“As mulleres actuais non partimos de cero. As que nos precederon deixaron a leira decruada”

Aurora, no centro, coas autoras das serigrafías do libro e co editor Dominio Público Praza Pública

As biografías de máis de 400 mulleres. Unhas xa ben coñecidas. Outras non tanto. Outras completamente esquecidas ou silenciadas. Este é o contido fundamental da nova obra da investigadora Aurora Marco, Elas. Un libro de luxo para coleccionistas, acompañado de acta notarial con número de serie, -pois só se editaron 155-, e dunha carpeta con simbólicas e orixinais serigrafías, todo recollido nun estoxo de considerable tamaño. Elas segue o camiño iniciado por As precursoras ou o Dicionario das mulleres galegas. A teima de Aurora Marco, desde os anos 80, por rescatar do esquecemento a memoria das mulleres que destacaron nos máis variados ámbitos.

Foi un encargo de A Xanela Editorial ou era xa un proxecto teu?

José Manuel Calviño, o editor, encargoume un libro sobre as mulleres desde os tempos antigos ata os nosos días. Pero eu decidín poñer como límite 1975, porque ir alén suporía facer un volume inmenso e porque ademais iso xa requiriría un traballo colectivo: non podería facelo soa. Este libro segue os mesmos criterios que o Dicionario das mulleres galegas: responde ao mesmo afán globalizador, de recoller os contributos de mulleres que se adiantaron ao seu tempo en distintos campos. Mais non son só as mulleres máis “relevantes”. Son tamén persoas de extracción humilde: dos oficios, artesanía… que foron moi importantes para a sociedade.

"Este libro segue os mesmos criterios que o Dicionario das mulleres galegas: responde ao mesmo afán globalizador, de recoller os contributos de mulleres que se adiantaron ao seu tempo en distintos campos"

Hai entradas que coinciden coas do Dicionario e outras que non.

Nunca dou por acabada unha biografía. Sempre busco máis información, corrixo erros.. Ampliei as biografías que tiña e engadín mulleres novas, algunhas delas procedentes de fontes orais. Por exemplo, unha muller de Cangas, da que só tiña o alcume, que fora unha carpideira moi famosa. Axudáronme as miñas amigas de Cangas. Deron coa filla, que foi quen me proporcionou a información sobre Josefa Ángela Soto Prol. Unha muller cunha forza incrible, que tivo 18 fillos e que traballou en oficios múltiples: barreu rúas, fixo redes, tivo unha carnicería, limpou o cemiterio… Pero o oficio polo que foi máis popular é o de carpideira. Chamábanlle A Torrosa ou A Pechencha. Atopei a referencia sobre ela nun libro de Marcial Gondar. A familia gardaba recortes de prensa de reportaxes que lle fixeran.

Outra muller que me interesou moito é a pedagoga Lucía Gifford de Covián, autora do Primer catecismo de los niños, que comprende porcion (sic) de cosas útiles y necesarias de ser sabidas en una edad temprana, impreso na Tipografía de Puga da Coruña no (1842). Non se trata dun catecismo relixioso senón dun libro didáctico que contén nocións elementais de diversas materias: matemáticas, xeografía, historia, ciencias naturais, sociais, doutrina cristiá, etc. Escrito cunha linguaxe asequíbel, cunha estrutura sinxela a base da fórmula pregunta-resposta, posibelmente se trate dun dos primeiros manuais escolares escritos por unha muller con certa preparación cultural, unha rara avis naquel ermo da educación feminina, pois ata o 57, coa Lei Moyano, as mulleres non tiveron dereito á educación. Encontrei este libro na Galiciana dixital, e non atopei máis datos sobre a súa autora.

Que outras fontes utilizaches?

Dicionarios, enciclopedias, historias temáticas, historias locais, repertorios bibliográficos, monografías, libros de memorias… E moita información procedente de xornais e revistas, ademais de catálogos de exposicións… e ata programas de festas. Pasei tres ou catro anos metida na hemeroteca da USC, no Instituto Padre Sarmiento, na Fundación Penzol, nas bibliotecas do Museo de Pontevedra, na municipal de Pontevedra, na Real Academia Galega… No Círculo de Artesáns da Coruña consultei os libros de actas e alí encontrei moitas referencias . Foron tamén moi importantes as fontes orais. A metodoloxía oral é fundamental para recuperar traxectorias de persoas afastadas do poder.

"A metodoloxía oral é fundamental para recuperar traxectorias de persoas afastadas do poder"

A lectura de Elas lembra algo que xa explicaron historiadoras como Carmen Pallares: as mulleres desempeñaron moi diversas profesións e oficios. Desde sempre. Non é só de agora. Non eran só nais e labregas.

Eu son debedora, para a etapa antiga, medieval e moderna, do traballo de Carmen Pallares, Ofelia Rey, Serrana Rial… e en cada biografía que escribo cito a procedencia da información. A min cabréame que me copien descaradamente sen citarme. Así, Elas comeza na antigüidade, e desde aí ata a idade moderna baséome moito no traballo de historiadoras. Xa a información sobre o XIX e XX é máis froito da miña perseverancia de anos, desde os 80. Mais é verdade o que dis: sempre houbo mulleres en todos os ámbitos. O que ocorre é que moitas veces só se presta atención ás aristócratas, nobres e fidalgas, porque están citadas nos testamentos, doazóns…

"Sempre houbo mulleres en todos os ámbitos. O que ocorre é que moitas veces só se presta atención ás aristócratas, nobres e fidalgas"

Como di María Reimóndez moitas veces, se ademais non coñecemos ás que viñeron antes, é como se sempre tiveramos que estar xustificándonos. Como se fósemos as primeiras.

Así é. As mulleres actuais no partimos de cero, pois as que nos precederon deixaron a leira decruada e a semente botada para que poidamos recoller os froitos vizosos. Moitas desas mulleres non puideron recoller os seus froitos en vida. Foron discriminadas, sobre todo as que se dedicaron a actividades de tipo intelectual. Na prensa do XIX chamábanlles ratos de biblioteca, pedagogos con saias, bachilleras, necias e insufribles. A finais do século houbo debate sobre a educación das mulleres e algúns defendíana, pero a maioría criticábanas.

"Na prensa do XIX ás mulleres intelectuais chamábanlles ratos de biblioteca, pedagogos con saias, bachilleras, necias e insufribles"

Falas tamén, precisamente, de moitas escritoras dese tempo. Que non só estaba Rosalía. Xa o contaras en As precursoras.

É que durante moito tempo parecía que no XIX só escribiran Rosalía de Castro, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán. Pero desde os anos 40 hai mulleres que escriben: poemas, textos en prosa… e mesmo algún libro. Manuela Cambronero de la Peña publicou un drama, Sáfira, e unha novela, Inés. Houbo tamén moitas mulleres publicistas, ademais das creadoras, que eran sobre todo poetas. As poetas molestaban, pero non tanto como as novelistas. Polo que os homes non pasaban era porque unha muller escribise teatro ou novela. Dicían cousas como que era perigoso para a súa saúde. Avelina Valladares Núñez, por exemplo, escribiu moita poesía. Ademais de tres artigos científico-divulgativos.

"Desde os anos 40 do XIX hai mulleres que escriben: poemas, textos en prosa… e mesmo algún libro"

Ante a celebración dunha Exposición Agrícola en Santiago, o 23 de xullo de 1858 dirixiu unha carta á Sociedad Económica de Amigos del País en que reflexiona sobre cultivos que considera de utilidade para o agro galego: a “rubia” (planta da que se obtería un excelente pasto), a “gualda”, da que sabe ten unha boa produción o solo galego e sería beneficiosa para as colleitas, e unha terceira que se coñece como “freijós”. O segundo leva por título El ochavo milagroso, sobre supersticións populares, e foi publicado en El Eco de Galicia da Habana en 1885. No terceiro, Exposición al Eminentísimo Cardenal Sr. García Cuesta, Arzobispo de Compostela, que data do 2 de maio de 1878, fai unhas consideracións sobre cuestións propias da Cuaresma, onde solicita que os fieis da diócese compostelá puidesen ter o privilexio de usar o unto durante a Semana Santa e vixilias do ano. Outra muller, Emilia Quintero Calé, foi tradutora…

Nas biografías recolles datos, pero nalgunhas tamén achegas a túa interpretación.

Cando teño datos abondos si, procuro interpretar, facer comentarios, valorizar. Non podo agochar a admiración que sinto polas mulleres que nos precederon, en todos os ámbitos. Tamén as represaliadas e guerrilleiras, por suposto. No ámbito médico-sanitario, por exemplo, Isabel Zendal Gómez foi a primeira enfermeira en misión internacional recoñecida pola OMS. Era a única muller da expedición. Levaban a vacina da variola.

"Non podo agochar a admiración que sinto polas mulleres que nos precederon, en todos os ámbitos"

Subliñas moito o dato de que non só atendiches a mulleres das clases acomodadas.

É que non me interesaban só os perfís de “prestixio”, as biografías máis “espectaculares”. Tiña claro que ía pousar a ollada en mulleres de distinta extracción social que realizaran importantes achegas á sociedade. Son, normalmente, mulleres que deixaron un ronsel no seu radio de acción, entón aparecen na historia local, en monografías… Ou sei delas polas fontes orais.

O libro vai acompañado de serigrafías. E as autoras que as fixeron non tiñan fotos das mulleres das que se falaba nel. Nin as biografías.

Só lles pasamos unha pequena listaxe. Captaron moi ben o espírito que lle quería dar á publicación: coñecer, recoñecer, facer xustiza a homenaxear as mulleres. A todas as mulleres que me foi posible, e son máis de 400.

"O espírito que lle quería dar á publicación é coñecer, recoñecer, facer xustiza a homenaxear as mulleres"

E comeza en Exeria…

E acaba en Lola de Penelas, oleira de Gundivós, que arranxaba e creaba pezas. A cambio dábanlle patacas, centeo, millo… algún xornal.. As que chegan a 1975 naceran polos anos 20 ou 30. Outras mulleres que non están podían merecer estar, pero non desenvolveran a súa traxectoria aínda no 1975, aínda que se cadra xa comezaran coa súa actividade. Si están mulleres que naceran no 40 e que eran deportistas moi novas, porque si tiñan desenvolvida a súa carreira.

"Ao lado de figuras relevantes, hai outras ignoradas, anónimas, sobre as que é preciso deitar luz"

Explicaches que este libro non é nin unha historia das mulleres nin un novo Dicionario das mulleres galegas.

Non é unha historia porque eu non son historiadora e porque non é o obxectivo. Si que fai un percorrido en orde cronolóxica, no que se pode ver a evolución da historia das mulleres. Tampouco é un dicionario, porque non son o tipo de entradas resumidas dun dicionario. Aquí aumentei, reelaborei, redactei biografías de novo, corrixín… É un libro novo feito co material que xa tiña. Seguín dous criterios que aprendín de Carvalho Calero, con quen me formei. Un, valorizar o propio. Outro, que ao lado de figuras relevantes, hai outras ignoradas, anónimas, sobre as que é preciso deitar luz. Estou moi contenta con este libro, resultado dun traballo colectivo coas artistas, a maquetadora… Todas mulleres, menos o editor. As autoras das serigrafías son Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiráldez, María Manuela, María Xesús Diaz, Novais, Sabela Arias Castro e Vanessa Lodeiro. As obras orixinais están expostas na sede Afundación da Coruña e poden verse ata o 5 de febreiro.              
                  

Serigrafía de María Manuela Dominio Público Praza Pública
Serigrafía de Chelo Rodríguez Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.