0 Gardados para despois

Raida Rodríguez: "A voz poética é poderosa porque pode facer cortes no discurso, na linguaxe do poder establecido"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Máquina de guerra, (Estaleiro), o primeiro poemario publicado de Raida Rodríguez, quería ser "un berro, contra a censura, contra as convencións, contra a aceptación das normas". E foino. Estirpe de sombras, (Barbantesa), o seu segundo libro, continúa a selo. Ademais de mostrar que, como di a propia autora, "a voz poética é poderosa porque pode facer cortes no discurso, na linguaxe, nas palabras e nos significados do poder establecido". Falamos con ela destas dúas obras.

“nación: somos unha estirpe de sombras, calquera pertenza/ énos por igual allea”. Nestes versos sae o título do poemario. Podes explicalo?

Antes de explicar o título do libro en si, coido que cómpre ter en conta a distancia que me separa da súa escrita e, polo tanto, da experiencia e dos motivos que me levaron a escribilo. Estirpe de sombras é un conxunto de poemas escrito en 2010, enviado a varios certames de poesía e, un ano despois, esquecido pola autora. No 2013 volvín sobre el e contactei con Penélope Pedreira, que despois dun tempo de espera me confirmou que sería publicado en Barbantesa. E pasou case un ano máis ate que saíu en novembro do ano pasado.

O título é uns meses posterior á escrita dos poemas, e en parte pretende ser unha dedicatoria aos meus avós, e é tamén unha referencia moi clara ao pasado -a infancia na aldea foi de todo menos bucólica, e en min ese pasado ten moito peso-. O pasado é o bosque e son as ruínas, dous dos fíos conductores do libro. O título quere ser tamén un agradecemento ás “hordas de escritura”, parafraseando a Chus Pato, que son todas as voces que me preceden -e me alimentan-: desde Paul Celan á propia Chus Pato, pasando por Herman Hesse, Kafka, Coetzee, todos eles forman parte desa estirpe de sombras, e con eles, e contra eles, escribo.

O peso do idioma. A linguaxe que nos atravesa. O idioma que nos constrúe. É unha idea moi presente no libro. Que é o idioma en Estirpe de sombras e por que?

Poderiamos dicir que idioma para min é sinónimo de patria; o mesmo poema, como din uns versos do libro “devén patria”. No pasado non ten sido así porque a patria me viña dada, a miña infancia e adolescencia foron en Galiza e foron monolingües en galego, pero desde que vivo fóra, co paso dos anos, fíxose moi importante para min a escrita como patria porque nela habita o idioma e é o unico, case único, espazo onde habita o idioma. Estou vivindo constantemente en catalán e menos en castelán pero case nada en galego, daquela si que é certo que cando escribo, para min o poema devén patria. E no meu presento caótico, entre o estrés do día a dia, traballar para sobrevivir e coidar as miñas fillas, teño o reto de recuperar aínda ese espazo.

"Fíxose moi importante para min a escrita como patria porque nela habita o idioma e é o unico, case único, espazo onde habita o idioma"

E a voz, que é sombra, vontade de emancipación, desexo..., erosión do Eu? Que é a voz neste libro? Por que "recuperar a dimensión política da voz"?

Para min a voz poética sempre ten sido unha multiplicidade, un artefacto; volvendo unha vez a Chus Pato, unha horda. Detrás dos textos que escribo non hai un eu, senón unha pluralidade de voces e planos de referencia. Por outro lado, se a mesma vida é profundamente política, a voz, o que dicimos, o que escribimos e como o escribimos, todo iso é facer política. Por iso falo de recuperar a dimensión política da voz. Creo que a voz poética é poderosa porque pode facer cortes no discurso, na linguaxe, nas palabras e nos significados do poder establecido, e eses cortes son á vez unha liberación e unha vontade de transformación. Gústame pensar na posibilidade de transformar o mundo desde a propia voz, desde a forma de sentir e entender a realidade que nos ata e buscar espazos de liberdade, e tamén, como non, construír afinidades. Que o poema traspase o libro e entre na vida, esa sería unha boa consigna.

"A voz poética é poderosa porque pode facer cortes no discurso, na linguaxe, nas palabras e nos significados do poder establecido"

A lectura é sempre un itinerario por un país escuro, un inventario de atrocidades contra a nación, contra o idioma, contra a posibilidade mesma de crear e manter vínculos, din outros versos. En que sentido é cuestionada, neste libro, a posibilidade da nación?

Máis que cuestionar a posibilidade da nación o que reflexiono é sobre o feito de ter que situarnos como un “nós” -tribo, pobo, nación- como construír algo así nun presente moi cargado de peso e á vez moi baleiro de significado, nun contexto de loita pola supervivencia e de illamento social cada vez máis grande. Reflexiono sobre a necesidade de ir máis alá da herdanza do pasado, de reinventarnos como nación, como “nós”, nun presente que tende cada vez máis a illarnos como espectadores pasivos vivindo en burbullas case perfectas.

Máis adiante: "a lectura quere ser unha práctica revolucionaria, e non unha/ éxtase, / reapropiarnos do pasado aínda que sexan ruínas". En que sentido pode ser a lectura práctica revolucionaria? En que sentido é a literatura unha arte panfletaria e non un artefacto para soster o Eu?

Falo da experiencia da lectura como algo non estático senón como enerxía que move, que se move; ler é conectar (ou non facelo) con outros corpos e con outras voces que nos apelan, e tamén, por que non, nos alimentan. Eu escribo tamén para agradecer ese pulo e para unir a miña experiencia á estirpe de voces que me preceden. Dado que entendo o libro como rizoma, como artefacto que busca afinidades, penso que a lectura ten que ser algo máis que unha práctica contemplativa.

Como xa dixen antes, que a literatura traspase o libro e entre na vida, iso sería un artefacto para soster o eu, todo o demais non deixa de ser un panfleto. Por que? Porque é no propio corpo onde se xoga a loita pola supervivencia. A politica é biopolítica, o corpo é o campo de batalla, e desde esa vivencia, desde esa loita, escribo.

"A política é biopolítica, o corpo é o campo de batalla, e desde esa vivencia, desde esa loita, escribo"

E a escrita? Que é "desorde, ausencia de límites". Por que?

Creo que é evidente cando se len os meus textos unha certa desorde, confusión de voces, pluralidade de rexistros e planos de referencia. A escrita é moitas cousas para min, mellor dito, ten sido, porque actualmente non a practico, pero está claro que ten unha función moi importante como evasión e á vez como liberación no contexto persoal complexo e ás veces asfixiante no que me teño atopado. Escribir para superar os límites da comunicación ten sido para min un dos retos.

Nese sentido, "-os poemas non son actos de comunicación,/ son interferencias/ illas alzadas para crear discordia,/ interrupcións-interruptores/ abrir os ollos á distancia/ e arredor, construír afinidades/ que rompan"... Por que os poemas non son actos de comunicación, senón fenda, interferencia, ruína?

É a miña experiencia e a miña visión do feito de escribir. Máis que comunicar, o que quero é provocar, conectar no máis íntimo co lector. Estirpe de sombras, como antes foi Máquina de Guerra, quere ser iso, un croquis da miña realidade, do meu pensamento, da miña experiencia, e que busca ser lido de forma non estática senón que mova, que produza, que sirva para destruír ou para construír algo, pero que non deixe indiferente.

Un poema é polo demais un organismo complexo, pero tamén un “corpo sen órganos” (volvendo a Deleuze) que unha vez producido busca o seu espazo no mundo, conectar con outros “corpos sen órganos”. En min tamén ten unha parte de ruína, porque escribo a partir do peso acumulado e dos restos que van deixando as pequenas catástrofes cotiás, e non cotiás, ás que nos enfrontamos.

"Máis que comunicar, o que quero é provocar, conectar no máis íntimo co lector"

A alteridade, o Outro, é outra idea recorrente no libro. O Outro, a tribo, a pertenza e non pertenza. Que é, quen é o Outro neste libro e cal é a súa relación co "nós"? Ou é esa oposición a que se cuestiona? Por que "a miña identidade pertence irremisiblemente ao fracaso"?

A escrita é un ir á procura da tribo, á procura da propia identidade e á procura do “nós”. O Outro sempre é o que se nos opón, o que buscamos, o que necesitamos, pero tamén é un Outro que se afasta, ao que non podemos chegar.

A ineficacia do discurso é outra idea presente. Por que? Que ten que ver isto coas "fendas na paisaxe social sen adscrición de clase, partido ou sindicato"?

Ten que ver con ir máis alá das etiquetas, dos conceptos herdados, de construír o presente e o porvir desde cero porque as teorías do pasado non deron o seu froito. Pero tamén ten unha dimensión da vivencia persoal da comunicación, do fracaso da comunicación, da propia necesidade de inventarse a unha mesma e ao Outro, á tribo, a partir dese fracaso.

En Máquina de guerra, o teu libro anterior, falábase dun "manifesto" contra "a escrita, contra as ansias de comunicar, de ocupar efectivamente un hábitat (léase nación, lingua, territorio)". Hai moita relación entre este libro e Estirpe de sombras? En que sentido pode lerse, ou non, un como continuidade do outro? É tamén pola pegada de Deleuze e Guattari?

Os textos de Estirpe de sombras foron escritos no 2010, o ano seguinte de publicarse Máquina de guerra, daquela si que pode afirmarse que hai unha continuidade de temas. En Máquina de guerra tiña moi presente certos descursos filosóficos e vivín o proceso da escrita como algo máis propio dun posicionamento vital e literario, dun comezo.
Estirpe de sombras quería seguir afondando nos temas que me obsesionan desde sempre, a comunicación, o fracaso da comunicación, a construción do Outro e o achegamento ao Outro, a reflexión sobre a linguaxe, e, claro está, a volta, a recreación da miña infancia e adolescencia no medio absolutamente hostil que foi a aldea.

A consigna, dicía Máquina de guerra, é clara: des-habitar o poema, des-territorializar a linguaxe. Avanza, nese sentido, Estirpe de sombras?

Creo que segue os pasos comezados nos textos de Máquina de guerra, no sentido de buscar espazos de liberdade e de crear conexións, de facer rizoma. Que a literatura traspase o libro e entre na vida; a consigna, aínda que reformulada, é a mesma.

A "deconstrución do propio corpo" e dos corpos alleos estaba moi presente en Máquina de guerra. Por que?

O poema, se tivese que definilo, sería como un artefacto explosivo; un bo poema sempre é un estalido: ler a Paul Celan é un estalido pero tamén ler a Gilles Deleuze ou a Nietzsche é un estalido e cando escribo sinto ese estalido en min, no meu corpo, e a partir del, desde el, escribo. Por iso para min escribir tamén ten que ver moito coa forza, coa intensidade, tamén coa dureza, coa loita interna, coa tensión emocional e física. Deconstruír é necesario cando se chega a un punto morto, de non retorno, daquela hai que empezar a construírse desde cero e os poemas de Máquina de guerra foron froito dun momento de reformulación vital. E, claro está, todo sucede nos corpos, e desde os corpos é desde onde nos proxectamos.

"Para min escribir tamén ten que ver moito coa forza, coa intensidade, tamén coa dureza, coa loita interna, coa tensión emocional e física"

Tamén a linguaxe como "isolador da realidade" e o, quizais, desexo, de que rexurda o seu poder contestario. Por que?

Escribir é á vez unha necesidade e unha decisión, un posicionamento. Nese sentido, Máquina de guerra, na medida en que un libro pode selo, quería ser un berro, contra a censura, contra as convencións, contra a aceptación das normas; de aí o título, unha máquina de guerra, no sentido de poesía como arma contra a linguaxe dos descursos convencionais, que limitan e empobrecen a experiencia que temos do mundo.

"Nese sentido, Máquina de guerra, na medida en que un libro pode selo, quería ser un berro, contra a censura, contra as convencións, contra a aceptación das normas"

Non había, en Máquina de guerra, "nin revolución, nin proletariado", nin "teorías globais", nin casa que habitar. Que pensas diso agora? (Digo polo debate sobre a superación do pensamento posmoderno e iso).

Penso absolutamente o mesmo, máis que nada porque as teorías globais e as etiquetas e os grandes conceptos non teñen mostrado nin aberto camiños para cambiar nada. A revolución, se ha de comezar, comezará desde abaixo. Reinventando a realidade, o que somos.

O que si había era conciencia do poder, da linguaxe como ferramenta súa. Pódese saír diso? É posible?

O que é posible é facer a linguaxe nosa, sacala dos seus límites. Nese sentido penso que a poesía ten que ser ante todo un espazo para a liberdade e creo que cómpren máis máquinas de guerra, máis artefactos lanzados contra o entramado das normas, dos descursos establecidos e alleantes que nos afastan de nós mesmas e da vida.

"Cómpren máis máquinas de guerra, máis artefactos lanzados contra o entramado das normas, dos descursos establecidos e alleantes que nos afastan de nós mesmas e da vida"

En canto ao xeito no que están escritos, nos dous hai diálogo, por exemplo, moita fluidez e beleza... Es consciente dunha evolución nese sentido?

Polo de agora non son consciente de ter evolucionado nin nos temas nin no estilo: a pluralidade de voces, o diálogo, a reflexión e recreación do pasado, son as constantes que sempre me teñen acompañado á hora de escribir.

Publicaches algo máis ultimamente ou vas facelo?

Non teño publicado nada máis e polo momento non teño perspectivas de facelo xa que agora mesmo escribir é un luxo que non me podo permitir. Pero conservo a vontade de recuperar ese espazo.

Algo máis que queiras dicir sobre os dous libros?

Gustaríame rematar con palabras que non son miñas pero que sintetizan moi ben o que para min é a escrita. E que son tamén un agradecemento. Son parte dun texto precioso que Claudio Pato escribiu como presentacion para a intervención que fixen no encontro Aforas en Coruña no 2008:

Escrita, aberta, conectábel en todas ás súas múltiples dimensións, alterábel, susceptíbel de recibir constantemente modificacións. Escrita que pode ser rota, e alterada, que pode adaptarse a distintos montaxes, debuxarse nunha parede, escribirse en rede e escribirse na planta dos pes dos seres amados, concibirse como unha obra de arte, construírse como unha acción política e como unha meditación. Unha guerra de guerrillas. UN ASUNTO DE PERFORMANCE.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.