Contos que saben a Nadal e Reis

As aventuras do Apalpador Dominio Público Praza Pública

Escintilando magnífico
encheu de puro esplendor
as miñas estancias todas
con chispas, fulguracións.

A min gustábanme ben
como el viñera adornado,
pero pensei: “Algo hai
que a este Nadal lle falta.

'O espírito do Nadal', Nancy Tillman, Ediciones Linteo.

A nosa LIX está chea de referencias ao Nadal, a figuras tradicionais como o Apalpador, os Reis ou a un tempo que reservamos á familia, ás amizades, á recuperación dos valores que este tempo representa. Neste artigo queremos facer unha recompilación das lecturas específicas deste tempo. Para levalo a cabo falamos con moitas das nosas editoriais galegas e seleccionamos unha pequena mostra natalicia de recursos de Nadal.

Así pois, sobre a figura galega do Apalpador, un personaxe que cada Nadal está máis presente, podemos atopar en álbum ilustrado O rei da Floresta, de Adela Figueroa Panisse con ilustracións de Mª Celsa Sánchez Vázquez editado por Edicións do Castro; O tesouro do Apalpador, de Jorge Rodrigues Gomesende con ilustracións de Eva Yusti Campo (autoeditado), Antón e o Apalpador, de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez con ilustracións de Francisco Ameixeiras Sánchez editado por Barafunda Editorial; O conto do Apalpador, de Lúa Sende e Alexandre Miguens con ilustracións de Leandro Lamas e editado por A Fenda Editora e O Apalpador e a castaña máxica, de Xoán G. editado por Biblos Club de Lectores.  E para mozos xa máis grandes en Urco editora a serie xuvenil Apalpador Vs Papa Noel, As aventuras do Apalpador e o tesouro dos mouros, As aventuras do Apalpador e a carballeira dos druídas e As aventuras do Apalpador e as portas do tempo.

No que se refire a Nadal, ese tempo de valores, de tradición e de familia e tamén de sorrisos comprometidos a mesma editora propón Contos estraños volume 4. Nadal Impío, todo un alegato da condición do ser humano para lectores autónomos. En Edicións do Cumio podemos atopar a clásica novela de Charles Dickens, Canción de Nadal, adaptada e ilustrada por Rosa Fuentes e protagonizada polo avarento señor Scrooge e os xa célebres espíritos do Nadal Pasado, do Nadal Presente e do Nadal Futuro. Un cálido relato que nos convida a tomar en consideración as cousas que realmente teñen un gran valor na vida. A mesma obra de Dickens pero ilustrada por Roberto Innocenti e traducida por Carlos Acevedo podémola atopar en Kalandraka para nenas a partir dos dez anos, sen dúbida, desde unha coidada perspectiva.

O espírito do Nadal, de Nancy Tillman, en Ediciones Linteo, achéganos o Nadal a través dos ollos dunha cativa, de xeito lírico e, Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal, de Antonio Reigosa e ilustrado por Noemí López sabe á gorentosa maxia do autóctono, a mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo, da man de Xerais, igual que Contos de Nadal de Manuel Rivas  ilustrado pola xenialidade de Miguelanxo Prado. A boneca e a castañeira, de Roberto Aliaga con ilustracións de Maja Celija en Oqo editora é todo un relato contra o consumismo. E en Galaxia para este tempo, unha lectura adulta de Ramón Otero Pedrayo, Contos de Santos e Nadal e O Nadal, un libro-acordeón despregable para pequenos, ilustrado por Jacobo Fernández, ademais de poñer música con Mamá Cabra e a súa Estación Nadal, estación esta que artella a diversión e constitúe, coa primavera, verán, outono e inverno, unha estación autónoma en que brincar. Conto de Nadal é tamén o nome do volume editado en Tambre, en  formato papel e en pop-up, feito por varios autores.

Os Reis Magos, tan agardados nas nosas casas, chegan en todos os formatos. En álbum ilustrado podemos atopar Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, de Chema Heras con ilustracións de Kiko da Silva editado por Kalandraka; Derradeira carta aos Reis Magos, de Fina Casalderrey na colección  Merlín con ilustracións de Hoa-Binh Melgar González, A Estrela de Oriente. Unha historia de Reis Magos de Pemón Bouzas e ilustrado por Marcos Calo. En Galaxia, ademais do libro-cd da colección Sonárbore de Mamá Cabra Xa me tardan eses Magos, con ilustración de Kristina Sabaite, no que participan importantes poetas galegos como Antón Cortizas, Gloria Sánchez, Antonio García Teijeiro e a propia Gloria M. Roel, vocalista do grupo, tamén podemos atopar a simpática e orixinal obra de teatro de Isabel Freire Aos Reis Magos non lles gustan os caramelos de menta, ilustrada por María Lires ou a clásica comedia A tempestade, de William Shakespeare.

Son estes os principais títulos da LIX sen prexuízo de que poidamos sumar algún máis que pola súa temática son acaídos para o inverno ou que nalgún intercalen ou fagan referencia  a agasallos e tempo de preparación destas datas.

As aventuras do Apalpador Dominio Público Praza Pública
Aos reis magos non lles gustan os caramelos de menta Dominio Público Praza Pública
Trece noite, trece lúas Dominio Público Praza Pública
Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis Dominio Público Praza Pública
Canto de Nadal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.