“Sobre os poemas de Federico -os galegos enténdese- a miña intervención foi servirlle de dicionario vivente e, -se me é permitido o dicilo- poético e discriminativo. El dicíame un verso en castelán e eu traducíao libremente ao galego, buscando, como é natural, as palabras que a el máis puideran impresionalo pola cor, o son, a evocación máxica. Se non lle gustaba algunha -pura e simplemente un xuízo poético, inmediato-, eu dáballe outras en opción e el, augustamente, elexía a que lle saía dos collóns líricos”. Isto escribiu -en castelán-, Ernesto Guerra Da Cal sobre os seis poemas en galego de Lorca nunha carta que lle enviou a Eduardo Blanco-Amor no 1949. Lembrouno o xornalista e investigador do grupo Galabra da Universidade de Santiago Joel Gómez no acto de celebración dos 80 anos da edición destes poemas que celebrou o Concello de Santiago.
A xénese dos poemas, -salientou Gómez-, foi un enigma durante 50 anos, ata que despois da morte de Blanco Amor se divulgaron os materiais en que se baseou a publicación dos mesmos, realizada pola editorial Nós, de Ánxel Casal. “A min trémeme a man -e a ánima- ao poñela sobre estes versos, que xa non nacen reliquia, para botar máis alá un acento ou traer máis acó un desmandado apóstrofo. Pero nada máis que para iso. Toda a súa naturalidade foi pulcramente respectada. A miña complicidade redúcese a un leve paso polas axetreadas cuartillas, con probidade pendolista e ortográfica. E que aínda isto me sexa perdoado!”, escribe Eduardo Blanco-Amor no limiar da edición de Nós de Seis poemas galegos, -reeditada en facsímile polo Consorcio de Santiago e Ara Solis-. Blanco-Amor conseguiu, -salientou Gómez-, que Lorca accedese a publicar os poemas e preparou a edición cunha serie de emendas.
"A miña complicidade redúcese a un leve paso polas axetreadas cuartillas, con probidade pendolista e ortográfica. E que aínda isto me sexa perdoado!”, escribiu Eduardo Blanco-Amor
Tras a intervención de Joel Gómez, comezou no acto de Santiago o recitado dos poemas con María Antonia Pérez, da asociación O Galo, que leu Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta. García Lorca “sentía admiración por Rosalía de Castro, afirmada, posiblemente, polas recomendacións de J. R. Jiménez, lector rosaliano”, segundo recolle a obra O pórtico poético dos Seis poemas galegos de F. García Lorca, de Luís Pérez Rodríguez, publicada polo Consello da Cultura.
Lorca viaxara a Galicia en 1916 e en 1932. “Carlos Martínez-Barbeito recolle algúns instantes desta viaxe, literaria e humanamente intensos. O pasmo diante da Catedral, afirmándose entre a neboeira nocturna; a Quintana, acolledora e íntima, á que Lorca bautizou co nome de praza-butaca e serviu de espacio poético ó seu poema Danza da lúa en Santiago; a Colexiata de Santa María a Real do Sar e o seu claustro, coas súas sombras pétreas de monxes e abades; a ofrenda floral a Rosalía e o momento no que lle dedica, no Café Suizo, os seus libros Canciones e Romancero gitano, con sinatura e debuxos esparexidos por entre as súas páxinas, forma que tiña Federico de alongar indefinidamente o seu afecto na presencia e memoria dos seus amigos”, conta Luís Pérez.
E foi Danza da lúa de Santiago o segundo dos poemas lidos, -desta volta, por Mauro Senín de aCentral Folque- no acto organizado polo Concello, xusto antes de que Narf interpretase, coa súa voz e a súa guitarra, Cantiga do neno da tenda. Seguiu a homenaxe aos Seis poemas galegos con Romaxe da nosa señora da Barca, recitado por Iria Sobrado, da asociación cultural San Martiño Pinario e con Noiturnio do adolescente morto, lido por Chema Díaz, da asociación cultural Cidade Vella. Rematou o acto co máis coñecido dos poemas, Madrigal á cibdá de Santiago, interpretado tamén por Narf, nunha versión estreada para o evento.
Á volta a Madrid da súa primeira viaxe a Galicia en 1932, Lorca xa levaba prefigurado Madrigal á cibdá de Santiago, o primeiro dos seis poemas. Ese mesmo ano volveu primeiro como director de La Barraca, visitando A Coruña, Compostela, Pontevedra, Vilagarcía e Ribadeo, e unha vez máis, pasando por Pontevedra e Lugo. A amizade de Ernesto Guerra Da Cal, -a quen Blanco-Amor atribúe o papel de incitador dos Seis Poemas-, foi decisiva en todo este proceso.
A amizade de Ernesto Guerra Da Cal, -a quen Blanco-Amor atribúe o papel de incitador dos Seis Poemas-, foi decisiva en todo este proceso
No 1934, Lorca viaxou a Bos Aires e Montevideo, e alí inspirouse nos emigrantes galegos para escribir Cántiga do neno da tenda. O autor de Romancero Gitano xa tiña publicado o Madrigal en El Pueblo Gallego e, cando regresou a Granada, Blanco-Amor insístelle na publicación dos seus poemas. Volve a Madrid e decide rematalos con axuda de Guerra Da Cal, que segundo subliñou Joel Gómez foi quen lle suxerira que os escribise en galego, e non en castelán como era a súa primeira intención. Os Seis poemas galegos foron editados o 27 do Nadal de 1935 en Nós, no mesmo edificio en fronte do cal se celebrou o acto do 80 aniversario.