0 Gardados para despois

Carlos Seijo: “Neira Vilas era amigo de todo o mundo por enriba dos seus dogmas”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Xosé Neira Vilas foi entrevistado moitas veces na súa casa de Gres. E non era difícil xa non empatizar con el, senón ficar prendado da súa xenerosidade. Mais o equipo do documental O espantallo amigo, dirixido por Carlos Seijo, quixo ir máis alá. Captar, nunha metáfora, a “esencia” do personaxe ou, máis ben, do creador e da persoa. E atopárona nun espantallo que quere ser amigo de todo o mundo. Tamén dos animais que van comer as froitas das árbores. E que quere, sempre, ser útil aos demais. 

Foi iniciativa de Neira Vilas ou vosa?

O proxecto xurdiu un pouco da convivencia con el, do encontro con el, que partira da iniciativa de xente da súa contorna. Nun principio a idea era gravalo e entrevistalo. Pero xa estando con el o que tentamos foi buscar a súa esencia. Xa tiña moitas entrevistas feitas na súa casa, polo que o que nós queriamos era iso: buscar a esencia de Neira Vilas. Que non é fácil, porque é unha persoa cun gran percorrido vital e creativo. Así que, como capturar a esencia de alguén tan inmenso? Pensamos que coa metáfora. E repasando a súa bibliografía reparamos en O espantallo amigo, porque detrás dese personaxe está Neira Vilas. É un personaxe que está por enriba do seu dogma, que é escorrentar os animais. É un espantallo conciliador, amigo de todos os animais. Pois así era Neira Vilas. Unha persoa amiga de todo o mundo, por enriba dos seus dogmas.

O documental salienta moito tamén a idea de que el quería ser útil aos demais. Que era o sentido de todo o que facía.

Si. Cando lle preguntamos polo núcleo da súa creación el respondeu moi rapidamente que era iso, ser útil. E sempre foi ese o sentido. Por iso proxectos como a editora Follas Novas, todas as revistas, a sección galega do Instituto de Literatura e Lingüística de Cuba... , e despois aquí a Fundación Neira Vilas… E non era só como creador. Tamén como persoa. Estivo axudando a xente ata o día antes de morrer. Tamén desde a morte de Anisia aferrouse á escritura…

"Cando lle preguntamos polo núcleo da súa creación el respondeu moi rapidamente que era iso, ser útil"

Mais xa antes. Coméntao no documental: acabo un libro e comezo outro no mesmo día.

Os creadores que son tan vitais son así. A creación, ademais, tamén é fisicidade. É un corpo que crea… Era xa maior e tiña achaques. Unha vez pediume que lle axudase a poñer as zapatillas. Pregunteille se tiña dor e sorriu. Era unha persoa desprendida que tiña claro que o que quería inspirar era enerxía e positividade. O demais quedaba cara a dentro.

"Era unha persoa desprendida que tiña claro que o que quería inspirar era enerxía e positividade"

O documental é curtiño. Supoño que houbo que editar moito. Hai como dúas partes: unha repasa a súa biografía e outra indaga no que chamabas o núcleo da súa escrita.

Eramos conscientes de que o noso traballo ía ser case como un epílogo. E pensamos en que puidera servir para rapaces de instituto, como material docente. Por iso a duración de 32 minutos. A edición seguiu, así, o criterio da síntese. Non queriamos que quedase fóra o que considerabamos máis importante. Hai cousas, como cando fala da avoa, que poderían non estar, pero que pensamos que eran interesantes para ese contexto docente.

Fala de Bos Aires e de Cuba. De como o perfil do emigrante galego en cada lugar fixo que os seus proxectos culturais fosen distintos. En Cuba non terían funcionado as revistas nas que se implicou en Bos Aires. Iso dá unha pista de como era: o seu sentido práctico e capacidade de adaptación.

Foi unha persoa práctica e astuta na xestión da súa vida. Falaba, por exemplo, de camaradas literatos que remataran o seu ciclo creativo… El era case como unha sorte de monxe. Nada lle pertencía. Da casa xa di no documental “eu non a pedín”. El cedera a casa da súa infancia para facer unha biblioteca, pero arranxáronlle a casa para vivir nela tamén. E vivía como de prestado, como se fose só usufrutuario: dicíanos que había que ter coidado de non estragar nada… O seu espírito era ese: nada era seu. Para min, é un xeito astuto de ver a vida.

"El era case como unha sorte de monxe. Nada lle pertencía"

Iso pode ter máis lecturas. Coma moitos outros emigrantes que fixeran moito pola cultura galega, volveu a Galicia sen nada. Outros tiveron menos sorte e pasárono realmente mal, porque este país é así e ninguén lles botou unha man.

Penso que niso foi elemental o seu don de xentes. El tiña esa capacidade de ser amigo de todo o mundo. O que teño claro é que tivo o control da súa vida en cada momento. El chamábame para dicirme que podía facer tal cousa ou tal outra no documental… Os artistas moitas veces teñen a tendencia a recollerse na súa esfera de creatividade e esquecer o demais, pero el non. E claro que existe esa historia negra do artista que quedou sen nada. Pero non era o seu caso por esa capacidade que tiña. El estivera en Cuba e participara da revolución, pero aquí tiña moi bos amigos que eran alcaldes do PP… Neira Vilas era amigo de todo o mundo por enriba dos seus dogmas.

É que era imposible non querelo. E non é por estar a falar dun morto.

Esa mirada, ese sorriso… Con dúas palabras xa eras amigo del. Tiña esa habilidade coa xente. Ocorre que cando non tes interese real pola xente, nótase. E el si o tiña. Era unha persoa moi xenerosa e supoño que tamén temos necesidade diso. Os Quinquilláns están a traballar cunha versión teatral de O espantallo amigo. E el propúxome chamar ao director. Eu considerei nese momento que non era necesario porque xa tiña moito material. Pero é verdade: os creadores tendemos a iso, a ir máis ao noso. E el, que chamaba mestres a persoas coma Blanco-Amor, que foran amigos seus, si tiña moito interese en conectar cos outros creadores. Creo que é algo que nos falta agora.

"Era unha persoa moi xenerosa e supoño que tamén temos necesidade diso"

É verdade que moitas veces non hai moita relación entre os distintos “gremios”: a escrita co teatro, a música co audiovisual… Móvense máis ben de xeito máis endógamo. A parte de O espantallo amigo está animada. Como a fixestes?

Queriamos levar o conto ao documental e, como facelo? Queriamos que os animais puidesen integrarse no museo da Fundación Neira Vilas. Decidimos que fosen de madeira, como feitos por un artesán dos anos 30 ou 40. Pensamos, nun principio, en monicreques. Pero despois optamos polas figuras de madeira con partes animadas, coma os ollos. Para os planos xerais utilizamos a animación por ordenador, 3-D.

“En galego síntome libre”, di.

Gústame esa parte. Di iso e abre as mans. E nós poñemos despois o espantallo cos brazos abertos. Quedou moi coreográfico… O galego é a súa lingua nai, algo nuclear para el. Emigrou pero mantivo un vínculo fortísimo coa lingua. Nunca deixou de lado o galego, pois seguiu sendo o centro da súa creación.

"Emigrou pero mantivo un vínculo fortísimo coa lingua"

Non falades de Memorias dun neno labrego. Para evitar o tópico?

Queriamos afrontar o traballo, unha entrevista, dando un paso máis. Podiamos reflectir a Balbino, que é verdadeiro porque Balbino ten moitas cousas de Neira Vilas. Pero queriamos outra cousa e, o achádego, nese sentido, é O espantallo amigo.

El tiña previsto estar na estrea do documental...

Non lle gustaba moito verse nunha pantalla porque o seu era escribir. Pero dicíanos que como estabamos a facer o traballo tan en serio, que ía vir á estrea. Claro, nós estabamos a facer un traballo cinematográfico coidando todos os detalles… Ía estar presente pero non puido ser.

Como tedes pensado distribuír o documental?

De momento fixemos a estrea e despois iremos paso a paso, pero gustaríame que puidese chegar a todo o mundo, tamñen os institutos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.