotamento, convídoche a calquera concerto para que vexas de que vai o tema.