A realizadora Xisela Franco vén de gañar, poucas semanas despois de ver recoñecido no Curtocircuíto o seu traballo Cruz Piñón, a bolsa de produción Artistas 2015 do MARCO. Nesta entrevista, na que repasamos toda a súa obra, demanda novos xeitos de facer cine dentro da arte contemporánea. O seu, conta ela, sérvese do cotián, do próximo, imaxinando a súa posibilidade poética. Para ela, explica, "facer cine é un xeito de coñecer o mundo, unha forma de explorar achando as figuras literarias ao meu alcance". Tamén de aprender "a amar".
Vés de gañar a bolsa de produción Artistas 2015 do MARCO, cun proxecto que foi presentado como unha volta ás orixes do cine. En que consiste?
Trátase dunha exposición individual con dotación económica para produción que se situará no espazo Anexo do Marco en 2016. É inspirador acudir ás orixes e ao pre-cine porque alí atópase a linguaxe do cine na súa posibilidade inicial, antes de restrinxirse á sala de teatro e de definirse como industria. E desde logo antes de que se edificase o MRI -modo de representación institucional-. Previamente ao cinematógrafo houbo un mundo fascinante de lanternas máxicas ou aparellos como o praxinoscopio, o zootropo, o fenaquitiscopio, que xogaban coa ilusión de movemento. A cronofotografía explorou e descompuxo o movemento, alá por 1880, e vemos en Muybridge ou Marey un interese científico paralelo a un traballo de gran valor artístico.
Para a exposición do MARCO traballo con estes precursores como punto de partida estético. Acudir ás orixes é unha escusa que me serve para posibilitar un espazo creativo propio en que xerar imaxes contemporáneas. E facelo liberada da única pantalla frontal do cinema convencional. Ao tempo, con esta exposición demando un espazo para o cine, novos xeitos de facer cine dentro da arte contemporánea. Aínda estamos na arribada da linguaxe do cine aos espazos da arte, aínda que o vídeoarte exista desde os 70 e as vangardas ou o cine experimental xa se achegaran antes.
“Aínda estamos na arribada da linguaxe do cine aos espazos da arte, aínda que o vídeoarte exista desde os 70”
Tamén gañaches o premio ao mellor guión en Curtocircuíto por Cruz Piñón, un proxecto que naceu no Chanfaina Lab. Por que escollestes contar a historia de Cruz?
Enmárcase esta curta dentro dunha iniciativa do Concello de San Sadurniño, organizada por Manolo González, que invitou a un grupo de cineastas galegos a que gravasen alí durante dous días unha película cada un. A coordinadora da Aula Cemit -de aprendizaxe informático- presentoume a Cruz Piñón. Ese mesmo día acabamos na súa casa, que estaba chea de cadros e obxectos marabillosos feitos por ela. Ao día seguinte estivemos gravando o seu día de traballo no campo e cos animais, nunha liña cándida e observacional que adoito empregar. Acompañoume a miña amiga Anxela Caramés que fixo o son.
Comecei a editar sen saber moi ben que forma tomaría, como tantos dos meus proxectos que atopan a narrativa na montaxe. Gústame chamalo “cine de proceso”. Non hai guión previo senón que nace no proceso coa maxia do instante. Previamente non teño idea de como quedará nin a orde da historia, vexo bloques ou unha constelación de imaxes informe. Confío neste xeito de lanzarme ao baleiro e creo que se nese proceso se dá a maxia dun continuo atopar é porque existe un profundo amor ao cine e ás persoas, á vida. O acto de capturar o real é todo un ritual de amor ou amizade. O real está alí e revélase como posibilidade poética. Sexa unha paisaxe, ou como neste caso un ser tan humano como Cruz, unha muller exemplo de amor e vontade de traballo. A labor de montaxe, á vez que unha aproximación estética ao proceso é un labor profundamente ética na que hai unha continua negociación coa maneira de contar a historia.
“O acto de capturar o real é todo un ritual de amor ou amizade. O real está alí e revélase como posibilidade poética”
No aspecto da montaxe, Cruz Piñón (2015) ten algo que ver con Día 13 Xullo e día 12 de Agosto: Díptico vertical (2014): a pantalla partida. Tamén algo na temática. Cal é a relación entre estes dous filmes?
Teño feito varias pezas en forma de díptico que en orixe estaban pensadas para galerías ou exposicións. Algunhas acaban indo a festivais como unha soa peza e outras mantívenas como dípticos na súa versión para festivais. É o caso de Cruz Piñón e Día 13 Julio y día 12 de Agosto: Díptico Vertical, que me gustou deixalas así, con dúas pantallas frontais máis pequenas.
Cruz Piñón e Díptico vertical non as pensara nunca como relacionadas a nivel temático. Ambas son unha exploración persoal da vida e ambas están narradas con dúas pantallas. Unha é en terceira persoa, o retrato de Cruz, e outra en primeira, dúas tardes de verán. O que as une é o ollo que as retrata, quizais unha grafía, a propia, que se aproxima ao mundo desde as emocións. En Díptico Vertical o discurso é íntimo e feminino, por momentos sexual, hai unha aproximación ao obxecto (a paisaxe, ao amante) a través do desexo e do erotismo. En Cruz Piñón sigo sendo eu a que observo, hai unha mirada poética tamén, pero sitúome no respecto a unha muller madura, Cruz, que se supera a si mesma e se empodera. Creo que case todo o que fago é autobiográfico, aínda que sexa máis ou menos evidente.
“Creo que case todo o que fago é autobiográfico, aínda que sexa máis ou menos evidente”
Cruz descobre un mundo novo en internet que lle permite expresarse como artista que é. Hai nesta curta dúas cuestións. Unha, a convivencia entre o mundo rural tradicional e o mundo "moderno" das novas tecnoloxías. E o papel de vangarda que poden ter as mulleres nese encontro. Por outro, a descuberta, por parte dela, doutro "mundo", no que é coñecida e recoñecida como artista/artesá. A apertura ao exterior. En cal destes aspectos queriades incidir?
Cruz é valente, unha loitadora. Esta curta é un elemento máis na súa andaina cara á conquista propia. Eu cheguei e retratei o que había. Ela xa tiña unha participación moi activa no proxecto web Fálame de San Sadurniño. Creo que o feito de terse aberto ao mundo a través das novas tecnoloxías sumoulle amigos. Pero sobre todo permitiulle aprender cousas novas de si mesma, descubrirse e alumar o seu potencial creativo como muller. A través de tutoriais aprendeu cousas útiles para ela, engadindo a súa propia creatividade, o que potencia a autoestima. Isto sucede porque nela está esa necesidade expresiva, froito de todo o amor que ten dentro para dar. Cruz é muller, nai, labrega, pero tamén internauta, exploradora, artista.
A valentía de Cruz creo é representativa dun modelo que existe, neste caso é da muller rural galega que se ocupa das súas propias leiras e animais, atende a casa e é un todo-terreo, pero a isto súmase a chegada das novas tecnoloxías. Elas, xubiladas ou non, teñen instinto por realizárense e inscribirse no novo mundo, dá a impresión de que elas queren seguir aprendendo e vencen o medo. Internet é algo moi positivo neste sentido de abrir o rural. É certo que as mulleres teñen un papel vital para a asimilación do ordenador e internet nas casas. Os fillos ou netos traen esas novas tecnoloxías ao fogar, o ordenador, o teléfono móbil, a cámara, pero son elas as que as integran no cotián máis rápido que os seus homes.
“As mulleres teñen un papel vital para a asimilación do ordenador e internet nas casas”
En Hyohakusha: Camiñante sen rumbo está o encontro entre a cultura galega e xaponesa. A través de haikus. Por que? Cales son eses puntos de encontro entre as dúas culturas que queriades destacar?
Esta película foi feita para unha exposición sobre Xapón, Lost&Found. Archivos Recolectados, comisariada polo Festival S8. Foi unha curta codirixida con Anxela Caramés, feita en menos de dous meses. Ambas tiñamos interese previo por Xapón e coñeciamos os haikus de Basho. Anxela chegou un día cos libros Eloxio da Sombra e Oku No Oshomichi. Despois entrevistamos a xaponeses que atopamos por Galicia, sobre todo mulleres. Todos os entrevistados coincidían en que Galicia e Xapón tiñan moito parecido, e no libro de Basho atopabamos unha viaxe de peregrinación dun poeta ao norte do país, semellante a un diario de peregrinación a Santiago. O mar, os alimentos, as paisaxes coa néboa, as camelias, os bambús, a ambigüidade dos galegos que responden cunha pregunta, eran elementos que se repetían na análise dos xaponeses en Galicia.
Logo apareceron as películas que nos descubriu Ángel Rueda, que nos puxo en contacto con Megumi Shiozawa, xaponesa cuxo marido, Ignacio Galiana, tivera gardadas esas bovinas do seu pai, que viaxara a Xapón en 1973. Nesas imaxes aparecían lugares que estaban nomeados no libro de Basho. Gravamos logo en dez carretes en Super 8 na costa da ría de Vigo, para confundir Galicia con Xapón. Despois pedímoslle a un amigo do meu irmán, xaponés tamén, que lese fragmentos do libro de Basho. A historia revelouse en montaxe. Logo fixemos a outra película paralela que era unha selección de planos secuencia ou vídeos do teléfono que intercambiamos Anxela e eu.
Este filme utiliza películas antigas en Super 8, construíndo un relato que conecta o pasado co presente. Con que obxectivo?
Hai un xogo entre o pasado e o presente, entre Galicia hoxe e Xapón nos anos 70. É unha historia, a da viaxe de dous turistas galegos en Xapón, pero tamén a do proceso creativo das propias cineastas. É unha película de metraxe encontrada (found foootage), pero sobre todo hai unha interpretación desa historia e unha achega da mesma ao presente. Para os que lle guste Xapón, a nostalxia do paso do tempo, as paisaxes, os haikus, penso que é unha historia bonita. Contemplativa e literaria tamén.
Vía láctea utiliza película en 16 mm e tamén, como Hyohakusha, restos de películas antigas, que proxectas sobre a imaxe da nai coa filla facendo como cadros abstractos. A peza transmite forza, beleza... Cal era o seu obxectivo?
Vía Láctea é unha interpretación contemporánea en vídeo dunha virxe lactante, unha aproximación autobiográfica á maternidade. Aínda que se inspira nas virxes da pintura, enmárcoa na propia experiencia. Hai sons de ventos, o corazón distorsionado da miña filla cando aínda estaba no meu ventre... Son nai e non idealizo a maternidade. Durante os dez meses que dei o peito sentinme privada das cousas máis básicas. A miña filla é o amor da miña vida pero a verdade é que non houbo tregua ata que descubrimos que era intolerante á lactosa. Coidala é puro amor pero tamén total sacrificio. Nesta obra enmárcome no cine procesual.
O proceso íntimo de facelas, como experiencia, como “coñecer o mundo”, permite que naza a obra, sen uns obxectivos senón nun continuo “achar”, “desvelar”. Hai unha parte importante de deriva, onde traballas sen rumbo claro pero confías no inconsciente. Só a posteriori ou quizais avanzado a montaxe poño tomo distancia para entender o que fixen. A miúdo necesito expresar algo e non penso nun obxectivo, polo menos ao comezo. Voume deixando levar pola circunstancia de cada asunto que escollo comezar. Sírvome do cotián, do próximo, e imaxínoo na súa posibilidade poética, servíndome da capacidade para “capturar e transmitir o real e o discorrer do tempo” que ten o cine. É unha experiencia persoal que nesta película e noutras aproxímase a escribir un poema, no sentido de que a cámara teña unha expresión íntima que en esencia busca o feito mesmo de escribila.
“Sírvome do cotián, do próximo, e imaxínoo na súa posibilidade poética, servíndome da capacidade para 'capturar e transmitir o real e o discorrer do tempo' que ten o cine”
Aadat é a muller saharauí e a súa forza no medio do deserto. Unha muller que non vemos narra a historia da resistencia do pobo saharauí. Mellor vivir no deserto que sometidos aos marroquís. Oímolas falar, cantar. Que quixeches salientar?
Nesa película, codirixida con Noé Rodríguez, o meu compañeiro tantos anos, eramos moi novos os dous, estudabamos filosofía e estabamos seducidos pola fenomenoloxía de Husserl. Viñamos de estudar cine previamente e a nivel formal sentiámonos perto do documental observacional, poético e experimental. Quixemos rodar en 16mm e fixémonos cunha Arriflex Sr da universidade. Fomos un pequeno equipo de cinco amigos.
Aadat significa modo de vida. Lemos durante meses sobre o pobo saharauí, tamén dende a antropoloxía. Quixemos retratar algo da súa cultura, a importancia da tradición oral, o protagonismo da muller. As mulleres nos campamentos asumen o coidado do fogar e a educación, son profesoras, médicos, son as que organizan e dirixen os campamentos. Se Aadat ten algo de interesante como película é grazas a elas, froito do respecto que imprimiron en nós, admirados pola historia e vontade daquel pobo, da súa forza matriarcal. Aadat ten una beleza e verdade que quizais non voltei acadar. Mediante unha aproximación poética, universal, non informativa, levamos a inxustiza saharauí a lugares que non sabían nada dese conflito.
“As mulleres nos campamentos asumen o coidado do fogar e a educación, son profesoras, médicos, son as que organizan e dirixen”
En Camerún al Norte (2012) é un home o que nos conta a historia. Precisan pozos. As mulleres e os nenos camiñan cada día varios quilómetros para conseguir auga. É unha historia sobre a importancia da auga para a vida. Sobre un xeito de vivir. Era a idea?
Camerún, al Norte é unha viaxe que emprendo cunha ONG viguesa para a construción duns pozos de auga potable. Tiven que atopar un equilibrio entre a miña tendencia ao documental experimental etnográfico e a evidente necesidade de facer un documento descritivo que lle servise á ONG para recadar fondos. Foi unha experiencia dura. Tamén veu a miña parella que me axudou co son ou a produción e foi un apoio decisivo. En dez días alí de rodaxe tiven que apostalo todo a unha soa vez, estar alerta e tentar comunicar con claridade, respectar ao “outro”, ter empatía. Gravei todo o que puiden en Rei Bouba, unha cidade moi pobre, e tamén fomos aos pobos próximos de Maio Rei. Falamos con xente, visitei chozas e intentei retratar o problema do auga e a súa maneira de vivir.
Doutra banda están as dúas entrevistas co rei de alí. Foi como trasladarme á Idade Media en costumes. Un home sen cuxo consentimento sería imposible facer nada, e cuxo pobo debe renderlle preitesía. Mais o meu labor non era xulgar unha sociedade. Debía facer o traballo e sobrevivir co meu propio grupo, desesperado ao haber problemas coa chegada de alimentos e material para facer os pozos. Cando rematou a miña estancia chegou o último contedor e comezou a construción dos pozos, por iso a película acaba aí. Iso permitiume poder centrarme no seu modo de vida, na escaseza de auga. Esas son as preguntas que lle fun facendo ao Rei Abubakary e cuxa voz decidín utilizar para articular a historia. O proxecto foi un éxito e construíronse 25 pozos.
Santiago, olladas de perfil (2015) preséntanos a cidade: a pedra, a auga -outra vez, a auga e como nos condiciona-, os oficios femininos, a historia -o poder da Igrexa, a represión…-. É unha achega diferente a Santiago, con nada de postal turística, contada por Encarna Otero. A ela só a vemos un momento. Pero escoitamos a súa voz. Como en Aadat coa muller saharauí. Por que?
Esta peza xurdiu para unha exposición para a Cidade da Cultura sobre O Camiño de Santiago. Escollín a Igrexa de Santa Susana. Coñecía a Encarna por un ciclo de cine de muller que organizara no CGAI. Mostrouse disposta a colaborar. Púxenlle un micrófono de gravata mentres me levaba de paseo por Santiago. Na súa casa tamén a entrevistei. Centrámonos nas profesións femininas do pasado, as augadoras, as lavandeiras, as mesoneiras, as prostitutas... Fun gravando imaxes en vídeo en dous fins de semana de francotiradora solitaria en Santiago, de noite, chovendo, ao amencer. Buscaba capturar a poesía que se esconde no cotián da urbe, as súas formas, as súas xentes, o seu ritmo.
Ao comezo a protagonista era Santa Susana. Gravei en Super8 as teas que envolvían as reliquias dentro do museo da catedral, tamén imaxes da propia santa, pero eses dous carretes veláronse. Despois de varios intentos por solicitar permiso para entrar na igrexa, por fin conseguín ir alí coa sacristá. Pero a chave non funcionou. Pensei que a santa se escorría coma se non quixese ser descuberta. Non insistín. Ao tempo Encarna íase asentando como a protagonista. Nunha entrevista na súa casa fixemos un visionado dunha montaxe en bruto do que eu gravara e ela ía improvisando o que as imaxes urbanas, históricas dunha cidade antiga, lle evocaban. Volvín gravar outro fin de semana só en Super 8 a cidade e o monte de Santa Susana. Tamén buscaba gravar mulleres pola rúa hoxe, en Super8.
No sentido do documental social vai tamén SOS comuneiros de Cabral, sobre o conflito que veu das especulación urbanística. Reivindica o monte en man común, pero tampouco se idealiza -non agocha, para nada, o conflito-. Como foi ese proceso de atopar o equilibrio entre as dúas cousas?
SOS Comuneiros de Cabral foi unha reportaxe apresurada para dar voz a un amplo sector dos veciños de Cabral contra a construción dun macro centro comercial nesta parroquia, sobre un monte veciñal que é pulmón para a cidade de Vigo. O meu compañeiro Alfonso Álvarez estaba terminando unha tesiña sobre o tema dos montes veciñais. A miña familia vive en Cabral e informábanme dos desmáns dunha xunta reitora de modos caciquís que quería vender o monte, que é propiedade comunal. Urxíalles un vídeo que explicase o que estaba ocorrendo, aquilo do que os medios locais non falaban. En tres semanas rodeino e editei, con entrevistas a comuneiros opositores, a usuarios do Parque Forestal, ao avogado Nemesio Barxa, a políticos de IU, BNG, e AGE.
O punto de vista non quere ser imparcial porque a propaganda a favor era un goteo sistemático. Contamos a versión non contada nos medios. Hai moitas comunidades de montes que funcionan ben, pero esta non é o mellor exemplo. Isto ocorre porque é das que manexan máis cartos de Galicia. Queren vender o monte a unha empresa privada para un mega centro comercial. O documental foi un proxecto para os veciños, feito sen un peso. Entristéceme ver os veciños divididos por este tema, que trouxo pelexas e ameazas. O vídeo mostrouse en Cabral, había 200 persoas da parroquia, moitos veciños decatáronse mellor do tema. Saímos en prensa criticando a propia prensa. A votación gañouse, aínda coas tretas da xunta reitora para controlar os votos. O presidente da comunidade ten varias denuncias, ademais.
Anima Urbis é a unha longametraxe experimental, un film de diario…
Anima Urbis é unha película feita dun arquivo de material de 300 horas que fun rexistrando durante máis de tres anos habitando Toronto. Rodar era unha escusa que me daba razóns para saír a observar a rúa en Canadá, desprazándome por diferentes temas e lugares da miña investigación como eran a revolución dixital, a sociedade de consumo, o multiculturalismo, a cidade posmoderna. Buscaba unha aproximación dende a etnografía urbana. Esa observación exterior da vida cotiá en Toronto, finalmente completouse con gravacións e confesións no meu espazo privado, o meu apartamento. Tiña que mostrar o miña condición de individuo en soidade, acentuar o eu máis nostálxico. O que pretendía ser unha película de etnografía urbana, observacional, acabou incorporando un compoñente forte de autoetnografía.
Hai un interese pola poesía, subxace a miña idea da razón poética de María Zambrano. Hai tamén unha continua experimentación coa materialidade da película, a súa proxección, e o uso do Super8 e 16mm, así como o seu revelado. Supervisaba o proxecto Phil Hoffman, un dos pais do cine de diario en Canadá. Anima Urbis é un paseo por Toronto nas súas distintas estacións, pero tamén un percorrido polos sentimentos contraditorios dunha galega chegando aos trinta fóra da súa orixe e da súa familia. Móstrome demasiado vulnerable, non me gusto, por iso dáme pudor esta película cuxo sentido foi o proceso. A película ten carencias pero creo que ten momentos orixinais e bos, e máis tendo en conta que foi feita entre 2006 e 2009. Só se mostrou no Festival PlayDoc.
Es licenciada en Comunicación Audiovisual e Humanidades. Foi na túa estancia en Canadá onde se produciu ese encontro entre o audiovisual e a arte ou tiñas claro desde o principio que era o que querías? Os traballos que fixeras antes para televisión eran máis xornalísticos. Aínda que neles xa estaba bastante a memoria, as mulleres...
Estudei Comunicación Audiovisual pero logo dediquei tres anos a licenciarme en Humanidades (2001-2004), e centreime nun itinerario en Historia da Filosofía. No campo profesional, tiven claro desde o inicio que me interesaba o documental. Sabía que todo documental era unha construción e interesábame a poesía que subxace ao real. Xa en 2003 fixeramos Aadat. O que ocorre é que coa nosa produtora, Epojé Films, en Madrid, o meu socio e eu tivemos que pensar en sobrevivir, e pola nosa formación académica encargáronnos documentais de historia para televisións (TVE, Canal Historia). Aquí en Galicia tamén realicei documentais de historia. Fixemos e aínda fago docus divulgativos para a tele, pero sempre existiu unha negación interior do discurso obxectivista de achegamento á realidade.
A filosofía preocúpase polo real, a ontoloxía e epistemoloxía explícannos como é o mundo. Ten moita relación co xeito de coñecer o mundo do cine. A historia da filosofía, que te achega a cada autor e ao seu universo, é moi útil para reflexionar sobre a natureza do cine, do documental, do real. Os meus referentes da filosofía eran case todos homes, pero estaba Zambrano, e outras escritoras, poetas ou pintoras. Ao longo da miña vida fun tomando conciencia da invisibilidade das mulleres na historia. Á vez que fixen traballos máis convencionais, realicei paralelamente as miñas pezas persoais, máis artísticas, onde exploro a poesía do cine con liberdade. Non é un cine feminista pero ten unha mirada de muller, porque é autobiográfico.
“Fixemos e aínda fago docus divulgativos para a tele, pero sempre existiu unha negación interior do discurso obxectivista de achegamento á realidade”
Dos premios e recoñecementos en festivais internacionais que recibiches, cales son os máis significativos ou importantes para ti?
Sen dúbida neste sentido a película Aadat foi abrir as portas a un mundo que intuíamos pero non tiñamos en Madrid, onde a Enana Marrón era practicamente a única sala de cine underground e para traballar en 16mm tiñas que pasar polos circuítos profesionais. Aadat foi feita sen orzamento pero foi seleccionada nas seccións oficiais de Leipzig International Filme Festival, na Bienal de Cine Europea, en Images Festival de Canada, no Festival de cine e Dereitos Humanos de Brasil, e en España en LÁlternativa, Zemos 98, e noutros festivais, e foi premiada en varios festivais, incluído o premio do Publico no Sáhara, un premio que significou moito para min. Tamén foi importante o premio de DocumentaMadrid. Déronnos o premio Cidade de Madrid ao mellor documental español. Mover esa película con éxito abriunos os ollos a un mundo exterior, en 2004.
Decidimos a miña parella e socio naquel momento, Noé Rodríguez, buscar o xeito de irnos a vivir a Canadá, onde nos pareceu que o cine de vangarda era vibrante. Solicitamos unha bolsa de posgrao xenerosa que nos concederon -eu con Fundación Caixa Galicia e o el con La Caixa-. E así acabei vivindo catro anos en Canadá, de 2006 a 2010, experiencia que sen dúbida me definiu porque alí coñecín a parte da comunidade de cineastas e artistas de Toronto, así como recibín clases de xente que admiro. Tamén dei clases na universidade de York, unha materia de Filme Art da que era Teacher Assistant do teórico John MCulough.
Recentemente recibín galardóns en Curtocircuíto, así como en CineMística, (con Hyohakusha), un festival marabilloso en honor a Val do Omar. Tamén fomos seleccionadas no Montreal Underground Film Festival ou en Festival Carlos Velo. En 2015 solicitei unha axuda de talento a Agadic e foime concedida, e estou terminando un documental sobre a última batea de ostra de ría de Vigo, máis ben sobre a súa bateeira. Espero que a bolsa do MARCO me sirva de punto de partida para encaixarme mellor como cineasta dentro da arte contemporánea. O cine de museo é o meu tema de doutoramento e aínda que non atopo tempo para centrarme a escribila, a nivel práctico investigo con cada exposición que preparo.
Participaches en exposicións colectivas como Traza Urbana: visiones de un hogar público ou Memoria Intermitente. Conversas dende a ruína ou Olladas de Muller sobre Maruja Mallo e na Galería Atlántica de Coruña co Colectivo Intermitente. Queres falar dalgunha das túas achegas para estas mostras? E Eclecticismos?
Si participei en exposicións, algunhas co Colectivo Intermitente do que formo parte -hoxe un pouco desmembrado, temos que darlle forza pero estamos todos moi ocupados- na Galería Atlántica de Coruña, ou en espazos ou mostras. Resaltaría unha exposición sobre Maruja Mallo para o Museo Provincial de Lugo. Outra exposición que me fixo moi feliz foi Lost Found. Arquivos Recolectados no Espazo de Arte de Normal, sobre Xapón e Fukushima, comisariada polo Festival S8 cuxos pais, Ángel Rueda e Ana Domínguez, apoiáronme nos últimos anos.
Para esa expo codirixín con Anxela Caramés Hyohakusha, que funcionou moi ben exposta nese espazo como díptico pero tamén en festivais como película dunha pantalla. Máis recentemente expuxen varias obras en Eclecticismos na casa das Artes de Vigo, un espazo fantástico que creo debería reactivarse e por exemplo abrirse xeneroso a artistas da nosa cidade. O meu traballo para galerías ou museos permíteme explorar o cine liberado da pantalla tradicional, enmarcado no espazo por onde o paseante camiña, ou se detén.
“O meu traballo para galerías ou museos permíteme explorar o cine liberado da pantalla tradicional”
En xeral, que é para ti o cinema, é dicir, como o entendes, cal é o teu proxecto?
Para min facer cine é un xeito de coñecer o mundo, unha forma de explorar achando as figuras literarias ao meu alcance, tamén de aprender a amar. Teño 37 anos. Levo 15 anos de escritura cinematográfica adulta. Pero moitos anos previos de ensaio amateur, dende a infancia agarrada a unha cámara como a un bolígrafo, e hei ir atopando unha linguaxe válida, o propio, coa que canalizo a necesidade de expresarme. Gústame xogar a construír discursos con imaxes, unha linguaxe total, o audiovisual. Se existe unha verdade esta só se atopa na poesía que subxace ao real.
"Para min facer cine é un xeito de coñecer o mundo, unha forma de explorar achando as figuras literarias ao meu alcance, tamén de aprender a amar"
Algo máis que queiras salientar, ou algo de proxectos novos nos que esteas a traballar?
Estou a traballar nun proxecto que ten que ver coa visibilización das mulleres no audiovisual. Xa poderei contar máis porque está en xestación, pero adianto que Beli Martínez, camarada e produtora do Novo Cinema Galego, tamén profesora de cine da Universidade de Vigo, me acompaña nesta aventura. Temos o apoio da Deputación de Pontevedra e por iso estamos a facer un mapeo de todas as cineastas vinculadas a esta provincia. E xa con iso temos moito traballo porque cando saes en busca destas cineastas aparecen moitos máis nomes dos que dan as cifras. Hai creatividade ensombrecida a raudais, e temos que facer a nosa achega ao problema.