A dramaturxia contra a invisibilidade

'O refugallo', de Berrobambán e Bichakadela © Berrobambán

“Hai un contraste moi grande entre o que estamos a facer entre todos e a parálise da administración. O sector está moi activo”. Con estas palabras, o director teatral Xesús Ron, referíase a semana pasada en Praza aos pasos que se producen dende hai meses no seo das artes escénicas. Algo esta a moverse: a elaboración dunha proposta da lei de artes escénicas, o fornecemento de Escena Galega ao dobrar o pasado verán o número de compañías que aglutina ou o estoupido de novas formacións como son A Panadaría ou ilMaquinario.

A todas estas circunstancias hai que unirlles a creación dunha asociación profesional de dramaturgos e dramaturgas que en próximas semanas se dará a coñecer. Este colectivo únese así ao asociacionismo profesional no sector, do mesmo xeito que con anterioridade xa o fixeron os actores e as actrices na AAAG -que vén de cumprir trinta anos- ou as compañías, reunidas na asociación Escena Galega. Agora, os autores e autoras dramáticas buscan a unidade para facer fronte ás dificultades que atopan no seu desenvolvemento profesional.

Os atrancos son xa coñecidos e, probablemente, comúns para o resto de profesións dentro das artes escénicas. “Hai unha falta absoluta de promoción, non hai encontro entre os profesionais e, dentro do sistema editorial, resulta case imposible que se publique un texto dramático. Tampouco se atopan espazos de formación, agás en contadas ocasións, e institucións como o Centro Dramático Galego, fóra dos tempos de Cristina Domínguez, non se preocuparon por traballar a formación dos dramaturgos”, explica Santiago Cortegoso unha situación que ben se podería resumir nunha palabra rotunda e clara: invisibilidade.

En próximas semanas darase a coñecer a creación dunha asociación profesional de dramaturgos e dramaturgas

Deste xeito, o traballo dos autores teatrais enfróntase a unha sorte, por dicilo dalgún xeito, de frustración á hora de emprender o seu traballo. “Tes a sensación de que escribir é un traballo en balde. Pensemos unha cousa: a concepción de toda peza de arte é unha mensaxe de emisores e receptores múltiples. Aquí falta a recepción porque a edición de textos é mínima e a dificultade para levala a escena, grande”, apunta pola súa banda Fran Godón. Nesta análise coincide tamén autores con gran saída, como é o caso de Cándido Pazó. “No meu caso, se eu non escribise cunha idea clara  de montaxe, sexa cunha compañía propia ou cunha que me fai encarga, se non teño a data de estrea de antemán, resúltame complicado. Porque neses casos non tería vontade, sería complicado. Entendo esa frustración”, sinala Pazó.

“O texto dramático acaba por se converter nun acto privado. Poucas saídas quedan para evitalo”

Así gran parte dos textos teatrais que se escriben no país quedan ás escuras, sen chegar ao público. Fallan as dúas vías principais de comunicación: a publicación e a representación. “O texto dramático acaba por se converter nun acto privado. Poucas saídas quedan para evitalo. Ao mundo editorial -coas súas propias singularidades- non lle interesan os textos dramáticos por unha cuestión de rendibilidade e a crítica literaria, por exemplo, non lle fai caso. É unha invisibilidade da escrita”, sinala Zé Paredes, que engade tamén “o baixo nivel de produción” como unha dificultade máis á hora de visibilizar e adaptar textos.

Os premios como vía de escape

No ámbito da escrita dramática, os premios funcionan do mesmo xeito que na narrativa ou na poesía: é o camiño para garantir certa repercusión, visibilidade e a publicación. “A saída son os premios, é a busca para unha posible publicación”, sinala Paredes, que no ano 2013 xunto a Pacho Blanco gañou o Rafael Dieste coa obra Teatro, ou o xeito de cargar unha arma. Non obstante, e a diferenza da narrativa ou da poesía, o texto teatral ten unha finalidade principal -desculpen a obviedade- que non é outra que a súa representación. É dicir, chegar ao público e converterse nunha experiencia de arte colectiva. Aí falla o conto cos premios. “O único premio que che asegura a representación é o de Teatro Radiofónico do Diario Cultura”, asegura Zé Paredes. Galardóns como o Varela Buxán do Concello da Estrada non recolle nas súas bases levar á escena o texto premiado. Tampouco os promovidos pola Agadic (O Manuel María de textos infantís, os Barriga Verde de Monicreques para adultos e cativos ou o Álvaro Cunqueiro).

“Hai poucos autores aos que se lles fagan encargas. A Cándido Pazó ou José Prieto, que sempre anda no arame”

Noutros premios, como é o caso do Rafael Dieste, nas bases sinálase que “A Deputación da Coruña  [entidade que o promove] poderá contratar unha compañía teatral galega para realizar a montaxe e a representación da obra premiada, sen que isto supoña unha compensación complementaria para o autor”. Algo semellante recollen as normas do Abrente de Ribadavia. Mais son só posibilidades. Malia todo, no caso do último texto premiado, semella que a obra Voaxa e Carmín, de Esther Carrodeguas, a posibilidade farase real. “Eme2 fará a produción. Isto vai permitir que sexa un espectáculo visible”, sinala Carrodeguas, quen lembra que outras vías para a representación sen premio -e sen contar cunha compañía propia- son practicamente inexistentes. “As compañías non te van buscar á casa, non te van chamar para pedirche un texto, é difícil que algo así aconteza”, conclúe unha dramaturga que principalmente vén adaptando os seus propios textos coa histórica formación Airiños de Rianxo. “Hai poucos autores aos que se lles fagan encargas. A Cándido Pazó ou José Prieto, que sempre anda no arame”, completa Manolo Cortés, membro de Chévere e autor habitual dos seus textos.

A compañía propia

'Eurozone', de Chévere

“Decidín crear a nosa compañía para poder estreas as miñas obras”. Así de claro se amosa Santiago Cortegoso, quen xunto a Marián Bañobre, creou Ibuprofeno Teatro. É só un exemplo. Hai máis autores que, principalmente, escriben para as súas propias formacións. “É o único xeito que atopas. Se Chévere non existise, se non escribise para Chévere, Praza non me chamaría para esta reportaxe. Porque non se me coñecería en absoluto”, sinala Cortés, que insiste en que as encargas son pouco frecuentes. “As compañías por norma non pensan agora mesmo en pagar dereitos nin unha persoa descoñecida nin a xente de fóra da compañía. Non hai capacidade para pagar un texto por encarga. E se se fai, é cunha remuneración baixa”, destaca Cortés.

“Fernando Epelde, Clara Gayo, Vanessa Sotelo, Cortegoso, Ruibal... Todos eles son autores formidables e para o público son descoñecidos”

Pola súa banda, Carlos Santiago destaca a necesidade -no seu caso- de combinar proxectos con encargas de grupos ou compañías que confían nel para idear as súas montaxes. “A maior dificultade é chegar a establecer unha relación de confianza real, pero hai outros atrancos”, sinala Carlos Santiago, que observa como “a propia vitalidade teatral, ameazada nos últimos tempos por unha serie de motivos que inciden negativamente na demanda de textos e ideas, xusto cando a oferta de autores e autoras parece medrar en progresión xeométrica”.

Marta Pérez, quen creou Inversa Teatro para levar os seus textos a escena con garantías, concorda con Carlos Santiago á hora de falar desa ampla oferta de autores. “Fernando Epelde, Clara Gayo, Vanessa Sotelo, Cortegoso, Ruibal... Todos eles son autores formidables e para o público son descoñecidos”, sinala Pérez, quen ten claro que todas as dificultades que vive dende sempre a dramaturxia -precarización, invisibilidade, falta de publicacións- proceden dunha causa clara. “O que pasa coa dramaturxia e non só coa dramaturxia, diría que con todas as expresións artísticas, vén dado pola falta dunha vontade política e por mor dun desinterese rotundo. Non hai aposta política”, subliña.

Para Pazó, tamén hai unha clave importante para o traballo dos autores e autoras dramáticas. Poderíase resumir cun estar no mundo. “Os autores e as autoras teñen que ser homes e mulleres de teatro antes de seren autores. Quero dicir que hai que dedicarlle tanto ao esforzo a escribir como a formar parte do tecido, moverse e pertencer a un mundo que non é outro que o do teatro real”, opina Cándido. 

O mundo editorial

“O texto dramático é o gran esquecido no mundo editorial. E con moita diferenza dos outros dous xéneros minorizados: o ensaio e a poesía. Podemos falar de que nun ano, publícanse unha ducia de textos dramáticos, non máis”, recoñece Manuel Bragado, director de Xerais, editorial que ao longo do curso, “publica un ou dous títulos pertencentes ao xénero teatral”. De media, o selo lanza preto de 25 libros ás librarías cada ano.

“O texto dramático é o gran esquecido no mundo editorial. E con moita diferenza dos outros dous xéneros minorizados: o ensaio e a poesía”

Para o editor, hai varias razóns para comprender tal descompensación. A primeira, que a natureza do texto dramático, o seu obxectivo é a representación ao vivo. Fóra desta evidencia, están as outras causas. “O primeiro, a falta de implantación no sistema educativo. Só se le obrigatoriamente en bacharelato La fundación, de Buero Vallejo. No ámbito galego, non un título equivalente Tentouse con A fiestra valdeira, pero non callou... Polo tanto non hai formación lectora. Despois temos, outra cuestión: nunca houbo, a diferenza da poesía, unha editorial especializada”, remata un Bragado que confirma con exemplos á falta de costume lector. “Temos o caso de Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal (Premio Nacional de literatura dramática en 2007), un libro que dentro do xénero ten boa saída. Ou Unha Rosa é unha Rosa, de Suso de Toro. Pero os seus son datos moi humildes. Falamos de entre 100 e 200 exemplares ao ano”, expón o director de Xerais. 

“As editoras non publican porque non se le”

Aí atopamos causas evidentes para confirmar o que ninguén nega, malia todos os peros. “As editoras non publican porque non se le”, afirma Marta Pérez. Cortés vai polo mesmo camiño. “Non sei se será diferente no resto do mundo, quitando autores como Shakespeare ou en España os grandes clásicos, pero é que o teatro non se le. A iso debemos unirlle as particularidades dun mercado editorial como o galego, con todas as súas dificultades”, remata o compoñente de Chévere.

Con todo, Manuel Bragado entoa, dalgún xeito, un mea culpa: “Promocionar para o público a literatura dramática é un esforzo que lle corresponde aos editores”. Despois, chega o matriz. “Pero non só as editoriais”. E aí está, tamén, a “vontade política” da que fala Pérez.

Dupla invisibilidade

Para Marta Pérez, os dramaturgos e dramaturgas están, polo tanto, “invisibilizados”. “Constituímos unha rara avis”, recoñece, aínda que sinala que dentro deste segmento profesional prodúcese, ao igual que no conxunto das artes escénicas, unha dupla invisibilidade para as mulleres. “Ás dramaturgas, tamén ás actrices, aféctanos máis esta situación. Por que? Porque os papeis masculinos son máis numerosos cós femininos e lévanse á escena máis textos de homes que son máis coñecidos. Cómpre poñer en valor á nosa escrita, facernos públicas”, sinala.

“Ás dramaturgas, tamén ás actrices, aféctanos máis esta situación porque os papeis masculinos son máis numerosos cós femininos e lévanse á escena máis textos de homes”

Esther Carrodeguas coincide na análise. “A dramaturxia en feminino é descoñecida por completo, é invisible. En todos os ámbitos. Quero dicir... Quen coñece a autoras de renome internacional? Non falo xa do público xeral, senón de xente que ten maior sensibilidade”, maquina Carrodeguas, quen engade un dato: até que ela comezou a colaborar con Airiños, a histórica formación “xamais levou á escena” un texto de muller. Oitenta anos, que non son poucos. E non será porque non existen autoras. “En Galicia hai tamén Manolas Cortés, Cándidas Pazós e Josefas Prieto. Hai mulleres que escriben, pero son máis invisibles”, finaliza a gañadora do Premio Abrente. 

“O único modelo de intervención da administración que me convence tivo lugar fai 2500 anos, durante democracia ateniense”

Este é o resumo urxente, a radiografía apurada do estado das cousas. E a estas e outras cuestións deberá atender unha asociación de dramaturgos e dramaturgas que, como todas as asociacións profesionais, está chamada a ser a interlocutora natural entre uns profesionais na procura do seu sitio e unhas administracións que nos últimos tempos significaron un dos maiores atrancos para o sector.

Mais hai algúns que ven difícil que esa situación cambie e que a administración xogue a favor das artes escénicas. “A min o único modelo de intervención da administración que me convence tivo lugar fai 2500 anos, durante democracia ateniense. Daquela o estado sufragáballes as entradas do Festival Dionisíaco aos espectadores máis desfavorecidos. Porque todo o mundo se daba literalmente de hostias para pagar as entradas. Os atenienses vivían durante esa semana nos teatros e aclamaban como heroes os dramaturgos. Se algún Pericles ou algunha Aspasia presidise a Xunta, as artes galaicas, as escénicas e as outras, tal vez, florecesen cun novo esplendor”, confesa Carlos Santiago, que remata cun consello: “Entre tanto, sexamos nós mesmos, a ver que pasa. Con ou sen premio”. Aí queda iso.

Gañadores dos premios de teatro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.