A noite enriba, (Xerais) a nova obra de Diego Ameixeiras, pertence, por suposto, ao xénero negro. Mais tamén é un libro sobre novelas e sobre a escrita. E unha novela existencial. Aínda que, que boa novela non o é? Nela, o autor de Asasinato no Consello Nacional ou Dime algo sucio homenaxea a David Goodis. "Aquí é imposible atopar grandes clásicos esquecidos de novela negra nunha biblioteca pública porque o concepto de cultura segue sendo demasiado elitista", di. Pois iso.
Un escritor (ti, en realidade) quere facer unha biografía novelada de David Goodis. Isto serve de fío á novela. Por que David Goodis? (O libro ten bastante de reividicación del).
A segunda gran xeración da época dourada da novela negra norteamericana acolle tres nomes fundamentais: Jim Thompson, Chester Himes e David Goodis. Thompson é o líder indiscutible da banda. Hai moita metralla narrativa neses clásicos que hai que ler mil veces como O asasino que hai en min e Pop.1280. Pero tamén son moi fanático do brutal sentido do humor de Himes e do seu xeito de presentar os problemas raciais nos EEUU dende o seu retiro de París. Sen adscribirse á corrente lírica do xénero, como o esquecido Bill Ballinger, penso que Goodis é o máis pesimista e tráxico deste formidable trío de titáns, un nihilista á altura doutros tipos xeniais como James M. Cain ou Horace McCoy. Ninguén coma Goodis escribiu sobre a fraxilidade, a marxinación e esa poética do perdedor que a min sempre me pareceu fascinante. Creo que é unha voz asombrosa.
"Ninguén coma Goodis escribiu sobre a fraxilidade, a marxinación e esa poética do perdedor que a min sempre me pareceu fascinante"
O seu editor dille isto: “Nalgunhas páxinas consegues que o narrador se disolva totalmente no texto. Unha novela así sempre funciona, aquí hai un mecanismo. Non contas a historia, obsérvala á altura dos ollos dos personaxes”. Parece unha reflexión túa. É?
A historia contén algúns diálogos que transitan nesa dirección. En canto sabes de que trata a túa novela, penso que hai que tentar non describilo demasiado. Sospeito que se saes vivo dese desafío é que acabas de escribir unha boa historia. A min gústanme as novelas nas que o escritor abandona a súa vaidade e non quere demostrarme dende a primeira páxina que é máis importante que o argumento que me está contando. Na miña opinión, esa é a postura máis honesta para enfrontarse a unha historia.
Nese sentido, a novela ten moito de reflexión sobre o propio feito de escribir. É a túa novela, -xa se dixo na presentación en Santiago-, máis metaliteraria. Por que? Ou por que neste momento? Fálase, ademais, da escrita como adicción, como un proceso desequilibrante…
Non atopo un motivo concreto. Probablemente se deba a que é a miña décima novela, un número redondo, e a que sentía a necesidade de deixar constancia que me gustan as vellas novelas baratas de Bruguera que leron os nosos pais, onde hai bastante máis oficio que en moitos best-sellers actuais de capa dura. Ao contrario do que lle ocorre ao protagonista de A noite enriba, para min escribir é un proceso equilibrante que me axuda nunha certa orde interna da miña vida. Iso non quere dicir que desconfíe dos escritores lánguidos e atormentados.
"Gústanme as vellas novelas baratas de Bruguera que leron os nosos pais, onde hai bastante máis oficio que en moitos best-sellers actuais de capa dura"
Nun dos diálogos do libro coméntase que os existencialistas franceses detectaron as dimensións filosóficas da obra de Goodis. E algo diso tamén ten a túa novela. De existencial, polo menos (a angustia de vivir, etc). Aínda que tamén o poden ter as outras (menos). Que cres disto?
Os franceses sempre foron grandes lectores de novela negra e contan cunha crítica especializada que trata o xénero como se merece. Aquí é imposible atopar grandes clásicos esquecidos de novela negra nunha biblioteca pública porque o concepto de cultura segue sendo demasiado elitista. Hai que recoñecerlle ao existencialismo francés un gran gusto literario. Que viran que nesas novelas baratas había tanta literatura como en Dostoievski demostra que tiñan un olfato moi fino.
Volves a Oregón, (Ourense), por certo. Por algún motivo especial? E creo que te basaches nalgunhas noticias de sucesos reais acontecidos en Ourense. Crimes sen resolver. Podes falar dese proceso de busca?
"Alongarme somente foi o xeito de ficar para sempre", escribiu Valente en Sete cántigas de alén. Na Praza das Mercedes está todo dito. Volvo a Ourense porque é a miña casa e a miña cidade, aínda que actualmente a observe dende os cen quilómetros que a separan de Santiago. Dende que lin A esmorga de Blanco Amor na adolescencia ou Miss Ourense de Bieito Iglesias converteuse para min nun espazo irrenunciable.
"Dende que lin A esmorga de Blanco Amor na adolescencia ou Miss Ourense de Bieito Iglesias Ourense converteuse para min nun espazo irrenunciable"
Ninguén lembra a Vicente Mallón cando morre. A un vello mestre da literatura popular, que reivindicas e reivindicaches sempre, o pulp. Eses autores que sacaban como unha novela á semana. De que maneira están presentes neste libro e por que é necesario volver reivindicalos?
Pois porque case ninguén os reivindica como se merecen. Hai anos, cando xa tiña a idea de A noite enriba na cabeza, entrei nunha librería de Braga e levei unhas cantas novelas vellas de Ross Pynn e Dennis McShade. O libreiro despediume cun abrazo emocionado. Son magníficos, pero en Portugal case ninguén os lembra. Aquí ocorre algo semellante. Os escritores de novelas baratas son auténticos proscritos. Admiro a súa honestidade e a súa capacidade de traballo. Cada vez que escoito a palabra "subliteratura" éntranme ganas de sacar a licencia de armas.
A historia galega e a americana vanse mesturando nunha estrutura dividida en tres partes, cunha narración coral. Como en Conduce rápido, hai unha trama principal, varias secundarias que se cruzan… pero a biografía de Goodis é un pouco como o fío. Foi así como pensaches a estrutura? Que diferencia as tres partes?
A novela salta de Ourense a Filadelfia pasando por Barcelona a través dalgúns movementos no tempo. Sempre traballo a fondo a estrutura das novelas, pero tampouco me obsesiona seguir un itinerario perfectamente marcado. Non está mal permitirse algunha improvisación ou perderse nesa néboa que todo escritor debe atravesar antes de pechar o desenlace da trama, como dicía Patricia Highsmith. No desenvolvemento da historia, efectivamente, fíltranse algúns datos da biografía de Goodis que me pareceron interesantes.
"Sempre traballo a fondo a estrutura das novelas, pero tampouco me obsesiona seguir un itinerario perfectamente marcado"
Volve haber, nesta novela, delincuentes de abaixo e de arriba. Entre os de arriba, xente corrupta que vende postos de traballo por cartos. Nese sentido, se Matarte lentamente estaba máis marcada pola crise e Conduce rápido por unha situación concreta (personaxes postos en situacións límite), é como se en A noite enriba volveses situar os personaxes nun sistema que se desmorona. Reacción á realidade actual, ou non necesariamente?
A novela fala fundamentalmente de literatura e do xogo de escribir. Penso que o pequeno caso de corrupción que aparece nun determinado momento da trama ocupa un lugar bastante secundario.
A poética da fraxilidade, da derrota, do fracaso. Sae naquela conversa arredor de Goodis. E é un pouco cara a onde conduce esta novela. Que non ten final feliz, precisamente. Ten que ver co que sempre defendes de non facer novela burguesa, que console á sociedade benpensante? (Tamén é cara a onde vai conducindo a historia).
O xeito en que debes enfrontarte ao desenlace dunha novela é unha decisión que vas tomando sobre a marcha. Ten moito de revelación. Entendo que A noite enriba non ten un final especialmente luminoso, pero tentei encaixalo coa atmosfera que se describe no desenvolvemento da historia.
"O xeito en que debes enfrontarte ao desenlace dunha novela é unha decisión que vas tomando sobre a marcha"
“Só tes que ir a Filadelfia e deixar que a historia colla corpo por ti. Que sexa algo orgánico”, recoméndanlle ao escritor. Ti non fuches a Filadelfia. Nin a Estados Unidos. Mais, como foi ese proceso de reconstruír a historia de Goodis?
Fundamentalmente, empreguei tres fontes imprescindibles: Goodis, la vie en noir et blanc, a estupenda biografía de David Goodis que escribiu Phillipe Garnier; Vidas difíciles, o coñecido ensaio de James Sallis sobre Thompson, Himes e Goodis, e os estudos preliminares e apéndices de Javier Coma que aparecen nas traducións españolas dalgunhas novelas de Goodis publicadas na mítica colección Black de Plaza & Janés, con aqueles debuxos portentosos de Jordi Bernet. Con todo iso sobre a mesa de traballo penso que me presentei armado ata os dentes para comezar a escribir cun mínimo de garantías.
Creo que a personaxe de Selma pode ter tanta forza na novela como a tiña a protagonista de Todo OK. Hai outras personaxes femininas ben interesantes. Podes falar de Selma, de como é e de como a construíches?
Selma é unha rapaza heroinómana e extremadamente agresiva dende un punto de vista emocional. Gustoume imaxinala como esa compañeira fiel dun escritor de novelas pulp nas últimas horas da súa vida. Creo que é un personaxe que comparte as mesmas angustias que o protagonista, aínda que carece do seu talento para a creatividade.