Na primavera de 2004 o novo conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, tiña un enfrontamento aberto con quen era alcalde de Lugo dende poucos meses antes, Xosé López Orozco. O rexedor socialista clamaba por que Manuel Fraga forzase o substituto de Xosé Cuiña a atender as peticións do Concello e puxese disposición e cartos para facer realidade o proxecto de transformar o cuartel de San Fernando, o antigo recinto militar do século XVIII situado en pleno centro da cidade, nun auditorio e centro cultural. Doce anos e moitos avatares despois, co edificio nun estado ruinoso, mesmo perigoso para os viandantes, Concello de Lugo e Xunta dispóñense a asinar o convenio para realizar as obras que, cando menos, permitan que o cuartel siga en pé en condicións de seguridade.
O edificio concibido en tempos de Carlos III para atender feridos de guerra e no que múltiples xeracións de lucenses fixeron a mili está no caixón dos proxectos pendentes da cidade dende finais dos anos 90, cando o alcalde do PP, Joaquín García Díez, desbotou a idea do seu predecesor de derrubar o edificio. Daquela o goberno local consumou a operación de compra do cuartel ao Ministerio de Defensa e convocou o concurso de ideas para transformalo en auditorio. O gañador foi un proxecto do arquitecto lucense Marcos Parga que implicaba unha ampla intervención no complexo con, entre outras modificacións, a instalación dunha gran cúpula acristalada.
O cuartel ía ser transformado en auditorio, pero en 2007 un organismo ligado á Unesco advertiu de que o proxecto puña en risco a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade
O forte impacto da proposta gañadora suscitou receos nos responsables de Patrimonio da Xunta en tempos do bipartito, os cales non estiveron exentos de tensións entre PSdeG e BNG. Estas dúbidas foron ratificadas por ICOMOS, organismo consultivo da Unesco en materia de monumentos que en maio de 2007 emitiu un crítico informe no que instaba a frear o proxecto pola afectación que tería no edificio e porque, sobre todo, podería poñer en risco a catalogación da Muralla romana como Patrimonio da Humanidade, dada a súa proximidade ao cuartel. O informe, acollido con resignación no consistorio lucense, provocou o traslado do auditorio a outro barrio da cidade, o de Fingoi -a Xunta di prever rematalo en breve-, mentres se procuraban alternativas para o antigo recinto militar.
Do Museo da Romanización aos valos
Foi nesa etapa cando comezaron os trámites para declarar o cuartel como Ben de Interese Cultural (BIC) e comezou a coller forza a posibilidade de convertelo no Museo da Romanización de Galicia. En xullo de 2009 culminou a declaración como BIC e menos dun ano despois o Concello cedíalle de balde o cuartel á Xunta. Acto seguido o daquela conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentaba na cidade o proxecto arquitectónico gañador para a transformación do cuartel en museo. O Goberno galego, anunciou Varela, dispuña de 10 millóns de euros para facer realidade este "fito cultural".
A Xunta pasou de anunciar 10 millóns para o Museo da Romanización a considerar "unha irresponsabilidade" desenvolver o proxecto
Diversos cargos da Xunta mantiveron durante meses que o museo sairía adiante e mesmo fixaron o ano 2012 como o da contratación das obras. Pero o terceiro día dese ano Feijóo anunciou a supresión da Consellería de Cultura no marco da súa primeira crise de Goberno e o que era presentado como un proxecto estrela da Xunta na cidade pasou a ser cualificado como "irresponsable", en verbas da delegada gobernamental en Lugo, Raquel Arias. O museo, indicou a directora xeral de Patrimonio en 2013, farase "cando a realidade económica o permita".
Entre idas e vidas de promesas das administracións o centenario edificio non deixou de deteriorarse por dentro e por fóra. Así, nese mesmo 2013 o Concello víase obrigado a instalar valos de seguridade na contorna do edificio para "preservar a seguridade dos viandantes" e os bombeiros retiraron do cuartel "elementos con risco de desplome". En 2014, mentres técnicos da Xunta estudaban os restos arqueolóxicos atopados no patio do recinto, o consistorio realizou novos labores de mantemento mentres reclamaba axuda da Administración autonómica.
A achega económica
Non foi ata maio de 2015, a apenas dúas semanas das eleccións municipais, cando a Xunta accedeu formalmente a achegar fondos xa non para a construción do museo, senón para o propio mantemento. Nomeadamente, o departamento de Jesús Vázquez amosouse disposto a achegar a metade dos 180.000 euros que, segundo informe de Evislusa, a empresa municipal de vivenda e solo, son necesarios para acometer os traballos máis urxentes.
Xunta e Concello asinarán un convenio para acometer os traballos de rehabilitación máis urxentes, nos que a Deputación amosa tamén disposición a colaborar economicamente
Esa achega de 90.000 euros será a que, coa forma xurídica de convenio, se asine este martes entre a Xunta e a alcaldesa lucense, Lara Méndez. Con estes fondos, indica o Concello, faranse traballos para "asegurar a estrutura do edificio, arranxar a cuberta eliminando as filtracións de auga" e derrubar e acondicionar a parte traseira que non está catalogada como monumento.
Paralelamente, dende o departamento de Cultura da Deputación o seu responsable, Xosé Ferreiro, amosaba en días pasados a súa intención de "reservar unha partida nos orzamentos" para colaborar na rehabilitación do cuartel. "É evidente -di o deputado- que van moitos anos de liortas políticas sen que ninguén faga nada por un edificio que está caendo diante dos nosos fuciños". "Neste momento non imos acometer un gran proxecto que poida abrir novas polémicas", advirte, senón que "simplemente se trata de conservar o edificio e poñelo ao servizo da sociedade".