Man non era un anacoreta tolo. Era un artista romántico. Un ser que, desde sempre, recibira a chamada da natureza. Do ancestral. Ata que a escoitou. E só ficaron el e o universo. Coa arte como intermediaria. Esta podería ser, condensada en poucas palabras, a historia que Xerardo Quintiá conta sobre Man, o alemán de Camelle, na súa novela O viaxeiro radical. Un relato posible sobre unha figura que, como o autor di, dá para falar de moitas cousas.
Por que decidiches escribir unha novela sobre Man de Camelle? Foi despois da súa morte, polo do Prestige?
Porque me parecía unha historia moi atractiva, a partir da cal se pode falar de moitas cousas. Ademais, despois da súa morte, Man podía quedar ademais un pouco no esquecemento. Sempre quixen coñecelo, ir visitalo, pero non o fixen. Cando foi o Prestige mesmo estiven traballando como voluntario naquela zona, pero non cheguei a coñecelo. Foi despois do seu pasamento cando decidín escribir esta historia. Nun principio foi bastante difícil porque non sabía desde que perspectiva tratalo. Escribín uns poucos folios e despois tardei anos en retomala. Quixen achegar o que puidera. A historia de Man dá para moito. Fixéronse máis cousas: unha web, unha casa-museo, hai un documental.. É un tema que pode tratarse desde moitas perspectivas.
Cando dis que dá para falar de moitas cousas, refíreste, por exemplo, á concepción da arte…
A concepción da arte, que significa ser artista na sociedade de hoxe, o conflito do artista coa sociedade… Coa situación socioeconómica de hoxe, nunha sociedade na que as persoas viven pendentes do material, Man vive co estritamente necesario.
Mais nesa imaxe do ermitán quizais haxa un risco de idealización romántica do personaxe.
É que el era un artista romántico. Descobre a súa vocación despois de contemplar un cadro de Friedrich. Non é idealización: é que é un romántico. Mais, a que te refires?
"El era un artista romántico. Descobre a súa vocación despois de contemplar un cadro de Friedrich"
Ao perigo de que non resulte verosímil. De que o personaxe non resulte real.
O máis difícil, en realidade, non foi iso. Foi afastarse dos clixés que había sobre el: o tolo de Camelle que se bañaba espido e ía con taparrabos... Claro que tamén quixen darlle profundidade, emotividade, para que resulte veraz, verosímil.
É unha persoa solitaria. Mais en realidade tampouco é exactamente así. Escolle ben con quen quere relacionarse. Para ser artista na sociedade actual, non tes que vivir retirado dela.
A súa é unha soidade escollida. El decide ser como é. Ten moitos matices, contrapostos e complementarios.
Como ser un ser moi vulnerable e ao mesmo tempo capaz de arrepoñerse cando o agriden. É verdade que foi acusado de abusar sexualmente dunha nena?
É moi sensible e ao mesmo tempo moi forte. Arreponse ás adversidades, que foron moitas. Escolle un tipo de vida que lle causa problemas cos veciños, coa familia… pero el tira para adiante. O da acusación de abusos sexuais é verdade. Tivo un xuízo, pero a acusación non se sostiña e ao final quedou en nada. Foi terrible o que tivo que afrontar.
"Escolle un tipo de vida que lle causa problemas cos veciños, coa familia… pero el tira para adiante"
Na novela contas como evoluciona a relación cos veciños, ou máis ben con parte deles. De ser ben acollido a ser rexeitado porque non cumpre as normas.
Cando vives nun sitio pequeno non pasas desapercibido, claro. Man encaixou ben en Camelle, nun principio. Era un mozo educado, que ía á misa… pero despois deu un cambio brusco que a xente non soubo asimilar. Ademais tivo un conflito cos veciños cando se construíu un dique onde estaba o seu museo.
A súa concepción da arte é tamén moi romántica. O artista como intermediario entre a natureza e o home.
Si, é a concepción romántica da arte, coa importancia que a natureza ten nela. El nun principio é un artista “clásico”: usa lenzos, cadros, viaxara a París para converterse nun artista recoñecido… Pero despois decátase de que iso non ten sentido e asume un dos principios do romanticismo: o home fronte ao universo, sen Deus, sen familia, sen sociedade… O individuo fronte ao universo absoluto.
"Asume un dos principios do romanticismo: o home fronte ao universo, sen Deus, sen familia, sen sociedade"
El mesmo pregúntase ás veces se non estará caendo no “espectáculo” e o “mercantilismo”, como cando acepta ser entrevistado en televisión. Tiña un desexo de grandeza, pensaba que a súa obra ía ser un gran legado para a humanidade…
Por moito que o artista tente ser humilde, se non ten un desexo de grandeza non aspiraría á transcendencia, entón a arte non tería sentido.
No fondo, é unha historia de procura da liberdade.
A de Man é unha historia de procura dunha liberdade absoluta e radical. Desde as primeiras viaxes que fai. Unha liberdade artística, emocional, existencial…
Namora dunha mestra do pobo e, como se sente rexeitado, non quere saber nada máis do amor, nin da sociedade en xeral. Ademais desa necesidade latente dunha vida anacoreta, se cadra tamén tiña moito medo. Ao fracaso.
O tema do namoramento funciona ben a nivel literario. Tiña que haber un motivo para o seu cambio de vida. Un detonante. Pero eu non creo que fose unha persoa que se deixase levar polo medo. Nese fracaso amoroso el atopa o motivo para converterse en quen quería ser. De feito, acaba dándolle as grazas á mestra, porque pensa que se tivese casado con ela, sería como o marido dela, unha persoa “normal”. Si que é verdade que todo o marcaba moito, pero é quen de tirar para adiante malia as ameazas, a malleira que lle deron…
"Non creo que fose unha persoa que se deixase levar polo medo"
A conexión co “primitivo”, co ancestral, está desde o principio. E coa natureza. A súa arte pode entenderse tamén desde esa perspectiva. Os seus círculos…
Hai unha chamada constante da natureza. O fracaso amoroso é o detonante para que a escoite e se retire da vida social.
Gañaches o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Fornelos & Fornelos, segunda fundación. Un libro no que está moi presente a procura do lugar, como en O viaxeiro radical.
Fornelos & Fornelos ía ser, en principio, unha triloxía. Pero vai ser máis. Un corpo poético co que vou seguir mentres poida. Fornelos & Fornelos, primeira fundación e Fornelos & Fornelos, segunda fundación, son parte dun mesmo proxecto, nese sentido. É a constatación do lugar, a evocación do lugar, un intento de salvar o lugar a través da palabra.
E a procura da orixe para dar sentido á existencia.
É existencial, vivencial, si. Buscamos a orixe para atopar o sentido.
O idioma tamén está moi presente. Como parte desa orixe.
En Fornelos & Fornelos, primeira fundación, non había esa alusión ao idioma. A segunda parte é máis reflexiva e o tema do idioma tamén é máis notorio. Podemos falar da orixe, do sentido da existencia, grazas ao idioma, á linguaxe. E o idioma é o que é, o galego, na situación na que está.
O libro está dividido en varias partes. Cales son as diferencias entre elas?
O de dividilo en partes é unha maneira de estruturalo, pero non hai diferencias importantes entre elas.
Fala tamén da poesía como un xeito de salvarse da indixencia. Ten algo metaliterario.
Si, a poesía pode ser un xeito de salvarte, de todas esas indixencias que cito, a través da palabra, do idioma. Mais tamén é un intento de salvar un mundo que se extingue a través da palabra.
"A poesía pode ser un xeito de salvarte, de todas esas indixencias que cito, a través da palabra, do idioma"
Iso estaba se cadra máis presente na primeira parte. O rural que esmorece. Tamén porque estaba máis a infancia.
Este libro evoca, non é que fale da desaparición do rural. É un canto a algo que xa non existe, cunha vertente aquí si existencialista, non existencial. Si que é verdade que na primeira parte estaba máis a infancia. Este segundo é máis reflexivo, como dicía.
- NA TENDA DE PRAZA: O viaxeiro radical