Chévere estreará Eroski Paraíso, a súa nova montaxe, o próximo mes de marzo. Trátase dun diálogo xeracional que furará na transformación da sociedade nas últimas décadas. Como pano de fondo, estarán as salas de festas que xa non están e foron substituídas por centros de consumo. Iso pasou en Muros, iso pasou coa Sala Paraíso.
"Ese contraste de visións serve para percorrer a transformación que viviu a sociedade nas últimas décadas na que se produciron cousas como que as salas de festas se transformaron en centros de consumo”
Un diálogo xeracional, a transformación da sociedade e una antiga sala de festas reconvertida nun supermercado. Estas son as claves do que será o novo espectáculo do grupo Chévere, Eroski Paraíso, montaxe cuxa estrea está prevista para o mes de marzo. O punto de partida da obra reside nunha parella que, a finais dos anos oitenta, se coñece na Sala de Festas Paraíso de Muros, local que acaba por pechar e ser substituída por un supermercado. Despois, os dous traballan entre os estantes e as caixas rexistradoras que sepultaron a pista de baile e a barra daquel lugar onde comezaron a ser mozos. E co transcorrer dos anos, os dous pasan a ser tres ao teren un fillo (ou filla) cuxa mirada percorre a historia que separa o Paraíso do supermercado. Tamén o que puido ser e non foi. Para ela, Para el. Por suposto, para os dous. E todo filtrado coa mirada do rapaz ou rapaza que trouxeron ao mundo. Así prende a mecha, logo vén todo o demais. “Pero o que non vén é a historia da discoteca. Esta non é unha obra sobre a sala Paraíso de Muros. Propoñemos un diálogo xeracional entre a perspectiva de xente de 50, a idade que temos nós, e xente de 25 anos. Ese contraste de visións serve para percorrer a transformación que viviu a sociedade nas últimas décadas na que se produciron cousas como que as salas de festas se transformaron en centros de consumo”, resume Xesús Ron, o director da montaxe.
Patricia de Lorenzo será ela. Miguel de Lira, el. E o fillo ou filla? Aínda está por decidir. “Non temos moito contacto con intérpretes de menos de 25 anos”, recoñece Ron. Ese foi o motivo polo que decidiron realizar un novidoso proceso de escolla: un obradoiro dirixido para actores e actrices menores de 25 anos. Dous días de convivencia e intercambio -artístico e xeracional- que a compañía desenvolveu a semana pasada cun total de 14 persoas, nove mulleres e cinco homes. “Foi unha experiencia que podiamos definir como un obradoiro de prácticas de creación escénica”, aclara Ron, quen lembra que Chévere xamais quixo facer “un casting competitivo”. “Nós non traballamos con esa fórmula, o noso proceso creativo fai inviable un casting. Nós non temos biblia, nin un proxecto pechado cando comezamos os ensaios. As pautas son un pouco vagas e, dende logo, non queremos que un actor se amolde ao personaxe, senón que o personaxe se adapte á persoa”, apunta o director.
“Foi unha experiencia que podiamos definir como un obradoiro de prácticas de creación escénica”, aclara Ron, quen lembra que Chévere xamais quixo facer “un casting competitivo”
En total, a compañía recibiu 45 solicitudes. Escolleron 14 a través do currículo e a gravación que cada un dos aspirantes presentou ao proceso. Gran parte dos presentados pasara pola Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), por escolas municipais como a de Narón ou por centro privados como os composteláns Espazo Aberto ou Pábulo. Tamén xente do teatro afeccionados (de formacións como Airiños de Rianxo) e das aulas de teatro universitario, principalmente de Santiago e de Ourense. Ese é, talvez, o retrato robot e urxente que podemos trazar.
O obradoiro constituíuse en varias partes, comezando por un achegamento ao mundo Chévere a través de vídeos da historia do grupo (principalmente de obras como Testosterona e Citizen), seguindo por exercicios de fonética e unha presentación individual na que cada un dos actores e actrices lembraba a primeira vez que pisaron unha discoteca. Ese foi o inicio, a partir de aí chegou o traballo en grupo e as improvisacións. No fondo, o obradoiro significou -en palabras de Ron- “reproducir o traballo de Chévere”.
“O gran formato é inviable”
A historia pivotará así nun trío protagonista, o formado por esta familia de tres patas e completada por un cuarto intérprete. Deste xeito, Chévere volverá a un pequeno formato despois de traballar nos últimos anos con elencos máis amplos, como aconteceu de montaxes como Eurozone ou Ultranoite no país dos ananos. “Hai unha reflexión que fixemos e resulta que, agora mesmo, énos imposible realizar formatos de tanta xente con garantías. A cousa non foi a mellor nestes anos nin parece que vaian ir. Todo vai a peor e non vimos a posibilidade de viabilizar un gran formato”, explica Xesús Ron sobre a situación en xeral e tamén en particular dunha compañía que en 2014 recibiu o Premio Nacional. “Temos que pensar que a contratación actual nas redes se sitúa na metade do ano 2011 e que temos o IVE que temos. Todo iso está presente e a compañía ten que realizar proxectos sen ceder nas esixencias. Temos que reducir os custes de distribución para poder optar a unha xira en condicións. En definitiva, o gran formato resulta inviable”, engade o director.
"Temos que reducir os custes de distribución para poder optar a unha xira en condicións. En definitiva, o gran formato resulta inviable"
Non obstante, non todo vén da situación actual -ou perpetua- de crise no teatro. Tamén se manifesta nesta nova produción unha serie de intencións artísticas que, por así dicilo, conforman un regreso ás orixes e a traballos anteriores como Citizen Primeira parte, na que só había dous actores en escena: Manolo Cortés e Patricia de Lorenzo. “Hai compoñentes creativos tamén nesta decisión. Queriamos facer un traballo cos nosos actores, facer un traballo máis profundo. Cando fas obras, digamos máis corais, perdes a fondura en cada interpretación. E tamén queriamos poñer en valor o traballo dalgúns profesionais que representan Chévere, nomeadamente Miguel e Patricia”, afirma o director dunha montaxe cuxo texto corre a cargo de Cortés.
Tamén se manifesta nesta nova produción unha serie de intencións artísticas que, por así dicilo, conforman un regreso ás orixes e a traballos anteriores como Citizen Primeira parte, na que só había dous actores en escena
E aínda hai outra lectura: o Premio Nacional. Tal distinción tamén ten os seus contras, as súas obrigas, as súas presións. “Danche este premio e que fas? Tes que preocuparte da mobilidade, tes que estar en condicións de saír fóra. Vémonos obrigados a saír, porque ou se fai agora ou non se fai nunca. E nós, fóra non somos competitivos e menos seriamos cun gran formato”, sinala Ron que, malia recoñecer todas estas eivas, admite que en Chévere son uns “privilexiados.” “Vimos de facer unha xira por América”, sinala. Un fito que se debe unir ao Premio Nacional e o percorrido no exterior de montaxes como Citizen a nivel estatal ou de Eurozone, que se converteu na primeira montaxe dun grupo galego en facer parada no Centro Dramático Nacional.
“Parálise da administración”
“Temos un contraste moi grande entre o que estamos a facer entre todos e a parálise da administración”, sintetiza Ron
O panorama que retrata Ron non é novo. Nin sorprende a ninguén. Non por ser un tópico deixa de ser verdade que a escena sempre estivo en crise, sobre todo nestes tempos. A aquel que vaia ao teatro notará que os actores foron desaparecendo dos escenarios. No CDG case nin se lembra o que é un gran formato e as súas montaxes foron esmorecendo a elencos de catro ou cinco actores. Que a crise segou demasiado e que o IVE arremete contra case todo -agás os touros, a pornografía e pouco máis- dáse xa por sabido. Non obstante, algo parece ser que cambiou en todo o embrollo: movemento no sector. “Temos un contraste moi grande entre o que estamos a facer entre todos e a parálise da administración”, sintetiza Ron.
O director refírese a certas iniciativas que tiveron lugar nos últimos tempos no seo da profesión. Apareceron novas compañías con gran proxección -ilMaquinario ou A Panadaría-, Escena Galega viviu unha sorte de rexurdimento ao dobrar o número de compañías afiliadas e dende o conxunto das asociacións profesionais estase a traballar nunha proposta de Lei de Artes Escénicas. E aí chega outra novidade, segundo Ron: “Hai actividade no sector, pero non dende a queixa”.